A revolta como resposta - 21/01/2013
ECOS DA BERENGUELA - xornal

Xosé Lois García

Considerando unha serie de claves sobre o comportamento político que se utiliza como beneficiario individual e colectivo partidista, lévanos a concretar varias teses sobre a fusión do poder político co poder do diñeiro. Este último predomina sobre o primeiro e induce á clase política a unha subordinación ao poder do diñeiro. Nesa rendición ao poder do diñeiro, cabe toda esa pirámide de diversos poderes políticos que dan cobertura ás falcatruadas e corrupcións admitidas, que un non chega a imaxinar, que desembocan en rendíbeis prebendas a nivel de diversas e tortuosas escalas.

Neste vínculo de poderes, Noam Chomsky alértanos: “A concentración de riqueza provoca concentración de poder político. E a concentración de poder político da paso a unha lexislación que incrementa e acelera o ciclo. A lexislación, esencialmente bipartidista, da paso a novas políticas fiscais, cambios impositivos e tamén a normas de gobernabilidade corporativa e desreguladora. Xunto a todo elo comezou o forte incremento nos gastos das eleccións, que puxo aínda mais decisivamente aos partidos políticos en maos do sector corporativo”.

O panorama que nos revela Chomsky debe contribuír a ver moi de cerca os cambios sociais operados nas chamadas democracias occidentais, por partidos e dirixentes políticos que están na cimeira dos poderes económicos e son usufrutuarios dos mesmos. Nestes parámetros, a verdadeira democracia é unha falacia. Se furgamos nos temas mais rudimentarios deste sistema chamado democrático, estaremos desenvolvendo da madeixa as peores conexións fraudulentas que en política social e económica podemos contemplar.

En calquera das vocacións e aspiracións cara unha democracia participativa por parte do común, suscita preguntas sen ter firmes respostas. Unha delas pode que sexa a que configurou Aristóteles a dicir que de tódolos sistemas políticos a democracia é o menos malo. Pero tamén advertiu que a democracia non podía funcionar se non se lle admitían canles igualitarios. Isto significa no noso vocabulario dispor dun benestar o mais amplo posíbel e ademais participativo.

Vemos que estas concrecións de benestar e participación non só se ignoran senón que se están mutilando, en todo aquilo que foi conquista popular; que foi conquista de liberdades e que no seu cómputo de aspiracións leváronnos a múltiples conquistas sociais e que agora vemos abolidas por normas e decretos de Estado e baixo un complot de servilismo dos poderes políticos aos poderes económicos.

Parece, en todo isto, que xa non hai marcha atrás e que todos asumen as desigualdades baixo esa enorme tea de araña velenosa. Mais o antídoto existe e é beneficioso usalo por parte dos que sofren tanta ameaza e asoballo. Nesta cuestión é preciso ampliar a conciencia de clase e as relacións da mesma. Aínda que pareza que estamos desasistidos hai armas e armaduras suficientes que posibilitan a revolta na palabra, na rúa (patrimonio dos desherdados) e na desobediencia civil. O temor das clases dominantes a que as clases antagónicas a seu poder sexan inflexíbeis, ocupando espazos e debilitando as súas influencias, por medio dunha participación invariablemente colectiva.

Hai síntomas claros que a sociedade actual comeza a percibir que os seus males e carencias débese a unha concentración de riquezas que proceden duns salarios inicuos e da mutilación dun sistema de prestacións. E neste sistema corporativista, entre os monopolios capitalistas e os sistemas políticos, emerxe xente elegantemente corrupta e sempre dispoñíbel en apoiar esas patentes de explotación.

A revolta é posíbel como resposta a unha serie de iniquidades que esta sociedade desigual está soportando. Pero, tamén, concretando un amplo movemento no que non se exclúen aos políticos honestos e reivindicativos; aos políticos que aportan iniciativas a unha solución que teña como prioridade un cambio de sistema.