"Cores para aloumiñar soños" - 27/03/2012
ECOS DA BERENGUELA - xornal

Xosé Lois García

Un título en destaque que esclarece un autor, dono e señor dun proxecto artístico que se circunscribe en varios perfiles creativos, tanto na pintura como na escultura. Falamos de Miguel Anxo Macía (Lugo, 1955). Quizais un deses creadores que Galiza esquece, como tantas cousas creativas de talento que nos veñen de autores áticos e minuciosos, como el, que deixamos escapar fugazmente, ou por ser de terra firme, da que pisamos tódolos días. E nese noso camiñar adverso temos a teima de ignorar o noso e, sobre todo, o que producen os nosos artistas, así se nos van zafando cara outras latitudes os nosos creadores e a nosa arte. Digo nosa, porque Miguel Anxo Macía proclama a nosa terra e as nosas xentes dentro e fora de Galiza. Múltiples exposicións teñen sido expostas por todas as xeografías galegas. Por tanto, estamos ante un pintor coñecido, mais tiña que ser proclamado ben a altura dos nosos grandes pintores galegos. Non digo nomes, mais está na mente de todos aos que me refiro.

Fai poucas semanas que se presentou en Lugo, un libro publicado pola Editorial Alvarellos (2012), da autoría do profesor e filólogo, Camilo Gómez Torres, titulado: “Cores para aloumiñar soños”. O profesor Gómez Torres é un investigador moi serio e moi firme en entrar metódica e cabalmente nas entretelas de persoeiros dos que el ten publicado traballos. O sabemos ben polas investigacións que ten feito e revelado sobre a persoa e a poesía de Manuel María. Un verdadeiro e recoñecido especialista na poesía do poeta chairego, que marca distancias luz con aqueles que nos temos introducido na obra de Manuel María. Así que as súas pesquisas están escrupulosamente ordenadas de moitas maneiras, que vai ser difícil que ninguén supere ese acervo tan puntual como esclarecedor como o que nos ofrece Camilo Gómez Torres.

Mais o sorprendente de Camilo é que entra a desmiudar unha obra de arte como a que nos ofrenda Miguel Anxo Macía, con severa puntualidade e escudriñando seus espazos e fórmulas crommáticas, sen deixar ningún temario sen resolver. Claro que para un filólogo non é igual entrar en literatura que en pintura, os campos son distintos mais que aínda sexan complementarios, a investigación sempre é desigual ou diferente. Mais o ímpeto do profesor Gómez Torres, salienta esa harmonía, sempre fresca e dimensional, do concreto e das estructuras marco que dinamizan un cadro de Miguel Anxo Macía. Velaquí os froitos conquistados, que son os froitos do pintor que nos descubre minuciosamente, desde o seu berce até a actualidade, con seis apartados vivenciais que titula: “As cores da vida”. E outros cinco apartados sobre a obra pictórica de Miguel Anxo Macía, que titula: “As cores dos soños”.

Neste libro de Camilo Gómez Torres preséntase unha galería de fotos que representan os cadros de Macía e abarca da páxina 141 á 197. 56 páxinas que dos dan a dimensión deste creador en seu variado escenario pictórico e escultórico. Pero Camilo non reduce nada deste creador, e pescuda nos premios, becas e distincións, exposición individuais, colectivas e obras de coleccións. Carteis e ilustracións que ven a ser outro dos dons que nos ofrece Miguel Anxo Macía no que toca ao cartelismo, unha faceta moi pouco valorada no universo artístico galego, mais esa presencia ven a reivindicar un espazo en que merece estar o noso cartelismo.

O profesor Gómez Torres prosigue, neste libro, revelándonos a totalidade da creación de Macía, no que respecta á prosa e á poesía do pintor. No tema bibliográfico, concorren a cronoloxía e a onomástica. Todo un destaque considerábel de ver e entender toda esa pormenorización; esa raiceira en que se consolida todo ese enramado que florece nun gran pintor. Nun gran creador que pensa, madura e consolida a grandeza dunha obra moi nosa, na que está presente Galiza; o universo labrego e mariñeiro, dunha maneira tan estructurada neses espazos cromáticos na que Galiza e as súas cousas teñen presenza e respiro. Miguel Anxo Macía é un pintor moi noso que non recua da autenticidade do noso, tanto da idiosincrasia como do identitario galego: a base do esencial, do irrenunciábel proclama redencionismo.