Entre 'Zocas e decibelios', poemas de Ramón Sandoval - 28/12/2017
ECOS DA BERENGUELA - xornal

Xosé Lois García

Zocas e Decibelios é un singular poemario de Ramón Sandoval (natural da parroquia de Barantes, Concello de Sober (Lugo, onde naceu en 1961). Un poeta de longos percorridos pola nosa poesía. No sinalado título, concorren dous libros que corresponden a dúas individualidades ben marcadas reflexivamente e que están dentro do título xenérico. Estes son: “Cartografía da infancia” e “A pel no asfalto”. Dous traxectos, dous proxectos diversos normativizando as zocas do rural e os decibelios que se consumen nas aglomeracións urbanas. Así é, lector, estades ante dous libros de poesía que contextualizan dous universos distintos polos que Ramón Sandoval proxectou. En “Cartografía da infancia”, proclamase ese microcosmos de Barantes, con teimosía e desbotando todo aquelo que tende a encubrir a verdade e o recoñecemento que nos identifica con ese amplo mapa cartográfico dos sentimentos que temos os fillos do rural, o poeta sabe deletrear polo miúdo, o que respecta á xeografía e á toponímica e de aquí abunda a identificacións dos espazos que non murcharon esperanzas de lexitimarnos e pertencer a ese espazo rural con precoz lealdade. Digo rural e non labrego, por entender que son dous conceptos desiguais. Un pode ser do rural e non por iso ten que ser labrego. Mais Sandoval pola súa condición ruralista e ademais labrego, concerta un legado unificador e entrañábel que só a nenez e a infancia reclámanlle eses arroutos de volver ao período infantil e ao espazo de nacencia e contarnos a crónica vivencial dos súpetos biográficos nun medio tan relevante como é o de Sober.

Miro cara unha época

que xa non existe

rostros calcificados

que noutrora foron risas

lembranzas acubilladas

polo estupor da distancia

días que arderon ceibes

cando un era dono

da rosa dos ventos”.

Estes versos introdúcennos na metamorfose das cousas e de seus trocos e, mesmo, no apelo das mudanzas por veces incomprendidas, mesmo por min, neno de rural labregancia. Mais se busco recursos dialécticos sobre a desconfiguración das cousas, reclúome nestes versos do épico portugués, Luís de Camões:

Mudam-se os tempos, mudam-se as vontades

Muda-se o ser, muda-se a confianza;

Todo o mundo é composto de mudança,

Tomando sempre novas qualidades.

Continuamente vemos novidades,

Diferentes en tudo da esperança;

Do mal ficam as mágoas na lembrança,

E do bem, se algum houve, as saudades”.

O peso da saudade en Camões e en Sandoval persiste en conformar ese memorando, o poeta galego desde o rescate da memoria infantil, canonizando aqueles días luminosos que a infancia garda e mesmo nela nos retrae, para que a conciencia do poeta adulto volva ás orixes do que a memoria reciclou en varias tensións de recompor matices e frecuencias das súas relacións con o seu modus vivendi. A saudade en Camões é metafísica e gradúa o énfase da memoria e en calquera lugar a encontramos sen obstáculos e advertíndonos do poder que emana e ten:

Saudades me atormentam cruamente,

Saudades do meu bem já passado;

Não sou a tantos males condenado

Sem rezão, pois que posso ser ausente”.

Dúas magnitudes poéticas, ausentes dunha pose de graduar os tempos idos (saudosos) dunha maneira interesada. Un clásico (Camões) e un contemporáneo de actualidade (Sandoval) con perfiles diferentes veñen a coincidir que a memoria ten seu refuxio no saudosismo, ese don identitario que ten seus respiros en galegos e portugueses. Non en tanto, debemos considerar que a poesía de Ramón Sandoval, no poema: “A chamada da terra”, hai unha reconstrución que normaliza ese espazo rural, sobre todo vivencial, no que concorren grandes recursos narrativo-poéticos que só un autor como Sandoval pode manifestar e atraernos a todos nós, do rural mais profundo e labregos, para recoñecernos na certeza da Terra -en maiúscula, naturalmente-. A crónica mais perfecta de canto admiramos nas nosos primeiros diálogos coa terra e coa dimensión da súa oferta. Unha crónica breve que non desmerece comparala con certas pasaxes das “Memorias dun neno labrego”, de Pepe Neira Vilas. Velaquí unha exposición da memoria saudosa, nestes versos:

Corría polos socalcos

perseguindo lagartos

entre as cepas das viñas

pero sabía tamén

da cava e da renda

e as doses da suor

que ten un vaso de viño

madurado con lentura

na xeografía máis escarpada da ribeira”.

Estamos ante un poeta do herdo e de todas as complementariedades que xorden e aluden á cultura e antropoloxía rural. O poema: “Herdanza da memoria”, é unha especial testemuña para facer unha mostra do que di nos primeiros tres versos das tres estrofas deste poema:

Do avó aprendín refráns

e o pouso da historia

a lembranza dos familiares”.

