Presenza dos finados no memorial dos vivos - 30/10/2012
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Estamos en vésperas de concorrer aos cemiterios, aos camposantos como lle chaman os nosos labregos. Unha cita que a memoria e o sentimento determinan para lembrar aos que pasaron o trance da vida. A familia e os amigos benqueridos, os nosos defuntos, posúen permanencia no noso ser. Por iso peregrinamos no día de defuntos, a ese centro vital a ofrendar un oloroso ramallo de flores ou unha folla seca, como acostuman os franceses, ou unha pedra que é habitual no costumario xudeu.

Os galegos aferrados a esa tradición humilde e fraternal, de ir ás campas funerarias dos nosos defuntos e permanecer sobre elas, mantendo esa simbiose existencial entre os que permanecen na vida e na morte. Un encontro silencioso, emotivo e premeditado onde as almas dos vivos e dos mortos fluctúan.

A teimosía de rescatar a memoria dos nosos defuntos non deixa de ter entrañábeis matices de reencontro cos ausentes. E un os lembra en variados acentos de permanencia. A doce e pertinaz teimosía de recoñecelos para celebralos cunha simple flor e con unha delicada pisada sobre a terra na que xacen.

No día de hoxe de 1999 falecía en Compostela Uxío Novoneyra. Despois de acadar a gloria nas súas páxinas literarias, con recendo a terra telúrica e ancestral el permanece. Protagonizando en seus versos o rescate do pasado; a conciencia do ir indo cara outras dimensións onde a lingua e as tradicións teñen ese primordio de tantas alertas que defenden pasados e constrúen presentes, coas delicadas harmonías que el nos deixou. Uxío é un deses ausentes que permanece e vive nun amplo memorando de lembranzas, das que podemos repetir algo tan íntimo que el nos desvelou do seu pensamento: “A morte non é certo”.

Nestes días a presenza dos finados está no inventario mais emocional dos que aínda permanecemos na memoria para volver a ollada ás cousas que eles edificaron e con elas fican en pé; nos escritos que inzaron sabedoría e defensa da terra. Poñemos como exemplo a Uxío Novoneyra, que aínda sen as barreiras da morte continúa sendo un portento de vida na palabra excelsa para liberar un territorio azul e branco.