Lembrando a Salvador Espriu, no seu centenario - 31 Outubro 2013
logo nosjpg

Salvador Espriu non foi un político en activo, mais a súa escrita serviu de referencia para que moitos políticos de Cataluña defenderan seus dereitos nacionais. A puntualidade do poeta, naqueles temas de debate durante a ditadura franquista, suxeriu atención a unha voz, que desde a literatura propiciábase unha contundencia decente que el consideraba que había que esgrimir sobre a realidade presente e, tamén, sobre o futuro de Cataluña. E nesa visión ordenada sobre Espriu, aprópiome das palabras de Joan Brossa, para dicir: “En política ser coherent equival a ser decent”.

Salvador Espriu non foi un político en activo, mais a súa escrita serviu de referencia para que moitos políticos de Cataluña defenderan seus dereitos nacionais. A puntualidade do poeta, naqueles temas de debate durante a ditadura franquista, suxeriu atención a unha voz, que desde a literatura propiciábase unha contundencia decente que el consideraba que había que esgrimir sobre a realidade presente e, tamén, sobre o futuro de Cataluña. E nesa visión ordenada sobre Espriu, aprópiome das palabras de Joan Brossa, para dicir: “En política ser coherent equival a ser decent”.

"Os que tratamos a Salvador Espriu, coido que nos asiste ese consenso de atribuírlle ás súas consideracións e opinións unha coherencia decente e sen lindes, dado que nunca esquivou preguntas sobre diversos temas ou rangos de debate"

Os que tratamos a Salvador Espriu, coido que nos asiste ese consenso de atribuírlle ás súas consideracións e opinións unha coherencia decente e sen lindes, dado que nunca esquivou preguntas sobre diversos temas ou rangos de debate. Seus poemas esclarecen acontecementos sociais e culturais que Cataluña non pode admitir.

Das relacións que tiven con Salvador Espriu, desde 1973 a 1984, cando eu tiña só 28 anos, cunha inexperiencia na maneira de facer entrevistas, pero con ese arrouto imparábel de mocidade (recentemente despedido de Seat por un conflito de folga laboral e cunha lista negra de persecución) con aquela inexperiencia literaria pero si xa tiña lido toda a poesía de Espriu, planteime na súa casa, no Paseig de Gràcia de Barcelona, e pedinlle unha entrevista para publicar. Comentoume que non lle agradaban demasiado as barbas capuchinas e que me avisaría para esa entrevista. Despois de pasar mais de medio ano, e dala por perdida, recibín unha carta del para esa entrevista, no verao de 1974, e publicada en “El Progreso” o 13 de outubro do mesmo ano. Unha das primeiras preguntas que lle fixen foi a seguinte: -Como definiría á mocidade que levamos barba? –“Hai barba e barbas. As barbas coidadas e as barbas capuchinas. Coido que as barbas longas sempre indican un certo abandono. Ademais, as barbas, tanto dun xeito como doutro, non me asustan”.

Despois desta primeira impresión reconducimos a entrevista a un parámetro de comprensión, mais por parte del que pola miña. Recoñezo que fun bastante agresivo en preguntas ideolóxicas. Pregunteille pola realidade e pola responsabilidade histórica de Cataluña como nación, e respondeu: “Mais que unha realidade, hai unha conciencia, unha fe e unha esperanza. Quixera que Cataluña xogara un papel importante no mundo”. Pregunteille se lle preocupaban os marxistas, respondendo: “Teño excelentes amigos marxistas. (...) Superada a etapa de Stalin estou en favor dos actuais dirixentes soviéticos. Non estou en favor das críticas que se fan contra Fidel Castro, é mais importante a súa obra e a súa personalidade que a de tódolos seus detractores. Cando se fai unha revolución hai que axudala e non entorpecela”. A resposta non deixa de ser valente e suxerinte naqueles anos do franquismo.

"Unha das amizades, mais longas e completas, foi a que mantivo con Manuel María, que o visitou en diversas ocasións, son testemuña"

Despois deste primeiro contacto sucederon outros mais e unha interesante correspondencia. A forte personalidade de Salvador Espriu sempre me causou un enorme incentivo intelectual e unha descuberta continua, en moi diversos e amplos temarios. As miñas visitas duraban horas, a falar de temas moi concretos, naquel despacho do Paseig de Gràcia, nu e conmovedor; cunha mesa, un armario e en penumbra, daba a sensación de estar nun cenobio e cun anacoreta diante.

Nestas visitas falamos moito de Galiza e dos seus escritores. Confeso que Espriu coñecía e controlaba a literatura galega e un longo espazo histórico do noso pais. Na devandita entrevista sobre a cultura e literatura, el respondía: “Parece ser que pasa por un momento moi brillante sobre todo no poético. Álvaro Cunqueiro escribe unha prosa magnífica. Escritor moi completo, aínda que eu non coincida cos seus puntos de vista”. Unha das amizades, mais longas e completas, foi a que mantivo con Manuel María, que o visitou en diversas ocasións, son testemuña. El confesaba esa amizade na miña entrevista: “Sobre todo e de maneira concreta con Manuel María. Aos demais, coñezo as súas obras”.

"Cando Salvador Espriu falaba de Rosalía, o facía cun sentimento moi profundo dunha poeta que soubo trazar un horizonte de descuberta e de rescate das esencias mais puras da nosa nacionalidade".

Daquela época estaba de moda o tema da desaparición das linguas nacionais sen Estado, pregunteille en concreto pola galega. Así foi a resposta: “O catalán, o galego e o euskera non desaparecerán. Teña en conta que o galego conta cunha cultura universal por medio do portugués. Non se pode negar que vostedes, os galegos e portugueses, son xente moi definida e paralela en tódalas ordes. Falar dun caos dentro da literatura galega, equivale a estar moi distante da realidade galega”.

Cando Salvador Espriu falaba de Rosalía, o facía cun sentimento moi profundo dunha poeta que soubo trazar un horizonte de descuberta e de rescate das esencias mais puras da nosa nacionalidade. Contábame que cando visitou Compostela por primeira vez, coa súa promoción de licenciados en dereito, preguntou a un crego pola tumba de Rosalia, e non soubo dicirlle o lugar; o mesmo aconteceu cun tendeiro e un libreiro. Preguntoulle a un porta maletas diante do antigo edificio de Castromil e levouno a San Domingos de Bonaval. Este feito levouno a interpretar que o pobo de clase traballadora coñecía a Rosalía e o resto a ignoraba. Rosalía figura na nómina de Salvador Espriu como unha das grandes e necesarias poetas do mundo. A nosa poeta nacional, está prioritariamente esclarecida no poema: “Canço tòpica de les dones gallegas a Rosalia”, unha homenaxe á autora de “Cantares Gallegos e a tódalas mulleres galegas.