San Froilán de Lugo - 05/10/2011
Opinión - logo gd 2

ECOS DA BERENGUELA
Xosé Lois García

En toda a provincia de Lugo a data do 5 de outubro, calendas en festividade de San Froilán, unifica esa tradicional festa de tantas expresións e benquerencias que lle dan a Lugo esa outra dimensión de aferrarse á irmandade, por medio da festa grande e tan dimensionada de particularismos que non só fan os de Lugo, desde a súa aldea grande, senón que todas as aldeas da provincia centran en Lugo seu convivio.

Curioso é que aquel bispo de León nado en Lugo, de nome visigótico, Froilán chamado e que sen ser padroeiro de Lugo nin da provincia, só da diocese, perfilou a seu redor un grande festón –como chamaban os aldeáns que a aldea grande ían-. Aínda que moitos coidan que el é o patrón de Lugo, quen ten esta prerrogativa é a Nosa Señora dos Ollos Grandes, que aparece nunha das mais coñecidas cantigas de Afonso X o Sabio, con privilexios e prebendas reais desde o século XII.

Mais o san Froilán, en súas festas, ten esa categoría sólida de aconchego; de axuntar a seu remoto rabaño ciscado por elevadas montañas e serras, delicados vales e ostentosas mariñas que a provincia de Lugo ordena en súa xeografía. Cada 5 de outubro a cidadanía provinciana ten como referencia consagrar ledicia e degustar o polbo e outras particularidades que a festa ofrece e demanda en seu ritual. E porque non, dar unha camiñada polo perímetro da muralla, ir polo círculo sagrado e ollar ao centro dedicado a devoción do deus Lug. Ou por onde María Castaña defendeu a cidade e os arrogantes bispos auto chamábanse señores de Lugo, dese círculo chamado sacro e tantas veces profanado.

Mais san Froilán está caracterizado iconograficamente de cen maneiras e, tamén, interpretado en libros moi dispares. Eu me quedaría coa talla de Gregorio de Moure e co libro de Xulio Xiz, estes dous referentes unifican as pretensión que se lle quixo dar a Froilán, e cada un pode ter unha interpretación ben diversa e diferente.

Os milagres atribuídos a san Froilán son ben simpáticos, entre a argucia de seducción e o poder de santidade que lle podemos atribuír no contexto milagreiro. O caso é que indo de León para Lugo, ou viceversa, polos montes do Courel, Cebreiro ou Ancares –o mesmo da- o famoso lobo de marras, que degustou carne do asno que levaba as alforxas peregrinas do santo bispo. O milagre foi certeiro e peculiar, chamou a orde ao canis lupus e o condenou a por vida a ese suplicio de ser animal domesticado e sufrinte de súa propia natureza. Outra maneira de maltrato cos animais que hoxe diríamos os defensores dos mesmos e deostando calquera virtude de santidade que Froilán exhiba.

Mais ese milagre, ou tortura do lobo, como se queira ver, non é un invento orixinario dos devotos de Lugo ou León, senón que forma parte dun inventario milagreiro que se deu en Alemaña entre os séculos VII e VIII. Cóntase que no condado e diocese de Freisig (Baviera), o bispo de Freisig, san Corbiano (Chartres, 680-730) indo para Roma e pasando polas serras bávaras, un oso comeu o seu cabalo e san Corbiano chamou ao oso a contas e o fixo cargar coa súa equipaxe de por vida. Este feito se fixo tan popular que se traduciu en dimensionada tradición, sobre todo en terras bávaras que o propio arcebispo de Munich e Freisig, Joseph Razinger introduxo no seu escudo arcebispal en 1977, o oso cargando alforxas. Ese oso o podemos contemplar no escudo papal de Bieito XVI. Unha simboloxía que representa para os católicos de Baviera o poder do milagre.

Así que os milagres de san Froilán, o asno e o lobo, son consecuencia dese difusionismo de culturas e dos dicires e dos oíres que se foron espallando. Así que do espacio bávaro transcendeu o milagre de san Corbiano ao espacio de Galiza propoñendo a san Froilán de tais dons milagreiros, e dándolle o acomodo desa tradición que nacera un século anterior á existencia de Froilán. Aquí podemos aínda argumentar eses vínculos, como unha tradición orixinaria dun país diferente ao noso.

Mais a tradición, adobiada de mentiras, ten ese encanto xubilar cunha carga inxenua marabillosa que nos leva alén do superficial. Se os lugueses non tivéramos o suculento milagre de san Froilán teríamos que inventalo. Así o requiren os canons da nosa inmorredoira festa popular tan auténtica como Lugo mesmo é.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras