Salvador Espriu, no seu centenario - 28/01/2013
ECOS DA BERENGUELA - xornal

Xosé Lois García

As múltiples fidelidades de Salvador Espriu (1913-1985) cara Cataluña, repercutiron tanto no exercicio de estar presente na defensa dos dereitos civís e nacionais dos cataláns como na invariábel presenza da súa obra literaria, tan acicalada á cultura e as tradicións dun pobo con expresións e lexitimidades propias que el soubo darlles pulo e actualidade.

En todo este comportamento tan sólido e tan puntual por parte de Espriu, Cataluña dignifica a súa persoa e consagra fidelidade a súa singular obra literaria, con tantas ramificacións e impactos singulares e universalistas. Cataluña tribútalle homenaxe co chamado, “L’any Espriu”. Un ano que anuncia a revelación de tantos dons creativos que Espriu ofrendou a seu pobo e que agora volta a ollada e a ofrenda a un dos maiores creadores da literatura catalá.

Centenares de eventos nutren a ese alongado programa que está en tódalas axendas culturais de Cataluña e que nos revelará todo ese potencial humano e creativo que rodeou a Salvador Espriu. Os que coñecemos ao escritor non nos deixou indiferentes pola calidade de súas observacións e opinións que tiña sobre Cataluña e o universo. Espriu estivo atento aos acontecementos que tiveron repercusión en tódolos ámbitos sociais e culturais do mundo.

Impresionoume, en certa ocasión, cando fixo unha valoración de Galiza partindo de datos históricos e poñendo énfase da nosa cultura e da nosa lingua, como elementos que fundamentan a nosa nación. Impresionoume a valoración sobre certos escritores galegos que el tiña lido e tamén de certos comportamentos que se contradicían co que escribían. Espriu era un intelectual moi discreto no que opinaba, mais había certos temas que o levaban a valorar con pragmatismo o que en realidade el comprobaba.

A agudeza e o alcance creativo de Salvador Espriu, como poeta, dramaturgo e narrador, revela ese enorme proxecto que erixiu coa palabra fecunda e herdada de seu pobo. Acostumaba a dicir que el era o que estaba agradecido á tradición que cultivou o pobo catalán, por concederlle o privilexio de expresarse nesa antiga tradición da palabra e da escrita: legado redencional desta Cataluña que non claudica e está profundamente lexitimando a obra de Salvador Espriu.

Mais en Espriu está o universalismo dos clásicos gregos que expresou na súa obra teatral “Antígona”, ou a antigüidade das crónicas hebreas que el recolle noutra das grandes obras teatrais como é a “Primera història d’Esther”. Espriu afondou (non curioseou) no pensamento crítico dos clásicos. Aí temos o poemario “Semana Santa”, revelando os rigorosos acentos metafísicos de Espriu. Nesa enorme soberanía está a idea sublime e libertaria daquel místico italianos do século XII, Xoaquín de Fiore. O xoaquinismo fomentou aquel movemento heterodoxo que postularon as idades do mundo en tres estadios espirituais. Os conceptos místicos de Xoaquín de Fiore tiveron grande impacto e repercusión en intelectuais que interpretaron o vida social e relixiosa, de diferente maneira, manifestando controversias coas manipulacións dos poderes eclesiásticos. En “Semana Santa” hai matices xoaquinistas, que levaron a certos especialistas espriuanos a ollar a dimensión do pensamento do poeta catalán a outras latitudes de búsqueda que confluíron coa tradición literaria do esplendor literario catalán dos séculos XIII e XIV, onde tamén Ramon Llull era unha referencia.

Salvador Espriu foi un poeta cívico que estimulou á sociedade catalá a tomar conciencia sobre as liberdades individuais e nacionais, fronte ás hostilidades en que estaba sumida Cataluña baixo o franquismo. O diálogo de Espriu co seu pobo continúa irradiando extensa luz que frutifica esplendores.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras