Os templos avaros de Nadal - 24/12/2012
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Ía eu por esta Barcelona radiante, entre os fulgores lampos deste solsticio de inverno, entre o tradicional reclamo festeiro de Nadal. As figuriñas dos beléns, dos caganets e dos caga tiós que sempre estiveron na lexitimidade mais pura e popular dos nadais cataláns. Talvez aqueles nadais de fai preto de medio século foron declinando cara outra orde de preferencias que se lle inculcaron á cidadanía. A mudanza é comprobábel na competitividade e na avaricia de crearnos formidábeis atraccións aditivas para converternos en activos consumistas sen ter a maior necesidade de posuír mercadorías que non precisamos.

Tiña razón José Saramago cando, nunha das súas novelas, analizou o cambio de rol entre os que acugulaban os templos atraídos pola relixiosidade e, agora, a investida que fixo o capitalismo mercantil de facernos entrar en escena, neses seus templos consumistas e converternos en seus reos. Relixión e consumismo dúas contundencias de alienación do mundo do século XXI que nos conmociona. Mais nestes destemperos non somos capaces de facer unha verificación dos desaxustes sociais que isto comporta. Aínda a escoller, pode que fose mais axeitado estar nun templo católico escoitando a retórica e a homilética da mentira e do faime rir, que estar nun deses templos mercantís que devastan as febles economías de quen ten un salario mínimo e que está na corda frouxa de perder o seu traballo.

Os templos económicos das grandes superficies no mais elemental do reclamo para satisfacer as súas sumas vertixinosas de enriquecemento que ben a substituír toda norma de moral e de ética, todo por ben do lucro e do beneficio orquestrado de mil e unha maneira. Así contemplamos a unha maioría social errada e errante, escarnecida e roubada en seus propios valores que lle vulneraron e anularon, creándolle unha mentalidade servil.

Nestes tantos artificios que o consumismo nos devora, o factor insolidario medra nesa eutanasia de conformismo ben calculado. E a hipocrisía é tal que aparece con esa cara de amizade e benevolencia, por parte de certos entes que recollen comida para que neste Nadal, ningún sen teito e carente de bens persoais e de comida o pase mal, nun día de tanta santidade e irmandade, mentres os que así pensan tratan de xustificar a migalla que lles dan aos pobres un día, para encubrir a avaricia que lles nega diariamente.

Con isto non desdicimos a moita xente que loita para que os pobres e os vilipendiados teñan non só un día senón que o Estado asuma a súa responsabilidade é practique o final desas conmocións que causan a falta de traballo, en súa longa cadea de precipitar aos parados de ficar sen casa cando os bancos lanzan a súa táctica de asfixialos con desafiuzamentos e outras mañas ilícitas de empobrecelos e deshumanizalos.

Con todo este sistema estatalizado e de retorcida democracia que favorece a quen mais ten e aos que arruínan a unha comunidade de pobres e humillados. Un Nadal ben contrario ao daquela predica que con Xesús de Nazaret nacía un home novo, ese sentido de festexo colectivo desembocou nun consumismo ben ideado e alimentado polos que se lucran co engano e con pérfida malicia esquecendo unha mínima ética cara aquelas persoas esmorecidas e sen saír das tebras que a desigualdade os marxina.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras