Auga, árbores e poesía - 01/04/2013
ECOS DA BERENGUELA - xornal

Xosé Lois García

No ámbito meteriolóxico a auga é noticia en tódalas xeografías galegas. Esa primicia vital a moitos cansa pero sen este tempo pluvioso, que parece que o inverno non da tregua á primavera, as augas mil, de abril, tráennos outra témpora que anuncia fulgor na flora adormecida, calada e escura que o inverno humilla. Nesta miña terra de Chantada, onde os seus ríos, regatos, regos e regadas –na definición nada atrevida e ben determinada polos nosos labregos- nacen nas encostas do monte do Faro e desaugan nas proféticas augas do Miño. Todos eses caudais a fío cantan e ecoan no espírito de quen os escoita. Os nosos ollos fican admirados como os de Leonardo da Vinci, cando o sorprenderon esas fervenzas, remuíños e o peso líquido modelando e deseñando xeometrías acuáticas de tan interesante e súpeto misterio.

 

Do Faro ao Miño as deslizantes augas son fascíneo e convivio, primor apresurado onde o cántico de amor e de amigo transcende nesa mensaxe que comunica e engrandece o fervor apagado do noso espírito. E un non deixa de admirar e dar resposta ao diálogo que os aluvións dos ríos, regatos e regadas chantadesas descenden polos seus berces, namorando a graza plena. Destes ríos, o Asma é o mais caudaloso e festeiro, os seus acordes resoan nos extramuros da vila, por eses paseos beirais resoa a sinfonía idílica do río Asma. Desde a Lameda até Sangoñedo, dous quilómetros ben cumpridos, por onde facemos camiño iniciático cos acordes da auga e cos aboes de bidueiros e salgueiros que guarnecen e decoran as viravoltas do Asma que baixa como adolescente e busca conversa e namoro coa primavera exultante que lle entrega trebón para que cante en seu son.

 

Que sería de nós sen a auga? Da auga vimos e auga somos desde millóns de anos que o noso corpo era outro ben diferente. A auga nos moldeou e sen ela non podíamos encontrar todas esas sensacións que nos remiten a gratos reencontros no que todo nos fertiliza. Non hai flora nen fauna que sen a presencia da auga puidera existir, así o noso corpo ficaría flaxelado e derrotado se a auga non foxe parte fundamental do noso organismo. Nestes tempos tan precarios onde a auga escasea e os prepotentes deste mundo tratan de apropiarse dela, como mercancía e desvalorizándoa como un ben comunitario onde a vida ten continuidade.

 

As árbores, na mais álxida exaltación do seu xermolar, en brotes olorosos e no desabrochar de súas flores, tódalas inercias claman, exhortan e esclarecen as permanencias dos seres tan dependentes á vexetación que tantas veces, inutilmente depredamos. As árbores en seu clamor apresurado lanzan a súa mensaxe no verde da follaxe e nas cores floreais que sempre anuncian froitos. É tempo de plantar árbores. Os escolares sorrín cando plantan unha árbore, supoño que pensan na permanencia e na recompensa que esa árbore lles da froitos a tanta inocencia; madeira e sombra e tamén o fundamental do eslavón da cadea ecolóxica que nos aporta permanencia. Na Galiza é moi importante plantar árbores e protexelos. É ben sabida a desfeita das nosas árbores autóctonas e o pouco que se aporta a protexelas as diversas institucións galegas. Pero tamén se lles debe ensinar a nosos escolares e adolescentes que a flora galega ten que ser mimada e protexida. Tamén deben saber que hai árbores intrusos que debemos tallar e liquidar porque alteran e depredan o noso medio como o eucalipto e outras árbores exóticas sen utilidade e sen resposta favorábel a nosa idiosincrasia.

 

O movemento da auga, o florir dos arboredos conforman a mais álxida primavera e son relato e florilexio da mais exuberante poética que transcende do bucólico e que emana do que nos fala a natureza valéndose de poetas como Rilke, Tagore, a Rosalía de “A las orillas del Sar”, de Novoneyra e tantos outros que ficaron paralizados ante o bulir da natureza en súas fertilidades de clamor e esperanza para recoñecernos nese esplendor panteísta: resume de tódalas nosas vitalidades.