O cavaleiro da esperança - 18/12/2012
ECOS DA BERENGUELA -xornal


Xosé Lois García

Pode que un non perciba as epopeas do Brasil sen ler a narrativa e os romances do escritor bahiano, Jorge Amado. Tan dado ás loas de feitos inmorredoiros que perfilaron esa grande e extensiva patria brasileira. El foi o escritor que internacionalizou á épica dun pobo e os trances que a memoria esixe para facer historia común, comunal e comunista. Nas súas novelas non só descríbense feitos senón que codifican pormenores de loitas –moi diversas loitas- as que se deben a formación nacional do Brasil.

Estamos no centenario de Jorge Amado (1912-2001), que os brasileiros celebran con tanto ardor e significado, cara o home meticuloso en todo o acervo da súa escrita e das particularidades que esta ofrece. Un centenario que O Salvador de Bahia fai portentos e toda a cidade e, sobre todo, na “Casa Jorge Amado”, ese gran museo e casa de cultura no centro do mítico Pelouriño, onde se expoñen seus libros, en tódalas edicións e traducións que se realizaron na maioría das linguas do mundo. Unha enorme casa barroca onde se guarnece a memoria do escritor, e que está baixo a dirección da poeta Myriam Fraga.

Neste centro está exposto o seu gran libro que narra unha das epopeas sociais que esclarecen ao Brasil revolucionario. O título do libro atrae curiosidade: “O cavaleiro da esperança (vida de Luiz Carlos Prestes)”. Prestes (1898-1990) foi un militar revolucionario e Secretario Xeneral do Partido Comunista Brasileiro. Un libro que recolle todos aqueles avatares revolucionarios de Luiz Carlos Prestes. Un libro esgotado que eu procurei polas librarías do Salvador, sen conseguilo. O poeta, Ildácio Tavares levoume a un “Sebo” (librarías de libros antigos) e atopei a 10ª edición de 1956. Este libro foi publicado por primeira vez en 1942. Na nota introdutoria, Jorge Amado alerta ao lector: “Falo agora de Luiz Carlos Prestes, trago para junto do povo a sua figura de Herói, nascida do povo e na frente do povo. Un exemplo para todo o Brasil. Por maior que possa ser a sujeira sob a ditadura, a dignidade de Prestes, por si só, é suficiente para lançar uma luz sôbre esse charco, uma luz de esperança. Quando o povo do Brasil vê uma geração de homens se entregar, nada melhor que mais uma vez apontar para Luiz Carlos Prestes”.

As revolucionarias columnas militares de Prestes fecundaron esperanza nas clases pobres e desposuídas do Brasil. Sobre todo, nos estados nordestinos onde foi mais efectiva a revolución que Prestes emprendeu. Un dos momentos mais álxidos deste libro, que nos relata Jorge Amado, pode que sexan as seguintes liñas: “Ia vencer combates, lutar marchar incesantemente. Mas, já agora, das fazendas, dos povoados e das cidades, viriam as famílias, numa alegria de dia de festa, assistir à passagem dos soldados de Prestes. Levavam café, leite, doces de milho, remédios para os feridos: Essas são cenas que de agora em diante se repeten a cada dia. Já sabem o que é a Coluna, os motivos por que ela marcha, por que combate. Já sabem quem é Prestes, o que êle quer, o que êle faz. Seu nome já é o mais popular de todos os nomes do país”.

Toda a escrita de Jorge Amado, patenta estas incontinencias sociais que se deron nos conflitos de clase no Brasil. Os heroes do pobo son moitos, nesas súas historias de emancipación social que o escritor bahiano nos narra, dunha maneira intanxíbel e pragmática que, tamén, conforma as verdadeiras historias que fican ao marxe do debate e das hipóteses dos historiadores. Así, como a de Prestes, abundan na intensa obra de Jorge Amado. Un escritor que amou a rebeldía e fixo dela camiño novo de esperanza, nese Brasil estrelecido por tantos fachos de luz revolucionaria.

Para entender os conflitos sociais do Brasil hai que ir aos aconteceres narrativos de Jorge Amado, nos que se matiza a loita de clases dunha maneira que esclarece as causas das revoltas e das emancipacións dos sen terra e dos sen salario. Neste centenario do nacemento de Jorge Amado, que agora remata, unha lectura obrigada a calquera de seus libros desvelará os diversos perfiles dun Brasil que el soubo entender e transmitir.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras