Dinastías vitalicias - 01/02/2012
ECOS DA BERENGUELA - xornal

Xosé Lois García

Vimos observando, actualmente, a eses clans políticos de familia como esnaquizan e masacran á cidadanía baixo súas botas ou procuran facer adictos coas migallas sobrantes que eles transforman en prebendas, conseguindo longa factíbel estadía no poder totalitario. Estas dúas modalidades en uso podemos contemplalas en varios horizontes da vida política e dunha maneira tráxica e conmovedora.

O relato teimoso deses ditadores por erixir e manter a seus familiares mais próximos como sucesores non ten límite. Isto o podemos contemplar en varios sistemas, tanto no contexto ditatorial como no democrático. O caso de Corea do Norte evidencia a esa dinastía sucesoria dos Kim. Ao fundador do réxime totalitario coreano, Kim Il Sung, un teórico abstracto do comunismo, sucedeulle o seu fillo Kim Jong Il, tan sátrapa como vaidoso, e a este, o seu fillo Kim Jong Um, un precoz idiota, que fará historia cruel como seus antecesores.

Eses ditadores de mais rango que conspiran por ser eternos no poder e por vía xenética. Este é o caso frustrado de Sadan Husein que xa tiña deseñado a súa sucesión no seu fillo Uday. O caso mais recente é o de Muamar el Gadafi que xa proclamara para ocupar o poder en Libia a seu fillo Saif al Islam. Tamén a frustración chegoulle a Hosni Mubarak de non verse relevado por seu fillo primoxénito Gamal Mubarak. Mais quen logrou suceder a Hafez al Asad foi o seu fillo Bashar al Asad, ese asasino e depredador das liberdades de Siria que non pon prezo á súa devastación xenocida. Pensemos na monarquía de Marrocos, desde a súa independencia ata a actualidade tres membros desa dinastía ocupan o trono dunha maneira totalitaria e inflexíbel. Mohamed VI fai exhibición en actos públicos de seu rango sucesorio e de clan dinástico, colocando á súa dereita o seu fillo Moulay Hassan de oito anos, e á esquerda a seu irmao Moulay Rachid, como advertencia a seus súbditos que o seu poder é sagrado, continuista e intocábel a perpetuación de súa liñaxe.

Esta maneira de exhibir a seus sucesores, fillos, netos é moi corrente nas monarquías europeas onde esas dinastías procuran exceder e emular tradicións, postulados e rangos que xa non teñen sentido nunha suposta sociedade civil e democrática. Xa vemos como rematan en fiasco estas perpetuacións sucesorias.

En democracia vemos ese impulso autoritario e arrebatador como o de Jean-Marie Le Pen que coida por súa transcendencia doutrinaria e totalitaria na súa filla, Marine Le Pen. Os irmaos Castro, os Kennedy, os Bush etc. Mais tampouco non se nos escapa esa dinastía sucesoria preparada por Perón para que as súas donas, Evita e Isabelita, perfilaran seu legado de dictador disfrazado de demócrata. No peronismo actual está á vista esa nova estirpe dos Kirchner ocupando a presidencia de Arxentina, a Néstor sucedeulle a súa dona, Cristina Fernández e esta parece que xa catapultou cara a súa sucesión a seu fillo, Máximo Kirchner.

As paranoias por conquistar os alzados políticos para consolidar e perpetuar execrábeis fortunas e amparalas por vía dinástica e sucesoria, perfilan un abondoso dossier de modalidades, confirmando que a familia, nesa cosa nostra, é o soporte de intereses económicos mais indecentes que fornecen esa mentalidade de perpetuación vitalicia.

Na historia da nosa Galiza hai dinastías que forneceron grandes fortunas amparadas na política, no que a sucesión de parentela foi determinante para conservar e aumentar eses intereses. Temos múltiples referentes desde o reaccionario Bugallal, pasando por Montero Ríos, ata chegar ao caciquismo de Pepe Benito que, amparado na Deputación de Lugo, fixo fortuna e influencia ministerial polos anos vinte do século Pasado, un exemplo que moitos seguiron e o multiplicaron sen escrúpulos.

As deputacións galegas sempre foron ese verxel florido de caciques e subcaciques que manipularon a peneira das prebendas a seu xeito. A Deputación de Ourense remata de ser noticia pola dimisión de seu presidente, José Luís Baltar, para facilitarlle o aceso presidencial a seu fillo. Primeiro indicio de perpetuación vitalicio da familia Baltar. Ademais, o dimitido presidente, soubo crear un feudo a súa medida, con alcaldes incondicionais; con favores permanentes co fin de condicionar a moitos de seus acólitos como axentes e correa de transmisión para ser absoluto en gañar eleccións.

José Luís Baltar merece un estudio sociolóxico, polo que aporta nas súas manobras políticas e por ser o fundador dunha grea que ao amparo do seu populismo pachangueiro, de trombón, de frases feitas e de insultos a seus adversarios tivo éxito, grazas a eses arroutos totalitarios que soubo utilizar. Así que esa caste de ditadores, de monarquías e de caciques perdura en súas falcatruadas. Entendemos porque estas dinastías afánanse por ser vitalicias e totalitarias.

 
 

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras