A correría dos parlamentarios - 05/11/2013
ECOS DA BERENGUELA - xornal

Xosé Lois García

Os representantes políticos no parlamento español, en radical fuxida, en desbandada. A correría non deixa de ser un espectáculo para aqueles que non confían na clase política; non só polo que se di dela, senón polas imaxes televisivas que se transmitiron o derradeiro día 31, cando nunha votación tódolos deputados –sen distingo- moitos estaban de pé e coas súas maletas para iniciar a fuga, neses tres días festivos da ponte de santos. O que arrepía desas imaxes é como se botan aos pasadizos, como se fosen a un macabro asalto, choutando uns sobre os outros e taponando as portas. Parecían galiñas que ambicionan a fartura do comedeiro. Patética imaxe que nos revela o fraude que os mal chamados representantes da cidadanía están usufrutuando.

Neste declive de comportamento, as súas señorías xa o ven tan normal que non teñen escrúpulos por gardar as aparencias. Están tan seguros do seu mesianismo que o exceso de confianza os leva a inxustificados comportamentos, que incitan aínda mais á cidadanía a infravalorar o papel dos parlamentarios e a comprender inadmisíbeis formas de dar unha imaxe incorrecta. Volvemos ao antigo adaxio: “A muller do César non só debe ser honrada, senón parecelo.”

Cando se perden as formas, por unanimidade, pérdense os valores de algo do que se di que se cree, poñendo en risco a credibilidade de quen depositou a vontade de elección nun deses corredores de fondo. Neste sentido, un ten a sensación que con estas maneiras desmesuradas, os deputados corroen a credibilidade e precipitan a catástrofe democrática. Parece que os parlamentarios teñen unha idea de ser uns unxidos da democracia, e coidan que todo lles é licito. E nesa postura, horrorosamente paternalista e xacobinistas, particularízanse moitas das desavinzas que a opinión pública ten cos seus representantes.

Como poden comprender millóns de persoas amoreadas nos seus barrios de subsistencia, nos guetos das grandes periferias, que quedaron sen traballo e sen vacacións, que teñen que ir diariamente a comedores populares, ou a procurar manutención nas estrumeiras. Sabe o lector canto gaña un deputado? Nada menos que 6.400 euros ao mes e tributa como mileurista. Cantas familias poden sobrevivir coa metade do soldo dun deputado? Estes privilexios veñen dunha democracia doente, que decapita a uns cidadáns e enriquece a outros. O clasismo en seu auxe mais corrupto e depredador. Que dirían boa parte destes marxinados cando ollaron ver correr, a empurradas, aos deputados “democráticos” por acadar tres días de ocio, mais que descanso? Pois sorrir con magoa e coa palabra entrecortada: “ide todos ao carallo!”

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras