O voto intervido e manipulado 17.05.2011
ECOS DA BERENGUELA -xornal 

XOSÉ LOIS GARCÍA
É fácil adiviñar no discurso da dereita a lóxica depredadora, para non só obter vantaxes no terreo discrepante senón decapitar o adversario, evitando un debate que constate anomalías e confirme consabidas extorsións. O encantamento da dereita, encarnado no PP e nos seus extremos máis obstinados en combater a esquerda senón a toda manifestación progresista, nun discurso fácil e desafiante que forma parte do inventario aznarista e de seus leguleios. Unha discursiva que chega ás masas non politizadas e minimamente perceptoras de problemas que proceden dos poderes mediáticos e económicos mais que dunha xestión institucional como pode ser a dos concellos.


O dilema radica nese discurso dócil pero manexábel cara a unha clientela que se dilúe na corrosiva propaganda despolitizadora dunha dereita que sabe tocar as fibras dos votantes, faltos dunha dialéctica capaz de discernir entre a realidade económica, social e política e a manipulación obstinada e solapada da dereita. Isto confirma o poder mediático que a dereita ten nos medios de información. Se nos atemos ás enquisas sobre o que pode acontecer en Valencia co presidente Camps, acusado por corrupción no caso Gürtel, que gaña escanos estamos ante un caso insólito en que a sociedade votante o premia as falcatruadas.

Así é que as recepcións que ten a mensaxe da dereita nun imaxinario moi deturpado polos recursos mediáticos, cos que contan os manipuladores que manteñen a este tipo de votantes nun plano alleo aos valores democráticos ou a unha ideoloxía progresista que sexa capaz de abandeirar unha perceptibilidade pragmática que contrarreste cada un dos formatos alienantes que utiliza a dereita. O problema é que cando falamos de ideoloxía vemos que a esquerda perdeu os referentes ideolóxicos. A renuncia que fixo a eles o está pagando unha xeración de desmotivados que están sendo usurpados polo discurso da dereita e polas súas rastreiras dádivas.

Estas serían as dúas grandes vías en que o PP postula un discurso fácil e ocasional que a gran masa, carente de ideoloxía, asume e outro porcentaxe da súa clientela estea a auspicios de prebendas, esa vella práctica caciquil, subcaciquil e lumpencaciquil, perfectamente estruturada nesa pirámide de estratificación clasista, verdadeira máquina de alienar e domesticar para dominar parcelas de poder e coaccionar a quen resiste e ataca a seus monopolios. Dado estes parámetros, non é difícil, desde unha óptica ideolóxica, verificar detalles tan nocivos contra a saúde democrática por parte de estamentos específicos que contradín un verdadeiro Estado de Dereito, no que respecta a dereitos individuais.

A dependencia de tantos valores democráticos, xa proscritos, fai que a sociedade civil sexa máis vulnerábel fronte á monstruosa mediatización de partidos que solemnizan seus postulados co disfrace democrático. Non é críbel esta democracia cando amaga o vello conflito de loita de clases ou cae na peor das histerias colectivas de aceptar ditaduras como a que nos mostra Berlusconi con disfrace de demócrata. Vemos como os grandes monopolios económicos usurpan expresións cívicas e sociais valéndose do voto democrático que na utopía de Saint-Simon figura como a gran mentira dos que apelan a democracia para manterse en poderes despóticos. Estamos ante o vello dilema da democracia aristotélica en que a fraude despótica enmascaraba a soberanía democrática.

Os valores democráticos utilizados pola dereita son ben curiosos no panorama galego, cando se trata de absorber votos con mentiras, insinuacións ou colocando pasquíns anónimos sobre os adversarios, ou propagando ao do líder do partido, cando este non se presenta como alcalde. Este reducionismo é froito da usurpación e deformación da democracia..

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras