Caciques e corruptos- 07/01/2013
ECOS DA BERENGUELA - xornal

Xosé Lois García

Quizais o caciquismo de hoxe sexa mais lexíbel que o de antano e talvez mais inxenuo que o tradicional. Dicía Juan Vázquez de Mella y Fanjul (1861-1928), aquel pensador carlista e pertinaz orador desde o seu escano de parlamentario, que o caciquismo galego era desgarrador en todas as frecuencias e consecuencias. El o sabía moi ben dado que era fillo de Juan Vázquez de Mella y Varela, un tenente coronel ben abastecido de riquezas e natural de Boimorto, onde el veu a vivir desde Asturias. Tanto Boimorto como a Universidade de Santiago, onde estudou, permitíronlle a Vázquez de Mella coñecer por dentro o bucho do monstro. O caciquismo connotado no rural e no contexto urbano, continúa utilizando os seus tentáculos para estrangular calquera vía social e democrática. Sobre ese poder, manifestou Vázquez de Mella: “Hay una capa inmensa de caciques que están interpuestos entre esa voluntad del sufragio individualista y del Parlamento; pero ese caciquismo no brota espontáneamente de abajo, no es árbol que arraiga en las clases sociales, no está compuesto de prestigios reconocidos que ejercen alguna influencia; es una planta invertida que tiene raíces en las alturas y las ramas abajo, y en vano será podar las ramas mientras no se arranquen de cuajo las raíces” (Discurso pronunciado no Congreso dos Deputados o 27 de febreiro de 1908).

Vázquez de Mella, aquel carlista ultra conservador danos suficientes claves do corpus político, da acción e dos rangos do caciquismo que desde instancias superiores desde as deputacións ou desde os gobernos civís “todo se cercena, y el Ayuntamiento se convierte en una rueda administrativa. Si la comisión provincial, formada de acuerdo con los caciques, llega a ser lo suficientemente poderosa, por motivos y pretextos que todos conocemos y que se filtran a través de los artículos de la Ley municipal, las elecciones se anulan y los Ayuntamientos en forma interina, se establecen, y entonces el cacique cuenta con todos los medios para oprimir a los electores, para vejarles y para falsificar la verdadera voluntad electora”. (Discurso pronunciado no Congreso dos Deputados o 30 de xuño de 1916).

É evidente que as formas cambiaron, mais os fins continúan proxectándose e desenvolvéndose en escuras tramas económicas. Os tentáculos dese polbo continúan dunha maneira esmagadora sobre a sociedade. Nestes acentos de corrupción non é fácil de descifrar as tramas dos empoleirados nas administracións públicas, con todas esas concordancias caciquís. Neste sistema de corruptos non fai falla acudir a exemplos de antano, da escola e da tiranía caciquil de Montero Ríos e de Bugallal, verdadeiros mestres de caciques, subcaciques e lumpecaciques.

O cacique de hoxe é mais terno e invulnerábel, capaz de ofrecernos unha polca con sons desvariados nun trombón de varas, fáltalle a cabra subindo a escada, para rematar unha escena do mais burlesco teatro populacheiro que fai estremecer as vísceras. Mais aí está o seu éxito, ante quen lle sorrí, quen lle fai venia e quen lle vota. Aí está a alma inspiradora dos grandes mestres do caciquismo de antano, en formato menos ilustrado pero actual.

Mais o sentido carnavalesco dos caciques galegos non cesa, ou talvez a pose mais castiza dos da gorra, representando á labregancia desa terra infinitamente interior que lles vota. Sempre un voto é un escudo de autodefensa para poder chamarse democrático e interferir nas marchas democráticas, caso Cacharro Pardo. Proclamarse galeguista e labrego, desprezar as togas e exhibir o azul e branco nas concomitancias exhibidoras do que non se cre, non deixa de ser un acto caciquil.

A casta de caciques actuais tan heteroxénea pero ben impermeabilizada nos intereses persoais, antes que os do propio país, sérvense da espoliación de recursos públicos nese corpus tan xenuíno pero, á vez, conducida por esa alma que nunca se murcha, a de Montero Ríos.

Así está o tema nesta Galiza que esmorece sen ela mesmo sabelo. Os medios de información convértense aínda en protagonistas mínimos de dar información de corruptos –pese aos esforzos mediáticos de impor certa censura nestes temas-. Todos sabemos da afiliación caciquil de persoeiros de afiliación a partidos conservadores e conservantes das mais estritas malfeitorías. O “panal de rica miel” está aí e o nome das moscas tamén. Nomes ousados da mal chamada esquerda. Dos da dereita xa lles vemos a medra da súa pelame. O grande problema é que aceitemos e normalicemos estas condutas de corruptos e caciques.