Nos poucos da tradición oral de Sober - 25/09/2012
Opinión - logo gd 2


Xosé Lois García

Son dos que penso que desde o mais íntimo e redutíbel do espazo existencial, no que nos criamos e nos desenvolvemos, procésase a nosa naturalidade dunha maneira íntima e acelerada por descubrir e dialogar con todo ese portento de variadas materias das que emana a nosa personalidade tan concreta do que somos, grazas ás descubertas que mantemos co noso microcosmos.

Isto é o que lle acontece a un grupo moi importante de pescudadores e descubridores do concello lugués de Sober, nos confíns do sur da provincia, que manteñen in situ ese diálogo coas cousas que desprenden pedagoxía. Desde os petróglifos neolíticos ate chegar á oralidade mais recente hai un enorme ventallo de cousas dispersas que este grupo trata de investigar e amañar seus dons para darnos matices do que se concentra no telúrico e se dimensiona na ancestralidade. Neste proceso, temos un avultado número de cousas con identidade propia que este grupo de persoas intensifica e divulga seus traballos ao redor do “Colado do Vento” (coladodovento.blogspot.com.es). Un blog que merece a pena visitar e do que sacaremos inmensas leccións do que Sober representa no contexto arqueolóxico, antropolóxico, etnolóxico, artístico, cultural e histórico de Galiza.

Constato que nestes primordios de descubertas hai un grupo aguerrido de persoas como Paula Verao e Alfonso Campos que están intensificando unha dinámica de afondar na intimidade deses latexos que dan pulo e conciencia no rescate de todo aquilo que de Sober emana. Así, o 20 de xuño de 2012, “coincidindo co solsticio de verán, ao porse o sol no día mais longo do ano”, aparece unha publicación datada en “Proendos 2012” e titulada: “Un pouquiño de tradición oral no concello de Sober”, que ven a ser o III estudo que se publica.

Estamos ante un libro con enxebres particularidades que se resumen deste xeito: “Lendas ribeirás, Contos, Ritos e crenzas tradicionais, Remedios tradicionais, Sucedidos, Personaxes populares, Cantigas, Coplas e recitados, Ditos e refráns, Divertimentos, Algunhas expresións tradicionais, Toponímia, Portadores e bibliografía”. Todo un conxunto temático que esclarece e rememora moitas cousas do pasado para facer presentes e futuros.

No inicio do limiar deste libro, ordénase esta suxerencia: “Sentarse de vagar mentres xorden historias fantásticas, certas, recreadas, exactas, cuspidiñas, imaxinativas; recuperar a capacidade transmisora, a esencia do ser humano receptivo, moldeábel, especial e ao mesmo tempo un cos animais sociais que aprenden, portan e danse”. Nesta búsqueda privilexiada emerxe o sentimento popular cargado desa identidade que perfuma os diversos eidos de ribeira e de chan aberto de Sober. Un traballo iniciático, gnóstico -si se quere- con albores renacidos nas sabedorías do pobo que se ordena neste libro. Que inmortaliza as severas e rústicas costumes de tantas maneiras de concibir a vida comunitaria nunha das mais importantes xeografías de Galiza como é Sober.