O Asma: Lírico e cantareiro - 01/12/2014
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

Lento pasa polo itinerario emerxente que lle conceden os repregues e as estivadas, desde o Faro até o piago de S. Fiz, por onde se agranda o seu destino. Da a impresión que as augas demoradas e azuis do río Asma marcan a permanencia rebuldeira do limpo aturuxar que non enmudece por presas e cachoeiras.

arbores xloisA quenlla do Asma, desde as serras montesías do Faro, recolle augas chuviosas e o esvaro de ardente neve que marca os ires redencionais das súas nacentes que atopan afogos de morte nas augas encoradas do noso Miño patrucial.

As augas do Asma estilan cachóns lavancos e harmonizan cántico certo e espido nos arroutos e compases que contemplamos un tal furor nas ondas quebradas que alentan donaires de melódicos sons. Súpetas curvaturas, como arco de bésta, requintadas retortas que confirman un berce de devezos onde ao Asma respiramos enteiro; onde os ollos beben tanto clamor no renazo das augas druídicas e namoradas e xa sen tempo.

O noso grande río chantadés deixa a melodía polos trazos da súa vertente, entre prados, cotarelos, castros e remansos. No beiral esquerdo do Asma a vila de Chantada alenta a súa harmonía, guarnécese na líquida espesura dos limos verdes e da danzarina foresta acuática e en seus remorsos. O Asma dos vellos e rebuldeiros muíños, dos batáns onde a festa comezaba sen data de caducidade.

A historia cedida aos tempos novos onde a memoria deféndese de inmundas depredacións. As pedras esborralladas claman nos pousos do río. As lascas alisadas polas lavandeiras de antano proclaman os bateres harmoniosos do lenzo mollado e enxaboado polas lavandeiras pobres e requintadas de Chantada. Elas lavaron a cotra do vestir dos señoritos, converténdoos en elegantes prendas que non merecían pór. As lavandeiras do Asma, aquelas mulleres fortes e ben dispostas, agardan ser memoria nun monumento sinxelo, como elas, na mesma Alameda, onde estendían a roupa cor de neve. Mais as autoridades do concello, escasos de memoria e reflexión, esquecen a persoas humildes de utilidade que deron brancura e perfume onde o lixo abundaba e fedía.

arbores xloisDesde a Ponte do Convento até o campo de Sangoñedo, por ambas bandas do río, un fermoso paseo, un tanto estreito e por veces separado do curso do río, que non permite ao viandante observar o ritmo e o cantar das augas. Algún día –esperamos- os aderezos de modernidade sexan mais copiosos e emerxentes para os paseantes.

O outono marca a forneza do Asma cando as follas danzan e navegan deixando espidas esa fileira de amieiros, freixos e salgueiros: custodios das augas levadas en fragmentos líricos e notas de pentagrama, conformando esa mansa e non tímida paisaxe feminina que apreixa tódalas dádivas e fervores que o río esmalta, en seu liso manto dun frescor de esperanza.

Polos espazos do Asma un detén o andar e contempla esa liña azul que marca os lindes de seu berce, con lascas e tímidas herbas que adormecen entre os xiros e os murmurios acuáticos. Apetece facer un poema con tantas manifestación bucólicas e de apoteótico panteísmo que xemen entre nós. Mais o gran poema lírico e de clamor órfico, o grato poema que respiramos polo longo e quebrado remorso do río Asma o fan as súa augas. Pois, toca escoitar os versos ben tecidos e ben medidos do río.
Compartir

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras