Desafiuzamentos - 19/11/2012
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

É verdade que a sociedade civil nunca tivo protección por parte dun Estado, cuxa nomenclatura gobernamental di que é elixida “democraticamente” polo pobo. O baremo de opinión pública xa connota as dúbidas que ten a cidadanía por esta “democracia” que impugna os valores civís, no que debe ser unha auténtica democracia plural. Esta “democracia” é cada vez mais singular no que respecta aos dereitos civís e á protección das clases sociais mais privilexiadas.

Leis e lexisladores protexendo as oligarquías económicas e políticas. O toco mocho da letra pequena, da inventiva dunha impunidade que as sociedades financeiras: trama das sete cabezas da serpe apocalíptica do desafiuzamento, envelenando e extorsionando a unha clase civil por ninguén protexida. E esa serpe é a clase política no goberno, tan vil e astuta que seus intereses e accións bancarias e empresariais protexen os desafiuzamentos de moradas, de persoas que ficaron sen un posto de traballo e sen protección, capaces de ter unha economía propia que faga fronte ás dictaduras bancarias.

Miles de familias foron desafiuzadas no Estado español sen que o gobernos do PSOE e do PP, procuraran amparar a estas familias que teñen un enorme drama, que lles ben dos traumas de quedar sen emprego, etc. Estamos nunha dictadura “democrática” que só serve para levar aos reos diante dunha urna cada catro anos e proclamar as excelencias desa “democracia”, tan rancia e aceda que amaga os intereses que se moven baixo a sinistra vocación dos políticos “A” e dos “B”, que se xuntan para verificar os feitos dos desafiuzamentos; para dicirlle á opinión pública que non chegaron a acordos para frear a brutalidade desta práctica que acelera a usura dos bancos.

As clases dominantes, inventoras de crises que pagan os que menos teñen que ver con elas, ademais de arrebatarlles a plusvalía e o posto de traballo róubanlles a vivenda. O mais sagrado que poden ter as persoas en convivencia; o mais íntimo no que as persoas senten harmonía solidaria. Cando un perde isto, perde a noción de vivir en sociedade; mesmo como un leproso abandonado á súa sorte. Por todo isto, a deshumanización está á orde do día e ten o seu campo abonado na desigualdade que proclaman os axentes dos bancos, os corruptos e os oportunistas políticos.

Desafiuzar converteuse nunha practica corrosiva e alarmante, despois dos suicidios das últimas semanas. A ninguén lle importa, un, dez, douscentos, mil suicidios das clases mais pobres que o sistema capitalista creou. Para os capitalistas, isto do suicidio, por ficar sen vivenda, pode resultarlles un acto lírico ou cómico, porque estes señores están mais habituados aos números que as palabras dolorosas. Dadas estas circunstancias, as forzas do Estado están a disposición de desaloxar pola forza aos desafiuzados. Imaxes tremendas, deshumanizantes, típicas dunha sociedade incivil, chea de pavor e barbarie, como a que encarna ese robusto e ático policía, cuxa imaxe percorreu todo o mundo, con súa porra en horizontal, tumba a dous octoxenarios.

Parece que perdemos xa non a ética de convivir senón o sentido de vivir en liberdade. As frustracións son cada vez maiores e cando un padece ou detecta as atrocidades que nos veñen dos poderosos estamos indefensos. Qué pode facer un dos ideólogos da dereita para frear tanto despotismo? Pois proceder en acelerar mais a desfeita social e os desafiuzamentos. Qué pode facer a mal chamada esquerda do PSOE, xuntoiros cos seus colegas do PP e saír nos medios a dicirnos que non se poñen de acordo, ante tal problema. Un xeito de darlle carta branca ao dragón financieiro, sen pudor e sen regras.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras