Sabucedo, entre a forza telúrica e a ancestral - 10/07/2012
ECOS DA BERENGUELA - xornal

Xosé Lois García
En Sabucedo, na Terra de Montes da Estrada, concéntranse dúas forzas que proclaman un dinamismo telúrico que emerxeu nese longo espazo de monte raso, onde habitan esas criaturas -os chamados cabalos bravos-. Sabucedo nese centro onde o hábitat humano ten eses respiros na vida serrán e montañesa, nese deslice abreviado de valgadas, vales e estivadas, coroadas por esa vexetación de montaña onde as diversas colonias de bestas guiadas por seus respectivos garañóns que velan, coidan e mobilizan a manada ou o aren de femias, perpetuando cada ano esa liturxia de apareamento e procreación neste basto universo montesío. E nesa integradora forza telúrica asóciase esoutra incontinencia ancestral, dadora de costumes inmorredoiras que continúan transcendendo en pautas e contextos culturais que conforman a nosa identidade, que A Estrada manifesta nesa lustrosa riqueza de manifestacións ancestrais que conmoven e enriquecen o noso universo cultural.

Se verificamos o talento desa tradición invariábel que nos veu dado dos nosos devanceiros, a ancestralidade ten unha convivencia co telurismo mais extremo desta xeografía da Terra de Montes, que comparten as provincias de Ourense e Pontevedra. Nesa interrelación entre o telúrico e o ancestral, conforman convivio o home e a besta, aínda que afastados, unha vez ao ano os de Sabucedo procuran a manada e a guían cara o pobo onde a acugulan nun curro para proceder á rapa e a outros pormenores sanitarios. A expectación congrega a turistas, a visitantes normais que procuran espectáculo. Para moitos o sentido desa manifestación tradicional onde se conxugan o telúrico e o ancestral é moito mais amplo.

E xa mergullados no trance principal os cabalos procuran acomodo entre eles, mentres un fato de musculosos brazos dos de Sabucedo, eses homes que viven e respiran tradición na loita non agresiva coa besta. O espectador vibra e comparte unhas dúas horas, aproximadamente, o tempo que dura o curro, en son de festa. Mais que festa é un impacto onde o home se impón á besta, dunha maneira intrínseca para mantela rapada e desinfectada.

Quizais a maioría dos espectadores vexan esa exhibición de forzas opostas dunha maneira leda e festiva. Mais o que acontece no curro de Sabucedo vai alén do festivo e ten varias connotacións no aspecto económico, productivo e equilibrador do medio ambiente no que o numeroso rabaño cabalar ocupa o espazo serrán e montesío. Mais o tema central da rapa das bestas de Sabucedo está dimensionado nun profundo temario antropolóxico, onde o home para ter o dominio da besta utiliza unhas técnicas ben remotas e de moi poucos cambios na estructura orixinal. Quizais un non perciba nesa loita a forza da tradición; a simbiose entre home e besta, dado que se precisan mutuamente e no curro, a numerosa manada que ten pouco espacio para movementarse, non se enfronta ao home, este é quen busca o animal desexado precipitándose sobre súas costas e anulando a forza pectoral da besta, mentres os cooperantes non se deixan esperar e collen ao animal pola cola e pola cabeza, as partes mais vulnerábeis da forza bruta, anulando así calquera actitude de zafarse desa técnica posta en uso por múltiples xeracións das xentes de Sabucedo, coa finalidade de aproveitarse da pelame dos cabalos. Unha técnica milenaria que constituíu invariábel tradición que ofrendan esas tres xeracións que entran no curro. Eses nenos que procuran os polros para separalos e non ser atropelados polo bule bule que acontece no curro. Na actuación deses infantes quixen ver o lado certo e iniciático en que se conforma a ritualidade e o formato desa tradición. En seus intres áureos, a tradición imponse e é consumada por ese fato de mozos breados nestas lices de someter a forza bruta das bestas con técnicas esmeradas do colectivo dos actuantes. Dentro do curro están homes maduros, maiores: mestres de inculcar tradición mais que ofrecer espectáculo. Eles honran este cacho de país da terra de Montes estradense, onde a nosa antropoloxía cultural conforma o ímpeto dun pobo que estructurou e asimilou o seu propio medio e o fixo servir equilibradamente á súa medida. Este comportamento tan rotundo como peculiar, con todas as súas manifestacións manteñen tradición xeracional en Sabucedo, nun tempo en que todo muda por decreto, facendo secar as raiceiras mais auténticas do noso pobo. Aquí non caben nen decretos nen regulacións é o pobo de Sabucedo o que ten que normalizar soberanamente o que realmente sempre fixo.

Confeso que son bastante profano nestas cuestións de festas populares e sempre manifestei a miña indiferencia cara a rapa das bestas, os sanfermíns e os castellets. Tres manifestacións populares do pobo galego, vasco-navarro e catalán, respectivamente. Tal vez porque ostenten unha dose bastante atenuada de machismo. Mais mentres nos sanfermíns fuxen do touro precipitadamente, na rapa das bestas o home enfróntase a elas. Dúas tendencias opostas que emanan dese tempero, tento e claudicación dunha das forzas.

No sentido machista, conforme mudan os tempos tamén mudan as actitudes e no curro do pasado sábado poidemos ver dúas mozas exhibindo a forza de súa pubertade integrándose, en pé de igualdade que o home. O papel mudo da muller de antano ten na muller actual esa liberdade que se vai gañando desde moi diversas esferas da sociedade e seu papel emancipador, nutríndose de tradición e participando desta riqueza tradicional.

A rapa das bestas de Sabucedo non ten nada de folclore, a realidade imponse e nútrese dese economicismo que antes se obtiña da pelame cabalar e, tamén, poñendo como obxectivo o cumprimento de sanear os animais. Mais a transcendencia da tradición ten eses punto álxido e normalizador que transcende alén dunha simples festa ou do come e bebe, nada ten do que entendemos por lúdico. Antropoloxía pura é o punto comunal de unir pobos nesa descuberta da nosa identidade. Ademais este ano tivo ese punto solidario de recadar diñeiro no curro do luns, en favor da nena de Boiro, Paula, que naceu sen sacro.