Pretenciosa e deshumanizada Europa - 28/05/2013
ECOS DA BERENGUELA - xornal

Xosé Lois García

Esta Europa, provedora de mentiras, opresións e homicidios, sustentada en súa propia confusión de intereses na que actualmente proclama ese falso humanismo de estar virada cara esas realizacións e de potenciar os bens materiais necesarios, esa gran mentira sustentada en estériles letanías, en discursos alienantes, disfrazados de evocadoras frases redentoras.

Esa Europa do onte sen un hoxe certo enxalzando ao home en tantos discursos, en tantas parsimonias de cercos certos que toma decisións sobre ese ser que evoca hipocritamente, someténdoo a unha morte lenta. Agora esta Europa xa non mata con confrontos e guerras, só selecciona as súas tiranías por medio de métodos selectos cuxa arma é o analfabetismo dunha clase, que se ve abocada a ignorar tantas depredacións do xenuíno opresor que forma parte desa estructura piramidal do poder. A arma mortífera que utiliza a Europa de hoxe, é a de crear miseria para as clases traballadores por medio de salarios mínimos e rendementos acaparadores desa plusvalía que produce o proletariado; o apartheid cada vez mais extensivo do clasismo e da marxinación: protectorado do desorde e da opresión. Velaquí a arma sutil e venerada polos actuais estados burgueses de Europa e dos que se ocultan baixo a máscara do socialismo e da democracia. A opresión, a morte lenta por etapas, expurgando a vitalidade dos que procuran o dereito ao pan que se lles nega ración completa nesas migallas. Aí están millóns de desempregados, sen cunca e sen teitume, exaltados polo oprobio de verificábeis explotacións.

Esta Europa unida por intereses económicos onde a corrupción, o bando mercantil e hipotecario xa non finxe estar nunha segunda orde de poder. Ben se ve como exhibe as súas devoradoras mandíbulas e ordena aos secuaces políticos e mandatarios de quenda facerlles a roda de submisión, nesa facilidade de transmitir ordes. Esta Europa fundamentalista, dos acopios unitarios onde xa os intereses estatais comezan a confrontarse entre estados ricos e pobres, entre norte e sur.

A gran mentira está servida, sobre ese gran campo de concentración que representa a opresión e o bandidaxe dunha opresión calculada polo híper Estado continental, baixo os designios dos monopolios financeiros que agora representa Alemaña e os seus mais convictos aliados, con Rajoy e a súa penuria. É así como os efectivos  deshumanizadores son cada vez mais obscenos e narcisistas. Xa non cabe apelar a conciencia dos detractores, dos espoliadores, dos cínicos pelagatos: lumpen intermediario desa opresión.

Temos de volver a ese discurso anticolonial con referencias de clase, na protesta e na acción. Non valen recursos verbais para afrontar os problemas ante os que fomentan crise, xa non só económica, senón nos problemas que nos somerxen na gran noite da degradación. Soamente a acción resolverá as alertas dun gran día liberalizador. Dado que esta Europa xa non nos sirve nin para un diálogo interclasista.

Tento de retomar como conclusión dese debate en desuso –din- de Frantz Fanon, aínda na contenda mais vital de esclarecer as pretensións da vella Europa, fraccionada en estados espoliadores e agora “unida” baixo o saio da dama alemana e seus acólitos. Así de resolutas son as palabras de Frantz Fanon: “Si desexamos que a humanidade avance con audacia, si queremos elevala a un nivel distinto do que lle impón Europa, entón hai que inventar, hai que descubrir”.