Mero: No papel que mudo escoita - 28/06/2011
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García
ECOS DA BERENGUELA

Non sempre a poesía ten no poeta a seu mellor aliado ou ao entendedor das cousas e dos momentos que ela propicia. A poesía sempre é transcendencia do vivido e do que se traduce en vivencia, como don de tódalas inercias e desas sensacións que se fan milagre, emanada dun misterio sempre incerto e inacabado que os humanos reiteramos sen ter demasiada conciencia delo.

Pero o poeta sempre connota esas pegadas de sensibilidade exitando referentes que dimensionan o portento da ánima poética. Aquí é onde a poesía é mesmo ela e está por enriba do que o poeta poda suxerir e confrontar. A ánima poética non é unha abstracción, é a claridade en que as cousas ataviadas de neboeiro o poeta andante ten que revelar seu resplandor.

Pode que este preámbulo sírvame para encetar as impresións dese diálogo mantido entre poeta e poesía, dunha maneira implicada en cada un dos apelos que o poeta, Baldomero Iglesias Dobarrio (alias, Mero) atina no seu poemario, tan revelador como metafísico, que titula: “No papel que mudo escoita” (Publicado por Foulas do Rañego, nº 8/ Irmandade Manuel María). Nas 350 páxinas deste volume, suxírense varios parámetros que se manifestan en proxeccións que o poeta tece minuciosamente con recursos históricos, de denuncia, versións patrióticas, exaltación da nación sometida, o amor e o sexo como motor esencial de vida, a Galiza emigrante en Cuba, a Chaira e Xanceda terras de nacencia e de permanencia do poeta. O compendio é amplo e exhaustivo, alén destas materias –ou tenencias sensíbeis-, Mero proclama neses longos versos e tamén sintéticos a lembranza do que outros viviron nesta Galiza inmorredoira, pese aos sátrapas camuflados de ponderados homes de ben, mecenas en tódolos eidos da cacicada política e no desorde cotián, aí están os poemas xustos e valentes contra a dilapidación identitaria, onde o poema e mais o cántico de Mero proclaman alento contra a sórdida e contamina liberdade.

A voz de Mero nunca estivo ausente no acordar desa longa soneca no que todo se reduce a indiferencia de quen dorme sen decatarse das prioridades do presente. As pegadas que atopamos na poética de Mero, son marcas decisivas para retomar a herdanza do pasado e abrir horizontes de futuro. E nestas puntualidades de Mero, en bater nas conciencias amagadas na noite dos naufraxios, lémbrame aqueles versos de J. M. Caballero Bonald: “Despierta, ya es de día, mira/ los restos del naufragio/ bruscamente esparcidos/ en la vidriosa linde del insomnio”.

En toda esta materia transbordável onde a poesía actúa dunha maneira sistemática, valéndose dese papel que escoita tódalas mudeces da extenuación da vida, o poeta erixe contra esas hostilidades o gume da palabra en varias versións, sempre sustentado por esa equilibrada orde de permanencia e de innovar os amplos territorios do cotián. E nesa permanencia está a insubmisión de Mero que descobre presentes e alenta futuros. Velaquí o exemplo mais radical dun poeta procurando a madurez en súa sabenza que ordena, como un verdadeiro artesán do que se pensa, do que se di e connota por ese itinerario de quebrantos, por onde o poeta nos leva por terreos sen sospeita.

Con “No papel que mudo escoita”, estamos ante un memorial de disidencias que contradí aos que oprimen e asolagan o caudal da vida en súa plenitude e liberdade. Mero non insinúa, só manifesta o prodixio de ser natural coas cousas e non cos náufragos de incertezas. Mero, xa entrado nos seus sesenta veraos, suficientemente naturalizado nos acordes épicos e elexíacos da poesía e dos dons de Orfeo, pode dicirlle á vida como o bardo Pondal referiu: “Carballos de Carballido,/ vamos vellos”. Mero non é vello nin antigo, a súa precocidade de sentir a poesía sempre recende a mocidade liberada.
C

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras