As vendimas de San Fiz de Asma - 16/10/2013
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

Remata a gran festa das recolleitas ribeirás. O sacro viño comeza a ferver e a ofrendar seu celme oloroso e a dar sentido ao traballo dos viñateiros.

vendimaToda a conca do Miño e do Sil en convivios e xuntoiros de vendimadores poñen ese acento humano á nosa ribeira. Pode que das ribeiras de Chantada, sexa a de S. Fiz a mais atractiva para quen cruza o Miño e para quen observa os trasfegos, do ir e vir e sempre estar catando acios entre as follateiras das vides, este ano ven cargada de amenceres.

O viño de S. Fiz ten sona de danzar nos silencios da cunca, dar azos e resucitarlle temperos a quen o bebe. En S. Fiz, como en toda a ribeira chantadesa (desde Pedrafita a Nogueira de Miño) hai unha cultura moi profunda e moi legal, configurada na tradición dos mosteiros medievais e dos igrexarios, que deron precepto e corpo ao grande milagre que se revela no viño e nas augardentes. Todo de noso. Os de S. Fiz ben o saben, así ofrendan a seu patrón S. Pedro Fiz ad Víncula, pola súa festa grande, o 1 de agosto, cun acio repintado nas súas maos.

Tamén os de Merlán, poñen ourizo novo mostrando castañas, que solemnizan pola festa do 16 de setembro. Estas dúas datas nada ordinarias, advirten que estamos en festa grande de recolleita de uvas e castañas. A sacra outonada chega para os devezos do magosto en seu tempo cumprido. Viño e castañas afanan a irmandade dos colleiteiros, a ledicia que nunca esmoreceu no que se custodia do herdo de primicias pasadas.

As vendimas aínda teñen esa euforia, esa intimidade de apego á tradición. Servidor estivo detrás de vendimadores. Sorprendeume o cambio de fai cincuenta anos. O rudimentario deu paso a grandes técnicas e, tamén, a grandes deshumanizacións, as navallas de corte opulento deu paso a tesoiras; cestos coleiros por caixas de plástico en varias cores; carreteiros por ascensores metálicos. Os vendimadores son outra xeración, moitos con identidade urbana que veñen a gañar o xornal, en faena dura e ardente.

Nada propicios a cantar, aturuxar e dar comezo ao escarnio de “Hei rabudos!” e agardar o ritmo e o eco da resposta dos de Lemos: “Hei papeiros!” Despois viña a retórica dos que ben sabían ese rosario de desquite emocional. Isto apenas se escoita. Cambiaron os tempos e tamén as mocidades. Mais a ribeira, en tempo de vendimas, ten ese ímpeto emerxente e de cándida bondade de dar o froito en recompensar do traballo.

Lembro do crego e poeta chantadés, D. Avelino Gómez Ledo, un poema elexíaco sobre as vendimas en S. Fiz, na que destaca esa longa crónica que fai das garuleiras vendimas, tan especiais que se erixían nas ribeiras de Chantada. Esa descrición poética foi escrita nos anos vinte do século pasado. Neste sentido, as descricións que podamos facer deste noso microcosmos, no sentido mais característico dunha cultura ribeirá propia, serven para argumentar demasiados vencellos para ser materia de antropólogos, etnólogos e de todos aqueles que estean atentos a temas costumistas e a formatos populares. Aquí, a vendima, enceta ese lado feliz de recolleita, de primor de festa alegórica na que se dan gratitudes á terra, aos dons do traballo dunha maneira silente e intuitiva.

As vendimas que S. Miguel, o das uvas maduras, chama a baixar ás viñas, a concentrarse no acio maduro e a non estragar bagos, que como reza o proverbio son almas en pena que precisan de transformarse en sangue de Cristo, que aínda que non o sexa merecía selo. Dar loores as boas colleitas, das malas facer responsábel a Satanás que baixo os pés de Miguel perece.