Rexenerar a democracia - 12/02/2013
ECOS DA BERENGUELA - xornal

Xosé Lois García

Coincido drasticamente con Esperanza Aguirre sobre a súa idea draconiana de rexenerar a democracia. Mais cando esa rexeneración implique afastala a outro territorio sen lei que é o que ela proclama. O seu reino non é deste mundo e, por tanto, as iniquidades que se fomentan no seu entorno tampouco. Ninguén ten a ousadía de dar por certo o talento dunha señora que dista moito de ser unha política; exercendo política desde varias esferas do tan enmarañado e salpicado Partido Popular, para agora servirnos unhas frases bastante emparedadas e requintadas para pulular como ideóloga reconvertida, para continuar emparedándonos coa chistera e un coello de trapo.

O pobo dos desempregados, dos desafiuzados, dos que mexen no lixo procurando mantenza, dos que se lles nega xustiza social e o mais mínimo na orde económica, eses son os emparedados que morren de pé. Agora nos paredóns hai unha longa lista de damnificados que son asasinados lentamente, xa non con balas, só con negación e frustración. Así que dona Esperanza e compañía, tarde piaron coa súa oportunista rexeneración democrática.

Coidamos que a democracia xa non chega a crear un sentimento de atracción e menos en darlle o cualificativo de ser algo servíbel para a cidadanía que sufre e soporta a políticos sen norte e sen dilixencia, porque seu timorato oficio emana doutros poderes acicalando ao pobo que os beatifica co voto nas urnas.

Rexenerar o país é unha cuestión mais nobre e mais ardua na coexistencia de xerar unha proxección de dignidade igualitaria. Esta dignidade que se lle rouba ao pobo nesas drásticas situacións de emparedalo e asfixialo é preciso repoñela. Neste punto, é verdade que hai que rexenerar a democracia, mais quen ten o valor de crear outro rumbo das cousas e trocar palabra por acción?

Esta democracia xa non nos serve para afastarnos de tanta pestilencia dos que furtaron os seus contidos mais elementais. O ritmo das políticas que amparan as frustracións da cidadanía son o eixo desa descomposición democrática, deixando en papel borroso a unha constitución cun excesivo articulado moi xenuíno, no que se contemplan grandes elocuencias como: “Todo español tiene derecho a una vivienda”. Non fai falta ser moi ávido en buscar realidades e comparativos co que pasa coas hipotecas bancarias e con esta constitución (en minúscula), para decatarnos de que eses contidos non deixan de ser un fraude. E quen fala de vivenda podíamos estar falando doutros temas que se incumpren.

Rexenerar, si. Mais coa forza desbordante dos que lles secuestraron a voz e a acción. Esta democracia serviulle aos grandes monopolios partidistas de anular tantas conquistas que en tempos de extremada precariedade e de loita contra o fascismo houbo unha dignificación que frustraron os bipartidismos e toda a estirpe de corruptos. É preciso rexenerar, desconfiando dos que usan esta palabra e mantendo a memoria sobre os arribistas que non deixan de falar de democracia.