Fole e Manuel María en Pantón- 06/06/2014
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

 ANXEL FOLE E MANUEL MARÍA EN PANTÓN

muraisO espazo territorial de Pantón representou para os escritores Anxel Fole e Manuel María a búsqueda para entronizarse no seu medio de maneira distinta entre o narrador de Lugo e o poeta da Terra Cha. Nos dous había ese amor incontido, Fole tiña como pertenza de Pantón a súa prole. Seu pai era natural de Freixedo, da parroquia pantonesa de Eiré, dous topónimos que sempre mencionaba e lexitimaba no seu imaxinario estes eidos do seu proxenitor; esa fidelidade o facía reflexionar en súpeto silencio, para exclamar: “Si señor, meu pai era de Eiré! Bautizado na igrexa románica de S. Miguel, boa terra de ameixas!” D. Ánxel sempre repetía isto comigo e coido que con moitos mais.

Sempre falaba da súa estirpe, tanto dos Fole como dos Quiroga e nos achegaba a pretéritas xeracións. O seu apelido sempre o vencellaba a esas terras que el visitaba, concretamente o pazo de Ferreiroá, onde Fole deixábase retratar nas monumentais escalinatas. O pazo non era da familia Fole era de amigos que o levaban a este enorme casarío. Sei por el que era unha visita grata pisar terra de Eire que seus antepasados triparon. Eiré tiraba por Fole e relaxaba seus sentimentos cando falaba do mais prezado que pode harmonizar unha terra tan intimista como a de Pantón.

D. Ánxel escribiu moi pouco sobre as terras de Pantón, liñas contadas, como se o seu sentimento reservara a terra de seu proxenitor para a intimidade; unha presenza onde o silencio fortalece a emoción. Fole era unha persoa emotiva e emocional con estímulos de verificar a terra física e espiritual. O Courel e o Incio, como boa parte das xeografía do sur da provincia luguesa figuran na súa escrita. As terras de Pantón recluídas no sentimento da saga dos Fole, esa perpetuación de ser e acumular o reductíbel no irreductíbel. Así foi indo D. Ánxel coa saudade e o peso das sombras; o paso do tempo trouxo a Pantón a súa imaxe e a súa memoria nese ático mural, que se alza e alonga nas paredes exteriores da Casa da Cultura de Ferreira de Pantón, onde os ollos de Fole procuran albada, desde seu rostro sereno, como se albiscase mel e lecer nas súas proximidades.

Aí está enteiriño, nese arrecendo e ao lado do románico altivo do seu benquerido Eiré. E coa emotividade dun texto seu de perseveranza filial: “Llegué a Ferreira De Pantón una tarde de abril. Todo lo veía suavemente dorado como un recuerdo. Pero tenía prisa por llegar a Eire. Jamás se me olvidará aquel ocaso. Era de color de Vino”... O contexto pictórico é grandilocuente, con todo Pantón dentro do texto.

A idea xurdiu do Concello de Pantón, presidido por José Luis Álvarez, por Javier González e Flora Enríquez, sempre puntuais no engrandecer de Pantón. Agora, coa presenza dun dos nosos grandes escritores, con raíces neste municipio que honra aos que decidiron monumentalizar a súa figura e as súas benquerencias nun emotivo mural. A D. Ánxel non lle falta en Pantón unha rúa co seu nome, de curto traxecto, pero aí está o seu nome, erguendo e ampliando memoria nun entorno que lle foi tan amado, desde Eiré até tódalas delicadezas que proclaman a Ribeira Sacra.

MANUEL MARÍA
Os temperos poéticos de Manuel María teñen eco de sorpresa en Pantón. A paisaxe, os monumentos, as estivadas da terra ribeirá, con seus cantís sorprendentes atraparon a un poeta da Chaira. Mais estas terras lisas e escarpadas, de mil figuras abstractas, atraeron andaina non folgada no rescatador de miudanzas para albergar a elocuencia desta terra no poema. Manuel María implicouse en Pantón na crónica poética e en todas esas sensacións rescatadas que as destingue cos acentos da xente e cos perfumes que recenden en cómaros e veigas. Manuel María foi un pescudador perfecto para crear poesía cos ámbitos da paisaxe bucólica e telúrica que acende tantas luces na diversidade xeográfica de Pantón que conforma esa grata península que o Miño, Sil e Cabe bañan.

Manuel María non é un poeta exclusivo da Terra Cha é, tamén, un poeta da Ribeira Sacra que así o manifesta desde Pantón co seu poemario: “Cantigas e Cantos de Pantón” (1994). Con anterioridade xa tiña publicado e dedicado ás terras da Ribeira Sacra, dous títulos mais: “Sonetos ao Val de Quiroga” (1988) e “Cancioneiro de Monforte de Lemos” (1991). Tres poemarios de pertenza que lexitiman a un excelso poeta que proclamou albores nas chairas, ribeiras e montesíos desta súa Sacra Ribeira que Manuel sucou e testemuñou no “Canto de despedida”: “Terras de Pantón: Alto da Guítara. / Monte de San Paio, parroquias / e lugares que andiven un a un”.

Aos poucos meses do seu pasamento (2004) as Mocidades Nacionalistas de Pantón compuxeron ese enorme mural na Casa da Cultura de Ferreira. E de inmediato o Concello de Pantón, presidido por Xosé Manuel Ledo, seu grato amigo, erixiu placa dedicada a Manuel María nunha fermosa rúa que perpetúa o seu nome.

Co recente mural dedicado a Ánxel Fole, ao lado do de Manuel María, maniféstase a benquerencia común que os dous tiveron por Pantón. Esta parella amiga evocáronse mutuamente en conversas, en escritos, e nunca en falsas aparencias. Dous escritores para unha terra que os entornos desta terra telúrica e ancestral. Ánxel Fole e Manuel María revelaron moitos dicires do que esta terra fala.
Compartir

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras