Alonso Montero, Fillo adoptivo de Ribadavia - 19/11/2012
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

XESÚS ALONSO MONTERO
FILLO ADOPTIVO DE RIBADAVIA

xesusalonsomonteroTardaron, pero decidiron corrixir o erro e a demora dun recoñecemento que a todos nos estrañou, por parte do Concello de Ribadavia. Sabemos que a administración sempre vai lenta e, moitas veces, virada cara outros temas de menor importancia, do que se debe tratar como algo vital. Profundamente vital para unha vila-cidade como é Ribadavia, cando certos administradores do público non se decatan, quizais por ignorancia, de ter persoas de portento, como é o caso do profesor Xesús Alonso Montero. Un intelectual enteiro e libre, que veu perpetuando a verdade social contra intransixencias dictatoriais. Que espallou a realidade social, cultural e económica de Galiza. Que deu a coñecer o espacio de Ribadavia en foros, congresos e conferencias. Un home que nunca esqueceu os seus vencellos con Ventosela, de onde eran os seus proxenitores, e onde o Suso tivo os seus primeiros acentos na nosa lingua que sempre defendeu pragmática e efusivamente.

Así que as raiceiras de Xesús Alonso Montero están nestas terras ribeiras, moitas delas asolagadas polo encoro de Castrelo de Miño. Polas que Xesús loitou con valor e teimosía, servindo como precedencia doutras loitas que se aveciñaron contra a dictadura. O impacto de Xesús Alonso Montero na súa terra do Ribeiro foi tan puntual como dilixente en divulgar a cultura e a idiosincrasia de tódalas xeografías do Ribeiro. Un amor, o de Alonso Montero pola súa terra de orixe, que non foi correspondido por parte dos políticos do Concello de Ribadavia, non así pola cidadanía ribadaviense que sempre recoñeceu os méritos dun home que defendeu o Ribeiro, e que soubo ir e vir co pobo mais indefenso e plural, rompendo tabús separadores entre o que era o pobo simple e a clase chamada douta ou intelectual.

Sei que esta proclamación e investimento de Fillo Adoptivo de Ribadavia chega tarde, despois de tantas homenaxes, títulos honoríficos, numerosas benquerencias e singulares premios, pero non deixa de ser vital no recoñecemento de un fillo notábel das terras dos Ribeiro, como é Xesús Alonso Montero. O recoñecemento chega tarde, pero chega. Así que o sábado 24 de novembro, o pobo de Ribadavia responderá unanimemente a ese evento, porque sabe que o profesor Alonso Montero sempre estivo a altura das circunstancias, no que toca ao Ribeiro e a Galiza. Parabéns.