Polas sendas do 'Poverello' de Asís - 18/03/2013
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

De Bergoglio a Francisco, un cambio de nome que suxire moitas lecturas e non poucas reflexións sobre o novo papa –ou bispo de Roma, como el gusta que lle chamen-. Chega desde as antípodas como xefe a Igrexa Católica e mandatario do Estado do Vaticano. Nunca mellor o uso da palabra antípoda para ver as distancias entre o amplo espazo arxentino, de onde procede e exerceu de cardeal de Buenos Aires, Jorge Mario Bergoglio. Roma xa é o seu novo apousento xerárquico do catolicismo universal. Dous espazos católicos ben diferentes cando non contradictorios. O catolicismo arxentino por onde transitou Bergoglio, transmite unha visión ben diferente ao catolicismo romano, concentrado dentro das murallas vaticanas, onde moi pouco sabemos deses xerarcas que se amotinan detrás da pomposa basílica de San Pedro e nos pazos pontificios. O ar que respiraba na Arxentina e vén diverso ao ar asfixiante do Vaticano. Pode que Francisco o poida depurar en cada unha das instancias burocráticas que atenazan ao xentío católico.

As primeiras palabras e os primeiros pasos protocolarios e, sobre todo, o nome escollido a ninguén deixa indiferente e que nos transborda a aquela Igrexa do século XIII, de combates papais por exercer poderío. Daqueles contenciosos nace unha idea espiritual, defensora dos pobres e crítica cos corruptos dirixentes da Igrexa, a de Francisco de Asís, o Poverello. Por primeira vez na historia do papado, o nome de S. Francisco de Asís, o defensor dos pobres e crítico coas opulentas riquezas, é recollido por Bergoglio, para darlle unha definición ao que pode ser o seu pontificado e a súa testemuña.

Dándolle un repaso a súa vida eclesiástica, sorprende que sendo químico opte polo sacerdocio en vocación tardía, a mais concisa e plena, non como un domesticado seminarista de tenra idade que se moldea no dogma e na verdade absoluta do catolicismo reaccionario e sen un criterio persoal. A vocación de Bergoglio o levou a entrar nunha das ordes relixiosas de ferro: os xesuítas. A Compañía de Xesús que capitaneou a contrarreforma e fixo atrocidades co poder inquisitorial, que para moitos foi unha das sectas no seno do catolicismo europeo.

Mais os xesuítas durante o colonialismo europeo no continente americano, desde o século XVII, forxaron colonias de indíxenas e foron seus defensores, non hai mais que ler os escritos do xesuíta Padre Vieira no Brasil para ollar a outra cara dos xesuítas en campo longo e aberto de América Latina. Actualmente a Teoloxía da Liberación deuse nese campo americano, dunha maneira coherente contra dictadores e devastadores monopolios. O Xesuitismo ten seus mártires como Ellacuría e outros e unha historia recente onde seus membros se teñen implicado nunha prédica contra os ricos e os corruptos, nesa posición estaba o novo bispo Francisco.

A Igrexa arxentina, modulada polo ímpeto de seus xerarcas eclesiásticos, sempre ao lado do poder militar e financieiro, indiferente aos desniveis sociais de pobreza e explotación do home polo home. Non fica lonxe a postura temeraria e xenocida do arcebispo de Buenos Aires e primado da Arxentina, o cardeal Juan Carlos Aramburu que implicou a toda a Igrexa da Arxentina en cómplice e colaboradora da dictadura militar de Videla e de seus sátrapas. Sírvannos estas palabras do cardeal Aramburu: “En la Argentina no hay fosas comunes y a cada cadáver le corresponde un ataud. Todo se registró regularmente en los correspondientes libros. ¿Desaparecidos? No hay que confundir. Hay desaparecidos que viven tranquilamente en Europa”. Así era a calaña xerárquica do clero arxentino, colaboradora coa represión militar.

Membro daquela Igrexa era Bergoglio, mais non xerarca ou cun peso resoluto na mesma, dado que el foi nomeado bispo auxiliar de Buenos Aires en 1992, cando xa non existía a dictadura. E verdade que Bergoglio foi un inconveniente para tódolos presidentes arxentinos, desde Carlos Menen até Cristina Fernández. Nun Tedeum, espetoulle a Menen: “Es el lugar ciudadano. Si apostamos a una Argentina donde no estén todos sentados a la mesa , donde solamente unos pocos se benefician y el tejido social se destruye, donde las brechas se agrandan, entonces terminaremos siendo una sociedad camino al enfrentamiento”.

Foi dous anos que visitei Buenos Aires e sorprendeume que diante das igrexas da cidade, neses xardíns que están diante delas, había colonias de pobres baixo lonas e latas, cociñando comida para o colectivo alí residente. Un verdadeiro impacto que tivo que sensibilizar enormemente ao agora Francisco cando visitaba as súas Igrexas, e destas situacións podemos entender que leve os mesmos zapatos, que refugue de certas vestimentas, que leve o seu pectoral de lata –como é costume en moitos bispos sudamericanos, Helder Cámara, o arcebispo de Recife o levaba de simple madeira-, bicar a periodistas e á propia presidenta arxentina, acariñar o can dun cego, manter un diálogo co público, son xestos de cercanía que nestes días podemos observar.

O novo papa non é da curia, ben da antípoda arxentina, outro mundo ben diferente ao dos xerarcas de Roma; ben diferente ao papa polaco e ao alemán que representaban a todo ese poder recalcitrante de estar noutra dogmática vén diferente ao Sermón do Monte de Xesús. Está moi ben que Francisco mencione e defenda aos pobres, mais ten que fustrigar aos ricos deste mundo e os que están presentes na Igrexa con enorme poder como o Opus e un longo etc. Nestes momentos de tanta desigualdade e do imperio dos monopolios que esnaquizan aos pobres e postergados, que Francisco anuncie o Concilio Vaticano III, sería un gran paso para consolidar a Igrexa dos pobres, fronte á explotación que exercen os poderosos.