Sudrio: No silencio do seu alto apousento - 05/06/2017
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

Hai poucos lugares de talento e sobriedade como o de Sudrio: miradoiro das estribacións montesías do Faro e das terras de Taboada. Atalaia e Sudrio 1guarnición das augas do patrucial río Miño facendo coro ao Castro Candaz, cando as augas encoradas nos permiten velo enxoito. Ademais, ten un singular nome, tan minoritario como exquisito. Só na Galiza hai dous: o da parroquia de Covas (Baralla) e este que referenciamos, na parroquia chantadesa de Sabadelle. Un topónimo para non esquecer e coidalo para que permaneza na nosa linguaxe. Un dos mellores estudosos da nosa toponimia como é Nicandro Ares Vázquez, con respecto a este lugar di o seguinte: “Sudrio parece evocar fonéticamente o xentilicio latino Sutrius”. Tamén familiarizado coa etrusca Sutrium (a actual cidade italiana de Sutri). Estes antecedentes colocan a Sudrio nun ente xeográfico latinizado, onde o imperio romanizou este ático entorno e, posibelmente, o converteu nun espazo defensivo, de extensa visibilidade cara as terras de Chantada, Taboada, na demarcación do Sardinarius (Sardiñeira) no Saviñao e dos montes de Paradela.

Un entorno estratéxico romanizado e extensivo aos agros das Pereiras, de excelentes searas de centeo e de millos, que cada ano facían quenlla para ser sementados, que eu vía verdear desde a miña casa de Podente. E desde Sudrio e as Pereiras vemos como o Miño descende desde o norte e no frontal de Sudrio xira cara o nacente e no repregue do antigo e asolagado lugar de Porto (da parroquia de San Vitorio e Ribas de Miño) volve virar cara o sur, conformando outro cabo do mundo, mais reducido que o de nogueira, que ben podían alcumar os de Sabadelle como Cabo de Altamira, onde os viñedos conforman a longa paisaxe desde os Maniños, a Rega (Régula bieita) do priorado das freiras de Pesqueiras, até Lagares Queimados e a desaparecida Aguieira e onde o regato xograresco das Andoriñas cantaba e danzaba en súas fervenzas.

SudrioSudrio é unha aldea dunha só casa familiar que noutros tempos estaba partillada por dous irmaos: o Xesús e o Mateo. Os lembro en tempos da miña infancia, cando pasaban por diante da miña casa para as feiras de Chantada. Chamábame a atención o Mateo e a súa muller -coido que se chamaba Carme- pola maneira de sentarse no cabalo, el carranchapernas e ela sentada cara o lado esquerdo, unha postura moi incómoda e perigosa, mais había que gardar as formas para que non se falara que as mulleres imitaban as poses dos homes, naquela sociedade pechada e de valores egocentristas; precisábase ser reservados na conducta feminina. Cando estes dous irmaos morreron, as dúas casas ficaron sen veciñanza, así que o lugar de Sudrio tocou a súa fin, durante anos. Mais a esperanza restitutoria volveu a estas casas derrubadas cando algún herdeiro reconstruíu apousento para que o vivencial histórico e identitario teña continuidade, nun enclave ben especial e flaxelado polos ventos do norte, tendo a seus pés os lugares de Pedrafita: Sillán e Mosteiro, na baixante estrelecida do río Lama, con súas cachoeiras sonoras e vibradoiras, e coas dúas devesas do Carraltravesa: plenitude da flora e da fauna autóctona que Sudrio vixía desde tódalas autenticidades posíbeis de conservar a grandilocuencia deste singular microcosmos, desde onde ábresenos o desavegoso macrocosmos, tan degradado como depredado.

Mais para espelir incertezas volverei a mirar o mundo desde este altivo miradoiro que é Sudrio e introducirme nas súas forestas, polos seus camiños de ribeira e dialogar co misterio panteísta que nos asiste e non limita os dons desta terra aberta en liberdade e non liberta... Alédome que Sudrio estree casa nova e veciños, nese arrecendo de irmandade. E neste ir da recuperación de aldeas abandonadas, lémbrome dun fermoso texto do naturalista e transcendentalista norteamericano, Henry David Thoreau (1817-1862) que, neste ano, conmemoramos o seu bicentenario, cando referenciou: “Qué pouco facemos para mellorar esta xusta residencia que nos tocou! Qué pouco temos cavado e despexado o terreo! Queremos unha ‘terra mellor’ sen facer ningún esforzo, como os nosos granxeiros que se trasladan a Ohio; mais non será heroico e leal cultivar e redimir esta terra de Nova Inglaterra?”.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras