As plenitudes de outono - 17/12/2014
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

Fica pouco de respirar neste outono, en seu derradeiro tránsito estacional, cando cede seu cetro ao solsticio de inverno. Mais o outono ten a súa pedagoxía en tódolos rentes da natureza, capaz de crear un estado de ánimo sosegado nesas cores multiformes que patentan a plenitude dunha paisaxe marcada neste ciclo da vida vexetal e da nosa.

follasmusicaisImaxino estar ao pé da inmensa torada do meu castiñeiro de Podente, que hai un mes que deixei para vir á grande cidade, con súa cúpula piramidal, como nun miniado de libro de horas, e as follas obedecendo o designio das témporas de outono, caendo e compoñendo elocuente alfombra de follaxe. A soberanía do outono, coa súa oferta de froitos maduros, evocados nas recoleccións de labregancia, que son os primeiros clamores no limiar dun outono de uvas coller, como dita o calendario agrícola dos frescos románicos de san Isidoro de León.

No libro de Florentino López Cuevillas, titulado: “Prosas Galegas”, encontramos unha das evocacións mais sentidas que ilustran a caída das follas das cepas e dos castiñeiros, indicando: “Vinde a Galicia no mes de San Martiño, se queredes ver cómo se murchan os follatos das cepas. Vinde a Galicia no mes de San Martiño, se queredes ver fumegar os lumes dos magostos”.

Floro Cuevillas fai converxer dous produtos básicos da dieta tradicional, o viño e a castaña, que se xuntan e complementan na festa dos magostos. O escritor ourensán danos esta acuarela de cores outonais: “É nas ribeiras da nosa terra, onde o outono pinta os seus cadros”. É verdade, nas ribeiras de Chantada como no resto da Ribeira Sacra e doutras comarcas vinícolas, no cumial dos viñedos están os castiñeiros coroando e ennobrecendo a testa das videiras, conxugando o seu verdor de primavera e estío, esclarecendo os dons da natureza para ser pregaria de outonada.

A folla caída resplandece en outono nese fulgor de cores amarelas e vermellas, roulando polo chan e tecendo cantiga e sonorizando acordes de cítara vexetal. O ruxir das follas, na cadencia que xurde dos pés rebuldeiros, proclamando o outono en tódalas soidades posíbeis e que delas precisamos para interiorizarnos no misterio panteísta.

As follas de castiñeiro no eloxio poético de Uxío Novoneyra: “os castiñeiros xa sin folla / i as árbores todas”. E aínda este poema con sabor a outonada courelá: “Días breves en que ún está sempre nunha cousa! / As bouzas verdes fóronse pondo marelas e roxas. / As bouzas roxas pardean cas choivas. // O vento sólo / no souto do outo outono”.

A nudez das árbores na elocuencia do que precisamos en outono, a estación dos silencios redencionais na voz dos nosos poetas. Manuel María, no seu libro: “As lúcidas lúas do outono, manifesta: “O Outono é unicamente quen nos dá / lucidez, equilibrio e perfeición. / Un alcende o seu ser e purifica / os seus sentidos longamente / pra poder receber o Outono / con cortesía, decoro e diñidade”.

Con cortesía e decoro o despedimos e del agardamos a repetición das súas cores en soutos, devesas, bosques e ribeiras, tan mal protexidos de depredacións económicas que continúan expandindo nocivas e devastadoras consecuencias no cosmos. O poeta escocés James Thomson (1700-1748), autor do poemario: “As estacións do ano”, manifestou neste verso: “Ollade como se apagan as cores dos bosques”. A premonición cúmprese con creces, lamentabelmente, o outono deixa de darnos menos follas e menos sons musicais para nosos pés.

Un dos grandes defensores dos bosques e dos dereitos civís e da desobediencia civil, Henry David Thoreau (1817-1862), deixounos no seu libro: “Walden” o relato mais impresionante sobre os dons da natureza. Outro dos excelentes libros de Thoreau é o titulado: “Cores de Outono”, no que sinala: “ Mentres os froitos, as follas e o día en si adquiren un matiz brillante xusto antes da caída, o ano tamén está a punto de poñerse. Outubro é o ceo do atardecer e novembro, a última luz crepuscular”.

Da xeración de Thoreau é Walt Whitman, autor do poemario: “Follas de herba”, no apartado “Autumn Rivulets” (Regatos de Outono), encontramos un dos maiores concertos onde a natureza ten seu propio vocabulario na estación de outono, nestes versos: “Ou terra morena, xenerosa, parideira –ou, útero infinito e fecundo, / déixame a túa canción para narrarte”.

A voz unánime dos poetas, dos que buscan nos bosques a súa propia morada liberadora e o trino da paxarada, recompoñendo as plenitudes de outono onde as follas de soutos e devesas continúen dándonos os seus dons de vida plena.