Asasinatos de xénero - 03 Marzo 2016
logo nosjpg

As estatísticas revelan e contabilizan a violencia e os crimes machistas contra as mulleres desde fai bastantes anos. Estas continúan indefensas por un Estado que non avanza en cortar esta lacra. Neste caso, estaremos sinalando un terrorismo de xénero que veñen sufrindo as mulleres. Estamos asistindo a unha das pragas de vexación, que comeza por alterar a palabra e pasar a un maltrato obsesivo, sinalando á muller para introducila no teatro de tódalas culpabilidades e utilizar contra ela diversas fases de maltrato físico e, por último, executar o acto mais vil e sanguinario: o asasinato. Levamos anos repudiando estes actos criminais sen un avance que faga retroceder esa estatística até colocala no punto cero da normalidade, do que queremos que sexa, unha total desaparición desta enorme catástrofe.

Esta foi a prédica de perversión dos credos monoteístas que desde os púlpitos manifestaron imposicións que animaron ao machismo

As agresións contra as mulleres cóntanse, no tempo, por milenios, formando parte desa “cultura” de falsa moral, imposta desde institucións estatais e relixiosas, considerando que a muller era o xénero débil e secundario, útil para procrear e estar ao servicio de tódolos desexos e apetencias varonís. Unha concepción machista de opresión, tan institucionalizada polo cristianismo doutrinario que non variou as súas normas con respecto ao comportamento que marca o Pentateuco con respecto á muller. O propio San Paulo dixo na súa epístola aos Efesios 5, 22 : “As mulleres sexan submisas a seus propios maridos, como ao Señor; porque o marido é o cabeza da muller”. Segundo esta regra, a cabeza pensante da muller ficaba anulada pola do home; só o corpo feminino tiña utilidade para “o repouso do guerreiro”. Esta foi a prédica de perversión dos credos monoteístas que desde os púlpitos manifestaron imposicións que animaron ao machismo, a unha insólita barbarie contra as mulleres, que callou en violación e anulou dereitos. Neste reducionismo, ficaron veladas e atrapadas en diversos estereotipos de opresión até hoxe.

A vulneración de dereitos de igualdade de xénero propiciou esa rebeldía de toma de conciencia e de loita feminista, desbloqueando á muller de alienacións e castracións institucionalizadas. Isto permitiu romper os tabús que oprimían a dignidade e a igualdade da muller e crear condicións para unha integración sólida e invariábel en pé de igualdade co home, fronte a actuacións de privilexio e resistencia machista. Nesta dirección, o percorrido foi arduo na conquista de seus dereitos e continúa séndoo en moitos aspectos, fronte a unha imposición de mentalidade medievalista, por parte do machismo, que non renuncia a pensar de que a muller xa non é propiedade absoluta del; nin un obxecto de pracer baixo a súa intransferíbel vontade. Máis eses residuos machistas, incapaces de ver a realidade imposta, en favor da igualdade de xénero. Estamos asistindo a unha das epidemias mais fulminantes que se concreta nestes actos criminais contra a muller.

Levamos tempo sendo incapaces de erradicar este terror que cada ano eleva o número de vítimas nunha estatística que reflexa o flaxelo que agride a convivencia de xénero. A sociedade civil ten suficientes vehículos para disolver o territorio privado da intolerancia machista. Neste escenario sentimos a orfandade dunha pedagoxía liberadora e de sensibilidade paritaria desde as escolas, nas relacións laborais e establecendo salarios de igualdade. Esta carencia impón unha serie de anomalías e formatos agresivos que as institucións do Estado o saben e o permiten. Nesta dirección non avanzamos para tallar esta desfeita de desigualdades. Non basta con repudiar puntual e publicamente cando unha muller é asasinada pola súa parella. Facer declaracións e minutos de silencio son positivos para manifestar a nosa censura a tan graves feitos. Mais isto non chega para extirpar este cancro antisocial.

Creouse un ministerio de Igualdade, no goberno de Rodríguez Zapatero, que fracasou por falta de incentivos e orzamentos

Nesta materia fai falta unha nova e específica lexislación para combater o maltrato, perseguindo e encadeando a seus autores. Neste caso non vale soamente impoñerlles unha rixidez penitenciaria, senón tratar de rehabilitalos. Para esta misión, ademais de lexislar, hai que manter unha inversión para reeducar aos culpábeis. Tamén é preciso unha nova actitude de reactivar unha serie de elementos educativos en tódolos centros escolares para combater o maltrato de xénero, estimulando aos docentes unha sensibilización capaz de restituír a unha sociedade en liberdade. Sabemos que os efectivos policiais de protección non producen o efecto agardado, nin a orde de manter ao agresor lonxe da vítima, non está dando resultados positivos. Creouse un ministerio de Igualdade, no goberno de Rodríguez Zapatero, que fracasou por falta de incentivos e orzamentos capaces de sustentar organismos estatais propios onde as vítimas da violencia tivesen un papel de auto organización.

Nesta loita contra o crime de xénero, no que a muller é a máxima protagonista deste vitimario, hai que recoñecer os seus sufrimentos e o valor belixerante, tan subestimado desde diversos estamentos institucionais. Mentres o sangue das vítimas continúa clamando por cambios radicais que paren esta enorme catástrofe, continúan as divagacións que suscitan vergoña nos diversos colectivos e asociacións feministas e, tamén na sociedade mais sensibilizada nesta materia.

 

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras