Portomarín, nas fotografías de José López  - 31/10/2013
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

Paseando por Portomarín entre o balbordo dos peregrinos, en compaña do crego e amigo Xesús Mato, meu guía e descubridor dos recunchos mais pescadorportomarininsólitos de Paradela e Portomarín, seus eidos nativos, chamoume a atención, baixo os soportais da praza da igrexa, unha enorme fotografía do vello Portomarín cuberto polo encoro de Belesar, fai cincuenta anos. Unha fotografía de gran beleza e de enorme revelación da interesante grandeza daquel pobo cruelmente asolagado. Dita fotografía estaba no escaparate de “Foto Pereira”. Dialoguei con esa instantánea e o Mato introduciume na tenda e presentoume o verdadeiro autor: José López, un fotógrafo dos maiores que soubo buscar e controlar os ángulos, a luz e os perfiles mais discretos do seu propio microcosmos, cumprindo con ese deber profesional de codificar os diversos espazos do vello Portomarín. Todo un memorial, toda unha resoluta crónica que o obxectivo da súa cámara recolleu puntualmente.

E dentro da tenda de “Foto Pereira”, José López nos mostrou toda esa fantástica creación estática que cada unha desas imaxes falan para as nosas retinas. Todo un compendio de vida propia: cívica, social, relixiosa que son a patente mais viva que un enorme fotógrafo como José López soubo rescatar antes de que as augas arrebataran todo ese mosaico de historia viva e vivida dun pobo milenario como Portomarín. Neste proceso de rescate, moito debemos agradecer os galegos a José López por esa memoria inmorredoira: dádiva dunha plenitude do desaparecido pobo ás orelas do patriarca río Miño.

José López é depositario dunha enorme e sensíbel obra, de tal transcendencia e de enorme repercusión que ficará como o maior monumento gráfico de Portomarín que debe prevalecer, sempre vixente, por moitas razóns. Este fotógrafo foi testemuña dos tránsitos en que a igrexa románica de S. Xoán, de estilo románico, un deses grandes monumentos de matiz mateano, que foi desmontada e erguida pedra a pedra, na que a presenza do fotógrafo López foi activa e persistente en rescatar todo aquilo que ía esmorecer e integralo nun valioso patrimonio fotográfico que moi poucos concellos ou vilas de Galiza poden presumir dun fotógrafo dimensional como o que nos ocupa.

Á medida que fomos falando de todo ese catálogo de fotografías, entramos na entretea dunha basta exposición de imaxes de todo índole; nunha colección de máquinas fotográficas, de diversos obxectivos e outros aparellos auxiliares que corroboran a enorme profesionalidade de José López. É a indicativa a colección de libros sobre a fotografía e diversos catálogos fotográficos sobre Galiza e doutras nacionalidades. Toda unha retrospectiva de elementos fotográficos que prioriza ese extenso inventario, que ven a soster a un home humilde de grandes dotes de profesionalidade e cun enorme aprendizaxe e coñecemento da arte fotográfica. Aí está o esforzo e o traballo pormenorizado dun home sinxelo e sen ego que soubo recoller o cotián e as cousas mais simples, para moitos inverosímiles.

Con toda esa colección que conforma a memoria e o relato de Portomarín, antes e despois do encoro, ben se podía crear unha espléndida fundación –non sei se isto está dentro das previsións do autor- que poda dar unha nova dimensión no aspecto museístico. Dentro deste factor de calidade e cantidade é estraño que as autoridades que rexentan a cultura da Xunta de Galicia, non saiban, non intúan, non descubran nesas fotos que se mostran en “Foto Pereira” que deban estar outras mais. Parece que non interesa a creatividade activa, a que testemuña valores conxunturais e todo se amaga no silencio.

Que diremos dos alcaldes e dos edís que gobernaron e gobernan o patrimonio cultural de Portomarín: son uns ignorantes ou permítense selo? Nos dous casos é bastante lamentábel cando hai ocasións para non ignorar o tamaño dunha obra que enxalza todo un organigrama vivencial dunha vila anegada e resucitada como Portomarín. A obra de José López está por enriba destas condescendencias e apaños de silencio, dos que administran o público.