A caixa esmoleira de ánimas - 26/09/2014
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

xlg esmoleiro animasNun lugar anexo á igrexa de Nogueira de Miño (Chantada), unha caixa de ánimas, daquelas que se utilizaban para pedir esmola, pola redención de almas do Purgatorio, estaba estragada e condenada ao perpetuo silencio dun estrago mais. Faltáballe a tapa e as arañas teceron súas redes de apaña moscas entre montóns de poeira. Unha metáfora que nos leva a pensar na decadencia dos tempos de esplendor, onde os reclamos doutrinarios e de santidade rematan así. Collina nas maos, limpeina improvisadamente e descubrín tres figuras que representaban a tres almas rodeadas de incesantes lapas flamexantes. O amigo Antonio, o celoso sancristán de Nogueira, ficou como alucinado cando dei o berro: “como se estraga o noso patrimonio!”.

Esa caixa de ánimas barroca, cunha escultura de reclamo salva almas e corpos de suplicios eternos. En boa época recadaría suculento diñeiro polo miúdo, dos medorentos crentes de Nogueira. O tecido escultural é moi simple e, á vez, moi emotivo pola categoría de persoeiros que presenta en medio desas acesas lapas infernais. Na banda inferior un matrimonio coas maos xuntas, en oración, procura salvación entre alporizadas flamas. O terror impón devoción e o ceo mércase con esmolas.

Ninguén en Nogueira debeu ser alleo a esta escena purgante. Sobre todo cando se observa na banda superior a un bispo ardendo nese lume devorador. Só ornamentado coa mitra, como indicando que nin os pecadores xerarcas da igrexa líbranse da purga e que non valen os privilexios eclesiásticos para merecer outro estadio que non sexa pasar pola brasa e flama apocalíptica.

Esta imaxe é ben insólita e estimulante para o reclamo de librarse do xuízo final, exhibindo a un prelado na fogueira eterna. Unha icona desta categoría non se repite nesas caixas, ou cepillos, que cada igrexa ten. Estamos a falar dunha peza sinxela, moi ben concibida e lograda por un escultor anónimo, quizais do entorno rural ribeirao e, mais que de conceptos estéticos percibía a psicoloxía dos labregos e buscou a imaxe certa para impactalos.

Nogueira de Miño ten un deses igrexarios mais interesantes da Ribeira Sacra, cun enorme patrimonio artístico e de culto. Unha riqueza románica do tránsito dos séculos XII ao XIII; pinturas gótico flamencas e renacentistas; retablo plateresco e imaxes do XVII e do barroco compostelán. Todo un grande museo de arte sacra que, infelizmente, non se ten difundido por parte do bispado e polo concello de Chantada. Así é obvio que o noso distinguido e singular patrimonio artístico acabe no lixo.

Mais esta caixa de esmolas, onde o matrimonio labrego arde e o bispo tamén, xa está rescatada na sancristía de Nogueira e ao coidado de Antonio, que a mostra aos visitantes e exhibe ao bispo como unha enorme sorpresa, de que os bispos son terreos, pecadores e tamén arden como os demais. Isto nos fai pensar e sorrir.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras