Polos versos nimbados de Díaz Castro - 24/06/2013
ECOS DA BERENGUELA - xornal

Xosé Lois García

Fai dúas semanas que estiven polas terras de Guitiriz, concretamente en Parga e súas extremidades periféricas. Tiven o honor de ter un guía excepcional como é o meu vello amigo, Alfonso Blanco Torrado, o intelectual que mais sabe da vida e da obra de Xosé María Díaz Castro, o poeta de Vilares de Parga, de quen Alfonso fala con paixón entendida. As presencias de Díaz Castro nas fermosas terras de Guitiriz son varias e apoteóticas. Falamos del, naturalmente, nas vésperas de ser elixido protagonista do Día das Letras Galegas 2014, ano en que se cumpre o centenario da súa nacencia. Sabemos que Alfonso ten poderes para mobilizar as forzas anxélicas e celestiais e facer que se cumpra a súa petición na terra de Guitiriz, de que o poeta sexa sonorizado polas anxélicas trompetas. Así que o 21 de xuño, os académicos da Real deron a sorpresa. Moitos nos congratulamos de que un autor tan minoritario, ao que respecta a súa producción, foxe escollido por ser autor de calidade e non de cantidade. Só un título, na súa vida poética abonda para que os lectores, primeiro, e os académicos despois recoñecesen ese feixe de trinta e dous poemas que abren e pechan o seu único poemario: “Nimbos”.

É a primeira vez que falo deste libro. Non coñecín persoalmente a Díaz Castro, falei con el por teléfono en tres ocasións. Unha deles desde Pamplona, estando con Manuel María e Novoneyra, abondamos na conversa sobre certos matices deste libro como elemento clave de modernidade na nosa poesía, partindo do clasicismo.

Estes versos evocadores de lugares, espazos e de amplas particularidades sobre o noso microcosmos, onde o ser que o habita está dentro dese nimbo ou aureola que o esclarece en tantos reencontros co humano e co divino. Nesta dirección, Díaz Castro tiña conciencia de que a poesía é sempre algo novo e suxerinte, alén dun simple exercicio de medir, contar e rimar o verso. O noso poeta tivo un diálogo coa natureza de enorme intensidade que esclarece o seu humanismo emerxente, moi lonxe de calquera escolástica, como se nos mostra neste poema titulado, “Esmeralda”:

      “Herba pequerrechiña
       que con medo sorrís
       ó sol que vai nacendo
       e morrendo sen ti,
       ¿por que de ser pequena
       te me avergonzas ti?
       ¡O Universo sería
       máis pequeno sen ti!”

Aínda que Xosé María Díaz Castro, para moitos está dentro do contexto dos poetas do Seminario de Mondoñedo, onde el encetou, sen rematar, a carreira eclesiástica, mais estes versos construídos con imaxes e á marxe da escolástica, dado que el ten un modus poeticus que nos leva a dimensionar outra percepción das cousas e dos obxectos non confusos que os integrou en “Nimbos”.

Lendo estes versos nimbados temos a percepción de estar integrados a un autor que percibe a poesía como un gran acto teolóxico e metafísico, desde unha visión aristotélica. Os poetas antigos foron os que mais potenciaron o anunciado de Deus e dos deuses, dentro dun contexto cosmogónico –Díaz Castro é un poeta cósmico- e que Aristóteles denominaba aos poetas como teólogos, por ser depositarios da revelación da ciencia divina. Este concepto do filósofo grego, tivo vixencia en S. Tomé de Aquino, quen opinaba que a poesía como infima doctrina, non está ao alcance da razón humana. Pero anterior a Tomé de Aquino, S. Agostiño de Hipona fálanos da capacidade da mente e do ánimo humano de ser capaz desa captación e desa elaboración que son os piares da percepción que fan posíbel o proceso que culmina na obra poética, froito da experiencia vivida e, sobre todo, do pensamento e da preocupación que posibilitan imaxes diferentes das cousas que nós estamos acostumados a ver e concibir dunha maneira ven diferente a como nola explica o poeta. Non estamos dicindo que Díaz Castro sexa un poeta innatista, estamos subliñando o concepto de Aristóteles, cando consideraba que o poeta é un teólogo, e non para explicarnos doutrina senón as leis da natureza, como acontece no poema “Esmeralda”, que hoxe pode ter unha connotación ecoloxista, sobre todo, pedagóxica que nos leva ao pensamento medieval e á antigüidade clásica. Non só pola materia tratada senón pola forma con que o erixe e xustifica.

E nesta dirección está a carga humanista dun poeta que se fai, que nos fai preguntas na nudez do silencio; o que vemos non é certo, a verdade está no reverso e a descubrimos cando tacteamos a realidade punxente, sangrante, nesa noite colectiva que a moitos nos ilumina para ver a realidade como a ve o poeta no seu poema, titulado: “A noite é necesaria”, cando di:

      “Hai homes cheos de sombra,
       homes a contralus
       que che fan ver a Deus
       coma unha mar de lus.

       A noite é necesaria
       pra que ti poidas ver
       sobre o medo e o mal
       as estrelas arder”.

A mística, a profecía, a metafísica, todo na vitalidade existencial, onde as palabras deste poema nos fai pensar e liberarnos dese costumismo innecesario. Velaquí, outra vez, a poética sendo pura teoloxía aristotélica, dadora de tantas percepcións que á palabra lle é dado ese don de manifestarse nos mais recónditos da nosa existencia. Podíamos dicir deste poema que estamos ante unha versión insólita de moralismo e de ética, sen dúbida. Mais en Díaz Castro hai outra metáfora ben diferente ao que coñecemos por alegórico, alén das sinais físicos no que se condensa a luz, a sombra, a noite e o mal. E nós aínda sen redimirnos.

A luz e a noite en versión do poema: “Monumento á ausencia”, é tal vez o acto mais emotivo e sublime do encontro e do desencontro que atopamos na poesía galega contemporánea. Ese speculum doctrinale et naturale do ser e do estar existencial e, tamén, da permanencia de ser erixidos na intimidade dunha patria maltratada, onde as vidas fluctúan como nos di neste “Monumento á ausencia”:

      “Naquela mañá feita para os ollos
       de Deus, pra sempre froleceu a pudia,
       cantaron as lavercas para sempre.
       E eu perdinme entre os trigos ben perdido,
       coas espigas por enriba da cabeza,
       no carreiro longuísimo dos adeuses...”

Adeuses que contraen ao ser que abandona a terra, con todo ese peso de fidelidades e pertenzas que lexitiman o vencello mais profundo do ser; para ser pleno no que emana dunha terra que tamén chamamos patria e nación. Díaz Castro lexitima os tempos existenciais e a súa magnitude en pasos firmes e certos que nos ofrece no inmenso poema “Penélope”. Galiza como oferta, ofrendándose en non raquíticas recompensas nos eidos que lexitiman herdo de nós ser galegos na fala, na cultura, nos comportamentos psicolóxicos nese ir e volver á patria común e defendela, como o poeta apela neste mencionado poema:

      “Un paso adiante e outro atrás, Galiza,
       e a tea dos teus soños non se move.
       A espranza nos teus ollos se espreguiza.
       Aran os bois e chove”.
       (...)
       “Desorballando os prados como sono,
       o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
       Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
       ¡Un paso adiante e outro atrás, Galiza!”

Velaquí a nosa nación nimbada de esperanzas, desde as terras de sol e néboa de Parga e Guitiriz, nese manto panteísta que o poeta teceu con devota relixiosidade, de incontinencia deísta que a todos nos fai meditar sobre a súa poética soberana e fiel ao noso país.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras