Os chafarís de Xohán Neira - 10/07/2017
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

Coido que as crianzas están de parabéns, pola primicia que o escritor e especialista en literatura infantil, Xoán Neira, apórtalles no seu libro de estrea: “chafarísChafarís”, con lindas ilustración de Ánxeles Ferrer, e publicado por Edicións Embora, Ferrol (2017). Magnífico agasallo para a lectura en praias, montañas e mesmo á sombra dun castiñeiro ou figueira e, aínda, contemplando un chafarís; brindando chorros de auga de mil maneiras. Un libro que ilustra aos nenos de tódalas idades e aínda aos adultos. Sabedes por qué? Porque Xohán Neira, este escritor de Lugo e con residencia en Viveiro, sabe moito das bravas augas mareiras e das lentas augas do Miño que decoran en transversal a toda Galiza. O autor bebe das augas puras e non contaminadas de fontes, fonteiriñas e, como non, dos chafarís urbanos que transborda a seus poemas. Augas que lle dan folgo para non ter sede das letras e da fala galegas, que usa e tempera tódalas experiencias e dimensións que ofrenda o noso vocabulario.

Reitero, Xoán Neira é un experimentado escritor da nosa literatura infantil, con varios anos de experiencia e utilidade, nesa vocación de facer país, partindo de achegar as nosas letras aos de menos idade: os nenos. Ese enorme potencial da fala que comeza mesmo na infancia. Xoán o sabe moi ben, o seu oficio de pedagogo, durante moitos anos, o acondicionou a estar mesmo na fenda do problema e saber que o cultivo da lingua comeza mesmo na docencia. Por tanto este mestre, ademais de coñecer a mentalidade dos nenos, sabe tratalos psicoloxicamente e deste contacto transborda experiencias que os nenos conectan co que el lles conta. Xoán Neira ten unha vantaxe sobre os que escribimos literatura infantil, os que descoñecemos o medio escolar e a mentalidade infantil. Escribir para os nenos non é nada fácil, ademais de lectores son uns críticos moi concisos e verdadeiros. Non finxen e non se recatan de manifestar os gustos, do si ou do non. Xoán Neira o sabe perfectamente e, por tanto, o seu estímulo de achega é moi importante para a literatura infantil no noso país.

Xoán Neira é un autor que non merece esquecemento por parte dos chamados críticos literarios, ah!, é que a Galiza ten críticos literarios? Onde é que están para que ignoren a un escritor dunha longa carreira sen tropezos. Ou é que tratan de ignorar a literatura infantil por considerala miudiña? Si ese é o trauma, por camiño errado e de viravoltas van sen decatarse que están no labirinto dos maiores silencios. Claro, o silencio equivale a negar as evidencias. Señores, estamos na era das redes informáticas onde todo se esclarece, e moi pronto, nesta ruta de ideas esclarecemos que Xoán Neira terá a súa merecida recompensa, pola dignificación de usar a escrita da lingua e da súa pertenza, os demais continúen no seu escuro labirinto de silencios.

chafarísDoce poemas (número sacro ou exotérico) que gradúan a puntualidade de que o lector infantil entre nun aprendizaxe de temarios que, tal como están presentados e suxeridos polo autor, non lle son alleos. A simplicidade é o mellor vencello para atinar desas cousas de utilidade como é o paraugas, poema que abre o libro. Ese utensilio que nos protexe da choiva e do sol; que nos serve de caxato para camiñar aos poucos. O valor deste obxecto na Galiza sempre foi loado e o seguira sendo, por moitas competencias que teña. Ademais os nenos marabíllanse nese bater de pingas que producen harmonías musicais e os salva da molla.

A presenza do reloxo, ese outro artificio incómodo que nos controla e nos acorda, suspendendo os soños e as satisfaccións que a noite nos ofrece en silencio. Coido que os nenos estarán de acordo co poeta cando di:

Se parasen os reloxos,
sen horarios nin obrigas,
fariamos un gran recreo
desde a mañá á tardiña”.

Continúa a aprendizaxe emotiva desa pedagoxía das cousas descoñecidas que o poeta desvela. Neste caso, o poema “O pan”, esclarece para aqueles nenos vilegos, urbanizados e alleos aos procesos e aos coidados deste cereal e a elaboración do mesmo. O pan non aparece nos mercados, porque si:

“Fariña ben amasada
métese no forno quente
e prodúcese o milagre
que alimenta a tanta xente”.

Velaquí o poema central que da título ao libro: “Os chafarís”, a utilidade e o respecto pola auga suxire neste poema varios temas, a necesidade de bebela, a brincadeira que os infantes fan con ela e, tamén, o seu aproveitamento. Todo isto, dito en verso, fai que a auga cante na alma activa dos nenos.

Que infante non se impresiona docemente sobre a luminaria das estrelas. Pois neste libro esta “A estrela amiga”. Tan amiga como máxica e relucente que o neno pode invocala:

“A estrela, miña amiga,
nunca se vai apagar.
Cada noite ás agachadas
con ela quero xogar”.

Tampouco falta esa fauna curiosa como é o morcego, que no lusco fusco comeza a dar voltas entre casas e arboredos. Grazas a el descubriuse o radar. Ese mamífero con asas que fai acrobacias, os nenos non deixarán de admirar eses suculentos ritmos. Tamén teñen o seu poema tódalas “Aves migratorias” que se van de Galiza pero regresan para anunciarnos a estrea da primavera como o cuco, a bubela, a andoriña e tantas outras aves. Sen dubida, os nenos sentiranse agraciados cando sintan “O peto”, petar en alta torada de fraga enxoita, furando co pico os miolos da cortiza das árbores, facendo fogar e nel criar niñada. Só o seu petar é música de rexos sons:

“Peto, a min ti non me enganas
mesmo sen poderte ver
sei que me petas nesta fraga
pola tarde e ao mencer”.

Benvida sexa esta obra infantil que ben a aportar a medra dun autor consolidado e consagrado na literatura infantil, que nos fai regresar aos adultos a recrearnos na harmonía destes versos que nos falan de cousas tan próximas e descoñecidas. Un verdadeiro acto de coñecemento por parte de Xoán Neira que nos ofrece nesta obra tan singular.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras