Penasillás, encrucillada de peregrinacións - 02/07/2014
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

Penasillás, lugar da parroquia chantadesa de Seoane, nas estivadas do Faro, protagonizou antano un centro de encontros en súas feiras do dia 2 de cada mes; unha das mais antigas que os monxes de Oseira souberon erguer e nutrir de gando do que se criaba nestas latitudes de montaña. Un centro penasillas tradicional que mostrou orixinalidade de concentración feiral, diante da capela de S. Antonio e dos petos de ánimas que recolleron esmola de Igrexa e para rescatar almas en pena. Tres monumentos que proclaman o barroquismo rústico. entre quebradas rúas que fan de Penasillás esa benquerenza de ir a ese encontro de feira, aínda só para degustar do polbo e carne ao caldeiro. Sobre todo, rescatar memoria do que noutros tempos, non lonxincuos, foi a feira, con eses pendellos esborrallados, coa ferrería e ferrador que xa non ten, e outras artes que fixeron célebres a este lugar, onde o val remata e a montaña comeza.

Penasillás é un lugar de rutas transversais, polo camiño que vén dos eidos ribeiraos cara a ermida de Santa María do Faro e de Xohán de Requeixo, o das trobas iniciáticas e festivas do século XIII. A ruta das peregrinacións ascendente, dos que procuran milagre para vida irredenta. Así ían de longas terras, de aquén e alén Miño. En Penasillás comezaba a magoante subida, no Chan de Seixas, auga fresca do rego da Ortiga, un descanso e pulsar costa até chegar ao ermo cume do Faro, facer oración e ollar terra aberta desde o Pico Sacro até os tesos do Courel e Pena Trevinca. O alzado sacro dos celtas, como lle chamou Frei Martín Sarmiento.

O pasado ano, o crego de Vilanova de Lourenzá, Xosé Antón Miguélez Díaz, meu vello amigo e veciño, provocoume a unha subida ao Faro, dado que os anos pesan, non resistín a ese desafío. Saímos de Merlán ás 8 da mañá e chegamos catro horas mais tarde. Esa andadela permitiume saber que xa non teño pulo como aquel adolescente que fun e facía carreira sen notalo. No cume, mentres o Xosé Antón rezaba por todos e por este rebelde ateo, eu comía pan con queixo á vella usanza e ollaba paisaxe inmorredoira.

Mais este camiño vertical, non só deu aceso aos peregrinos do faro polo 15 de agosto e 8 de setembro (festa desbordante), mais este era o camiño antigo e de acceso ás terras cambotas de Rodeiro, por Santa Baia e S. Martiño de Esperelo. Un camiño mítico de fontes milagreiras, como a dos Meniños e das Pipas, e outras nacentes que frutifican as verdosas veigas.

En Penasillás o rechouchío da auga fai oración matinal neses regos que temperan hortas e lameiros, e falan con quen os escoita. Mais por aquí vai o camiño real, a vía maior, a mais antiga que desde Ourense a Lugo ía bordeando os remansos das serras da Martiñá, do Faro e do Farelo, pasando por Penasillás con parada obrigatoria, facer oración a S. Antonio, ou diante dun dos petos e rescatar pecadores no suplicio infernal, ou degustar viandas enxebres que neste lugar se producían.

Feirantes, xente do pobo e peregrinos de excepción, como Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey, pasaron por este camiño en peregrinación a S. André de Teixido, o 5 de xullo de 1929, facendo parada en Penasillás. Os tres peregrinos ourensáns deron noticia desta aventurada andaina. D. Ramón escribindo sobre a ruta, que deu en libro e publicado ese mesmo ano pola “Editorial Nós”, titulado: “Pelegrinaxe”. Vicente Risco ilustrou este libro con delicados debuxos saídos da súa talentosa prumiña. Cando os tres descobren o ático e corpulento Faro, Otero Pedrayo escrebe: “Faro. Nú, esgrevio, forte, ergueito n’un pulo rexo hastra os mil oitocentos e pico de metros. Na cume albexa com’un seixo a ermida da Nosa Señora. Festa o día das Miragres. Moitas augas cría e manda o lombo do monte car’o Miño r pr’as rías baixas”.

Otero, cando albiscou as terras de Chantada, indo polas dúas Vianas e apousentándose no lugar da Xulfe, comezou a cronicar o encanto da paisaxe con excelsos regueiros e regadas, das arquitecturas labregas de casas, pallares e pontes que D. Ramón recolle na súa crónica e Risco debuxa o pazo de Riazón, a ponte de Comezo, un hórreo, pallar e lavadoiro do lugar de Nuxilde. Subindo esa media costa chegan a Penasillas e o relato e Otero Pedrayo é o seguinte: “Chegamos a Penasillás con ardente curiosidade. (...) No pobo hai tráfico: os paisanos feirantes e profesionales da longa brusa negra acóllense na porta d’un mesón con tenda abaixo, ventaniña verde, muller faladora, tratos e contos. Hai un campo de certo vagantío c’unha ermida do S. Antonio. Un home fala da feira e Esquirón; contento d’ouvir un nome coñecido. Outros comentan os miragres do S. Antonio; son do oficio e non cren que un porco curara d’unha perna crebada pasando frente da ermida. (...) O Risco dibuxa o peto d’ánemas baixo o pariaugas d’un tratante que o acolle dicindo: “-Non, istas cousas vellas son ben interesantes: de fixo sairán na “Esfera” ou no “Branco e Negro”.

Risco recolle con realismo maxistral o edículo e o retablo do peto das ánimas de Penasillás, coas almas ardendo no purgatorio e S. Miguel encadeando a Satán, encarnado nun dragón. Unha peza interesante para preservar da erosión e dos estragos que produce a polución. Vicente Risco continúa debuxando, por esta ruta real, o pórtico románico da Igrexa de S. Cristovo de Mouricios, o coto de Adá, os paneis dunha casa de S. Vicente de Argozón e a súa igrexa, entre un espectacular souto de castiñeiros. Un traballo o de Risco que desvela a arte arquitectónica e artesanal labrega que implora mantemento desa grandilocuencia da nosa estética etnolóxica dunha arte funcional que se elimina en tantos silencios que a administración local tamén opta polo transgresión.

D. Ramón Otero Pedrayo remata a súa crónica polos abeiros desta enxebre aldea: “Dend’o campo da ermida Penasillás baixa en rúas labregas estradas d’estrume, pavimento elástico, forte e enxoito namentras non chega a un certo estado de descomposizón. Ademais un traballo comunal dos poucos que quedan. Agora baixamos: o Faro vaise pôndo un pouco de proa a nós com’un grande navío maniobrando: a ermida do outo parez d’outra figura. Coadrada, limpa, soila, sin arbres: e a cume dos 1180 e pico de metros, mail-a montana segue en lombos ondeados de serra. Descenden grandes herdades de millo e pol-a ezquerda un regato asombrado por mestas procisiós d’arboredos sobr’un pobo acugulado afondado en rúas coma corredoiras: S. Cristobo de Mouricios. A eirexa garda a sinxela vibración artística do bon tempo románico. Ben-Cho-Sey sinte saudades de facer a pranta. Porta ladeiral ben postiña”.

Velaquí a crónica dunha peregrinación a S. André de Teixido, na que recolle protagonismo Penasillás. Ese pobo que ficou sen feira, sen peregrinos e sen a súa fachenda de ter presenza no vademecum das feiras con temperanza popular, de vender e mercar só o que se cría. Nestes tempos de globalización, comeza a restituírse a feira do día 2, neses comes e bebes que se preparan no “Bar Peto”, con polbeiros do Carballiño a recuperar memorando.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras