Escrache - 08/04/2013
ECOS DA BERENGUELA - xornal

Xosé Lois García

Cando unha sociedade padece violencia e inseguridade, por parte de desgobernos que acentúan a descomposición democrática e alegan que son maioría por votos emitidos polos cidadáns e arróganse o dereito a desgobernar a sociedade civil, esta ten o deber de artellar unha serie de instrumentos para facerse oír e valer por medio de reivindicacións e loitas contra os jeques das institucións. É vital frear a conspiración dos que desoen a voz popular en diversos foros e na rúa; contra os que desgobernan por decreto e só están interesados en que a súa clase instaure e decapite coa pobreza e coa inxustiza a millóns de persoas.

Ante a gran mentira electoral do PP, que presentou un programa de “alternativas” xa moi pouco críbeis, o incumprimento é ben sabido pola liña ascendente do paro, da mutilación de emprego e benestar, pola redución de prestacións á minusvalía, despidos de sanitarios e de profesores de ensino. O trauma se apodera de millóns de asalariados e de miles de persoas que collen o camiño do éxodo. O panorama alarma en todas as súas vicisitudes ante un goberno que está a defensiva e xa con poucos recursos dialécticos de convencer á cidadanía, que desde o seu tobo só sabe dicir que todo é culpa do “herdo recibido e da mala xestión dos socialistas”.

Millóns de afectados por esta desfeita que sustenta a crise económica e que deriva noutras crises maiores como é a emocional, a das frustracións e a da pérdida de valores sociais. En todo isto, a sociedade parece que está comprendendo a súa derrota e reacciona contra esa violencia social provocada e sostida polos magnates económicos e instalada contra as capas sociais mais desfavorecidas. A radiografía das diversas crises que atinxen á sociedade asalariada non deixa de ser perversa e castradora. Así, o parámetro de desasosegos é ben perceptíbel no que toca a un proceso de recuamento. Mais a sociedade civil, en seus últimos e inmediatos actos de presenza contra o nefasto dirixismo do goberno Rajoy, preséntanos unha inventiva de esperanza, saír do gueto e multiplicar as manifestacións contra os autores. Contra os autores políticos anónimos que a partir de agora deixan de selo, cando os cidadáns preséntanse diante de seus domicilios e dan seus nomes e os arrancan do silencio para culpabilizalos de colaboracionistas co poder. É lamentábel que os representantes políticos non se coloquen no gume da navalla, na parte mais cortante, alí mesmo onde está a cidadanía. Mais eles son os que abren a folla e nos colocan sen pudor para que a ferida se agrande. Por tanto, o chamado “escrache” é perfectamente lexíbel neste tipo de protestas.

Non é novo este concepto que ven do dialecto xenovés, “scraccé”, sinonimo de fotografia ou descuberta do rostro, que os emigrantes italianos levaron ás xeofrafías porteñas de Buenos Aires e que lle transmitiron á fala lunfarda como “escracho” e que os militantes de esquerda utilizaron o “escrache” como pseudónimo de descubrir a face dos opresores e seus colaboradores. Foi no século XIX, unha palabra tan usual polos arxentinos que escritores como José Hernández e Lugones utilizaron para sinalar a malfeitores públicos, a políticos corruptos e amagados en pérfidas insidias contra os valores populares. Así o “escrache” chega até nós e que agora a ben perceptíbel nas rúas e diante de moradas de políticos e outra carnaza semellante para sacarlles a carauta.

Non queda outra, a sociedade civil ten que esquecer certos arroutos voluntaristas e crear condicións para fortalecer un “escrache”, centos de “scraches” populares e permanentes, en dar resposta pacífica coas armas da palabra, como denuncia inaprazábel.