A rúa, patrimonio do pobo explorado - 19/02/2013
ECOS DA BERENGUELA - xornal

Xosé Lois García

Hai suficientes elementos que lexitiman a protesta popular polo acoso e exclusión á que está sometida. É obvio que a palabra feita consigna proclama a verdade dos acontecementos que o desgoberno de Rajoy ben vulnerando os principios mais mínimos polo que se rexe unha sociedade en democracia. Claro que esta democracia está secuestrada polo neofranquismo, que así a entenden desde cínicas converxencias con outros feudos do poder escuro, das finanzas e da xerarquía eclesiástica, mentores da usura e do silencio. Por tanto, é preciso romper co silencio, que é o que se está facendo nestes momentos tráxicos de recuperar valores de autoestima e agrandar o colectivo da clase traballadora e da clase media que están sento descompostas en diversas frontes.

Se a palabra irradia mensaxes de repulsa en diversos foros sociais, a presenza do grupo unido, en súa magnífica amplitude, hai que potencialo na rúa. Este é o espazo onde as consignas e o número das multitudes mostra o combate dialéctico fronte aos silencios, as imposturas e desprezos dos que exercen o poder político no goberno e dos maioritarios que fan oposición dunha maneira cordial, porque conviven co sistema capitalista e, aínda que hai diverxencias de forma, esa oposición non é belixerante, dado que esta democracia os enguliu e lles creou portentosos poderes económicos e moi poucos rexeitaron dese “panal de rica mel”.

Tal como está a situación e a perda de credibilidade neses políticos chamados de “esquerda”, competidores por estar no epicentro dos poderes que o sistema burgués lles ofrece, convertéronse en defensores e lacaios do mesmo. Mentres que as mobilizacións na rúa cáusalles pavor. Neste concerto de repulsas que estamos verificando na rúa, por diversos extractos da sociedade, non vemos a eses mal chamados representantes do pobo, acicalados na poltrona parlamentario que reivindican o seu status de que todo debe pasar por eles e a solución tamén debe ser a que dan eles. E todo o que non se discuta por eles, nese pernicioso foro é anatema.

Beatriz Talegón, esa moza das Juventudes Socialistas, que irrompeu na Internacional Socialista reunida en Cascais, a cidade onde vive a alta burguesía portuguesa e veciña de Estoril, a dos casinos, nesa cidade viven os clans económicos e é aí onde se reúne a IS. Claro que Beatriz Talegón foi incordiar aos inefábeis señores que conforman a casta socialista e que tiveron que ouvir atónitos certas claves do discurso de Talegón, como: “Crisis de la condición humana”. Tantas veces apreciamos que as crises económicas son o resultado de crises humanas e das condicións ambiciosas de andar arreo de “coches de luxo” e alugarse en “hotel de cinco estrellas” e, ademais: “Que las cuentas de la IS sean transparentes y no sean un misterio”. Nestas claves que nos da a moza socialista, achéganos a esas tramas e a esas convivencias coa ética e estética burguesa, movéndose nos mesmos parámetros e nas mesmas corruptelas. Dereita e “esquerda” comendo do mesmo presebe, compartindo e remoendo a mesma alfalfa. O boi e a mula de Belén ilustrándonos sobre a comparsa política que acontece cos que sosteñen o bipartidismo, coas mesmas componendas que tiveron Cánovas e Salmeron.

Por tanto a solución está na rúa, nas persoas que son capaces de facer un retrato serio coa palabra e coa loita reivindicativa. A rúa e as prazas foron sempre patrimonio dos que loitan, dos explotados, dos que ben saben dos reservados dese presebe onde se confabulan dereita e a mal chamada esquerda, que tratan de disuadir as clases traballadores, de que o iso de saír á rúa é algo perverso que fire á democracia feita á medida de seus intereses. Baixo estas teses foron desvirtuando a verdadeira democracia creada nas rúas, único espazo solidario onde se inzou o debate para avanzar e consolidar ese patrimonio en varios frontes e direccións.