(...)

O pai coñecía a forza primitiva

das trabes de castiñeiro

a maña para domear a madeira”.

(...)

Miña mai sabía multiplicar o pan

os peixes e o cariño

e aprendín a ser feliz”.

Unha maxistral retrospectiva represéntase neste poema onde se configuran tódalas maxias e tódolos portentos da vida labrega; nada, e para nada reducionista. Velaí o poeta como chega a conquistar un dos mais excelsos poemas do ruralismo vital que nunca se vai desvencellar da memoria do noso poeta.

A memoria continúa devolvéndolle a Sandoval o que gardou da súa nenez:

Ese olor a mazá

demorado nos cuartos

eses días curtos

engulidos polas sombras

na lentitude transparente

dun campo sen follaxe”.

Todas estas descricións perfilan unha crónica poética moi suxestiva que a todos os que somos do rural labrego confórtanos dunha maneira extrema. Fannos renacer no que vivimos neses talantes misteriosos que se perderon, mais que Ramón Sandoval salienta dunha maneira precoz. No poema: “Tradición oral”, vólvenos a ese impacto que o patrucio da casa producía, por el ser o gardador de historias, honras e estabilidades do que manaba sabedoría como auga pura dun regueiro xerminal.

Era polas noites

noites escuras como boca de lobo

noites de inverno

co vento zoando entre as tellas

con sinistra ameaza

cando o avó

enfiaba o libro dos recordos”.

Con todas estas consideracións sobre as achegas que a “Cartografía da infancia” resólvenos dunha maneira puntual sobre as diversas incursións que Ramón Sandoval vai escudriñando sobre a ruralismo como indicativo e portador e cultura que el foi un gardador, portador e dador deses valores.

No poemario: “A pel no asfalto” é a antítese de “Cartografía da infancia”, os dous con perfecta soberanía, mais este libro marca a transición da naturalidade e naturalismo rural que formou ao poeta. Entre un libro e outro hai un tránsito en que o poeta pasa do universo rural ao espazo urbano. Incluso podemos detectar ese dualismo para verificar o ben do lado ruralista e o mal do lado urbanista. Indícanos o poeta o seguinte, que nos aforra moitas palabras para descifrar, algo que el subliña: “Herdanza do meu paso por Villaviciosa, A Rúa e Vigo son estes versos. Unha mirada tristeira, pesimista, sobre a vida nas / das cidades. Non hai finais felices, aquí están os perdedores, os desencantados, os que fan da agonía un modo de resistir, os que malviven nas orelas, no lado escuro”. En fin, a traxedia do asfalto comeza nestes poemas coa encomenda:

Ós antigos deuses

non lles faledes

destas frías metrópoles”.

No seguinte, ou segundo poema, hai unha fonda consideración e, tamén, conspiración contra as cidades como espazos insensíbeis e monótonos, con barrios marxinais e onde aquel universo rural non florece nin perfuma esa inmensidade de bosques de cemento. Considerando:

Espertas e atopas este barullo

de formigón e automóbiles

este cárcere de neon que agachou

a herba, a alquimia dun sorriso

entre tanto monóxido de carbono”.

Unha ilustración que constata esta crítica, quizais albiscando a cidade de Vigo, como prototipo doutras cidades pregadas en si mesmas. Desbotar os centros urbanos non é mais que un talante de recuperar A Riba, o seu lugar de nacencia e crianza, o espazo que deu fulgor a seus sentimentos, e no seu imaxinario reconstrúese o seu microcosmos que o naturalizou. Por tanto, estamos ante unha poesía, ética e estética, con valores e raíces puras do rural galego, que desbota os arrebatos e as desmedidas da urbanización, naturalmente. Estes poemas son a antítese daqueles monumentos poéticos que confirman o urbanismo habitábel como portador de cultura e de arte. A magnificación de dous grandes poetas do urbanismo, Jaime Gil de Biedma e o arquitecto catalán, Joan Margarit, que se nutriron de varios elementos espaciais da cidade de Barcelona, en súas poéticas para glorificar eses enormes espazos urbanos en desorde.

Zocas e decibelios” -dous libros nun- ofrécenos a plenitude dun poeta que consigue regresar con seus lectores a calquera medio rural e manter un diálogo fondo con esas pedras esborralladas e cheas de silveiras das nosas aldeas sen xente, cos finados e emigrados desas casas que mantiveron o fogar perfecto doutros tempos e endexamais imaxinado; resucitar as voces que aínda bulen e inzan esperanza. Un excelente libro de poemas como o que nos ofrenda Ramón Sandoval abre unha tendencia suculenta para recuperar, a historia, a fala e a cultura dese cume rural e apousentarnos nas raigañas da terra e forzala a que ela continúe falando por todos. Neste libro a Terra fala e ordena concentración en si mesma.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras