Cataluña, polo camiño da súa soberanía - 27/11/2012
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Cataluña, unha vez mais, mostrou esa enorme capacidade de ser un pobo profundamente plural, que non vai detrás de acenos ou de seguir a tramposas cenorias. Isto parece que a dereita de CiU e a do PP, non o perciben –os dous nacionalismos opostos- e, curiosamente, esa pluralidade cidadán, soubo esclarecer os episodios que se agachan na coartada oficializada de CiU sobre o soberanismo, para camuflar a realidade de múltiples retallos que o goberno de Artur Mas realizou neste derradeiro ano. Ter o control da Generalitat, do Concello e da Deputación de Barcelona, coidaron que todo estaba baixo control. E todo ese poder ditatorial indixestounos. Así que a cidadanía catalá respondeu unanimemente indo ás urnas e restando as manipulacións e propósitos maliciosos de Mas.

Tal como están as correlacións de forzas, sobre todo na posición que ficou Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), non lle vai ser fácil gobernar a CiU sen o consenso ou o permisismo de ERC. Dado que este partido foi sempre moi fundamentalista no tema do soberanismo e da independencia de Cataluña. E se ese soberanismo oportunista e escurantista que promoveron os converxentes, nestas circunstancias de agora, terán que apandar con outro mais veraz e contundente, o que ERC promove e nunca ocultou.

Sabemos todos que Cataluña, maioritariamente, é soberanista e ten razóns de peso para selo. Sobre todo polos agravios e inxurias que se cometeron contra os dereitos que ten como nación asoballada. E nestas eleccións mostrase a contundencia do soberanismo, cando os votantes de CiU transbordan o voto cara unha opción mais de esquerdas e soberanista, que veu denunciando os retallos do goberno de Artur Mas, como é o caso de ERC. Pois ninguén dubida que os once escanos que recupera ERC forman parte dos doce que perde CiU, convertendo aos republicanos na segunda forza no parlamento catalán.

Por tanto, se contabilizamos os cincuenta escanos de CiU, vinte e un de ERC, tres de CUP, estaremos falando dun maioría soberanista ben folgada de setenta e catro escanos soberanistas e, aínda coa dispoñibilidade de ICV-EUiA no que toca á autodeterminación de Cataluña que reivindica. O nacionalismo españolista está encarnado polo PP, Ciutadans e por un PSC que sae moi tocado polas incoherencias de clase e polos súas torpezas sobre soberanismo. Pois estas tres forzas suman corenta e oito escanos. Unha diferenza bastante clara con respecto aos setenta e catro escanos das forzas soberanistas.

Nunhas eleccións tan pluralistas como as que se acaban de dar en Cataluña, sempre xurde un amplo ventallo de lecturas sobre diversas posturas e problemáticas que a sociedade trata de resolver. Por tanto a subida estrepitosa de ERC, a moderada de ICV-EUiA, mais esa forza emerxente do independentismo de esquerda que encarna CUP, fan saber que o tema social terá un revulsivo importante na cámara parlamentaria, sen descoidar, por tanto, ao PSC.

No tema social, veremos a unha Converxencia resentida polas directrices do seu opositor mais inmediato, ERC? A un PP co raca e raca do anticatalanismo? Seguro que si. De certo, os Ciutadans acompañarán a tocata pepeira dado que se incautaron de posíbeis votos de arrepentidos do PP que os aproximará. Neste caso, o PP non pode cantar vitoria, quedou como estaba na gran batalla mais crucial que é Barcelona, cun escano mais en Girona, non pode sacar rendibilidade, a non ser para silenciar seus fracasos nunhas eleccións que lle foron adversas. Nesta campaña, o PP nada falou de temas tan graves como son os recortes que empobrecen a unha sociedade en desfeita e con índices de miseria. Esta elocuencia fixo que os electores proclamasen algo apoteótico que ben sendo a decadencia do goberno de Rajoy.

A sociedade catalá falou, e continuará falando. Como dixo un dos seus fillos mais preclaros, Josep Palau i Fabre: “Em sembla molt que els països, com els individus, són grans en la mesura que saben veure els problemes que els assetgen i que saben escometre’ls de cara.”

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras