O cuco cucou e a primavera xermolou - 25/03/2013
ECOS DA BERENGUELA - xornal

Xosé Lois García

O cuco cucou e pilloume en xaxún. Segundo a predicción dos vellos e os sabios proverbios, a miña artesa terá poucas viandas, a lareira pouco que cocer e miñas moas poucos froitos que roer. Mais o cuco cucou e esa é boa predicción que o mundo continua dando voltas e nós enriba de súas témporas equinocciais. Aínda que os temporais en repregados trebóns non deixan de predicir que o inverno continúa, teremos primavera fluída. Mais as cuqueiras do cuco comezan a agromar e el, mais que nunca, arrufado e polainudo, non deixa de cantar, un cántico rudo e cheo de tenrura, aínda que a un o colla en xaxún.

Fantásticas solemnidades exerce ese berro seco, rotundo e intermitente do cuco. Sorpresa que nos trae por enriba dos prognósticos que dicta o refraneiro: “Entre marzo e abril, sae o cuco do cubil, pois coa neve non quer vir”. Pois veu. Cando eu ollaba a neve nos cumes do Faro, do Courel e do Cebreiro, nos chouzais de Merlán, a gorxa varuda do cuco desafiaba a neve e a friaxe. O agoireiro son desta ave ecoa por vales e valiñas, cómaros e outeiros, rebulindo no noso sentimento a chegada da fertilidade das árbores e das campías. O trebón seguro enchendo de ritmos regadas e regueiros; auga inmensa rebrincando de mil maneiras sobre seus lindes, mentres o cuco algareiro impón a súa fuxidía acrobacia entre silveiras e enramalladas procurando niño alleo, furtador e pillabán, astuto e falcatrueiro, quizais os políticos que nos desgobernan sexan seus discípulos.

Cantas leccións nos deseña o cuco nesas metáforas indescifrábeis nos que se albiscan os nosos comportamentos sociais. Esa criatura tan fráxil e tan rotunda en presaxios que a veces conmove o seu grito e que nos leva a ser saudosos e lembrar tempos idos, onde todos tiñamos outro fulgor, mais agora o cuco pode que nos anuncie tantas carencias para os que nos colle en xaxún. Mais para outros o xaxún é continuo nese abraio e nesa pobreza en que xa tres millóns de cidadáns do Estado Español están sumersos nas mais rancias pobrezas desta Europa en desfeita e para os cales xa o cucar do cuco signifique unha redención lonxincua; unha laceración procedente das falcatruadas da dirixencia de ladróns e corruptos, verdadeiros cucos que voan co pensamento e coa astucia de facerse poderosos e aniquilar aos que soportan tanta miseria e crueldade. Pese a todo, o cuco cucou e cuca, un cantarelo rexo que alporiza os espíritos rebeldes. Anque nos colla en xaxún, o cuco non deixa de emitir mensaxes libertarios.