San Vitorio de Ribas de Miño (e II) - 13/01/2016
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

Para Xosé Ramón Rodríguez.

Vizosa, melindrosa terra de S. Vitorio de Ribas de Miño, cunha xeografía moi especial que sustenta unha das paisaxes mais sorprendentes que se debruzan sobre as retortas do Miño. Val e ribeira, matizan este microcosmos tan singular en varios formatos espaciais, organizados en función da vida labrega e viñateira que cultivaron os seus habitantes. Unha parroquia con vinte e un lugares, menos o de Porto que foi asolagado en 1962. A súa demografía está diminuíndo, como en toda a Galiza rural, xa hai dous lugares deshabitados como As Fontelas e Os Corgos e algún mais está na barreira de ficar sen veciños.
san vitorio de ribas de miño 3Por veces apetéceme ir a S. Vitorio de Ribas de Miño, terra nativa de meu bisavó, Estevo Fernández, do lugar de A Pereira, e visitar a igrexa románica, onde foi bautizada a miña mai. Fun até o santuario de Guadalupe e ollei cara o sur esa recta de río, na que se conforma unha fermosa paisaxe de ribeira, por Rebordaos e pola chantadesa Sabadelle: exhibindo o altivo monte das Pereiras, Os Maniños, Atán e seus viñedos de Altamira, A Rega e Lagares Queimados. E nese ir da ollada sobre o río, contemplei as curotas de Pesqueiras, erguidas e desafiantes, como o cume de Cornedo, gardián das viñas de Lagares, Campelo, Bacelos e no fondo do traxecto fluvial, outea S. Fiz de Asma. Polo oeste as terras de Pedrafita, co seu castro Candaz, por veces alborecido e transcendido das augas que o asolagan. As terras de Taboada erguéndose no ímpeto das retinas; elevándose no lustroso horizonte do Faro e da largacía serra, que nos trae sorpresa nas postas de sol.

Até o santuario de Guadalupe acompañoume un excelente guía, nativo desta parroquia, Xosé Ramón Rodríguez, antigo compañeiro na factoría Seat. Nos rentes da capela andaba á rebusca de castañas a señora Mercedes do Val, custodiada por un potente e fermoso can. Unha muller afable e con ollada tenra, revelando o misterio e o esforzo das mulleres labregas e viñateiras, que traballaron en tempos difíciles este espazo. A señora Mercedes nótaselle o seu apego á terra e a súa resistencia de non renunciar a ela.
Servidor tiña interese por coñecer o lugar de As Fontelas, residencia do señor Avelino da casa do Puchas, un home moi activo que tiña unha pequena tenda e comercializaba os produtos agrícolas da parroquia: centeo, augardente, e os primeiros froitos hortícolas que se daban nos rentes do Miño e do Sardiñeira, no lugar de Porto, así como troitas e anguías. O señor Avelino cruzaba o río co seu burro de carga na barca de Porto, dúas veces á semana, ía cara Chantada onde vendía estes produtos. Os de Sabadelle e Merlán chamábanlle o coxo de Lemos. Parece que tiña unha perna de pau que montado no burro a levaba en diagonal e completamente tesa. Ía sempre cargado de mercadorías, vendía eses produtos e mercaba outras viandas para repoñer na súa tenda. O produto mais peculiar que exhibía eran pezas de caza: perdices, lebres e coellos que penduraba en cada lado da albarda, no período de levantarse a veda. Na terra alta do Sardiñeira e nos montes de Castro de Rei e Lemos, Forcados e a Broza había moita caza, onde o señor Avelino mercaba esas pezas e as revendía nas fondas de Chantada. Un consumo moi valorado pola xente mais abastada da vila que demandaba a apreciada oferta do coxo d’As Fontelas.

san vitorio de ribas de miño 4Lembro como abaneaban aqueles animaliños ao son do andar lixeiro do burro. O señor Avelino pasaba diante da miña casa de Podente e cando eu ía á escola aproveitaba para acompañalo porque me relataba un conto moi ben ganduxado, unha argallada sobre a vida de cada perdiz, lebre ou coello que levaba á venda. O que me divertía eran aqueles contos de naufraxio da barca de Porto que el narraba -que nunca lle aconteceu-, como unha onda de cachón derrubouno a el e a seu asno, tendo a habilidade de agarrarse ao rabo do animal e saír indemne, el cantando e seu burro orneando e ledicia. Ou como unha anguía furou a barca e entraba auga, tendo que tapar o burato coa roupa que levaba até quedar mesmo nu no medio do río. Tamén, cando asubiaba as troitas comezaban a danzar e moitas caían dentro da barca. Outro dos oficios do señor Avelino d’As Fontelas, en súa ruta de S. Vitorio de Ribas de Miño a Chantada, era a de recadeiro, transmitindo mensaxes como os que lle traía á miña mai: “O teu parente Muiñeiro di que vaias o 15 de agosto á festa de Segán”.

A Segán íamos ben cediño, pasábamos a barca de Porto, e neste agraciado lugar, visitaba a seu curmán Francisco (O Cristos), e tripando ribeira cara Montegrande facíamos pousa e falaba cos coñecidos. O mesmo acontecía a pasar por Amieiros. Así ate A Abadía, onde visitaba a súa curmá Mercedes (A Paloma). Despois Segán, en festa grande.

Tiña interese de visitar As Fontelas do señor Avelino. O Xosé Ramón levoume a ese lugar abandonado, con casas caídas rodeando un regato de auga fluída que a recolle de gurgullantes fontes. Alí estaban derruídas a casa do Puchas e a de Serafina. Daba unha impresión conmovedora ver os efectos da despoboación devastadora, como se un terremoto abalara aquelas vivendas. As Fontelas foi unha especie de paraíso, moi ben organizado con hortas muradas e de rega; espazos de cultivo extraordinariamente deseñados, en función das necesidades de cada veciño. Todo ese orde estaba depredado pola maleza e por plantas exóticas como a mimosa. O que foi permanencia, en pouco tempo foi engulido polo peso das sombras.

Volvemos cara A Abadía polo monte que rodea este lugar, ben nutrido de carpazas e campo ermo, onde outrora apacentaron numerosos rabaños. Na Abadía contemplei ese enorme edificio, morada de monxes, abades e párrocos. Coñecín ao último crego, D. Ramón Somoza, natural de Diomondi, era un conservador tridentino -posiblemente franquista- el traía firmes aos de S. Vitorio e Segán. Decidía sobre os veciños e determinaba os servicios que lle tiñan que realizar. Uns cocerlle o pan, outros carrearlle e picarlle a leña, un cortarlle o pelo, outro podarlle as árbores e facerlle a matanza; a outros os utilizaba de mandadeiros, e tamén tiña os seus recadadores do chamado: “o pan do trono”, que ían polas casas a pedir a dádiva polas rogativas que facía. Un crego que pensaba diferente a Xesús Nazareno, cando dicía: “O meu reino non é deste mundo”. D. Ramón coidaba que o seu reino si era deste mundo. Un crego moi práctico e conciso.