Mini e Mero: Na espiral da acción e da dignidade - 19/11/2017
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

O nome de Mero e Mini non eran alleos a miña admiración, como voces creativas dentro de “Fuxan os Ventos” e de “A Quenlla”. Mais faltaba a sorpresa vivencial que tiven o pracer de coñecelos aquel 10 de agosto de 2003, no Monte Faro (Chantada), no acto de homenaxe ao trobador Xohán de Requeixo, no que se colocaron 5 pedróns coas 5 cantigas que dedicou a Santa María do Faro. Mini e Mero cantaron unha troba de catro estrofas, composta por este último, titulada: “Johán de Requeixo, Ruiseñor”, así de evocadora:

“Convocados no seu canto, trobador
bico firme, andar delgado,
de luída arte en ofocio, encantador
das lúas no Monte Faro,
...dos namoros que aínda lembran
nas noites, tempos de amor”.
Johán de Requeixo, rexo cantor
no Monte do Faro, ruiseñor.

Mero e Mini 1Como organizador daquel acto, xunto a Xosé Méndez (Pepe de Requeixo), a encomendas de Pepe Neira Vilas foron convidados e, nas súas intervencións ficou patente o longo transcurso de acción e dignidade que os dous transmitiron. De fato, aquel acto aproximounos nesa espiral de amizade e confluencias en varias preocupacións dramáticas existenciais e cara unha problemática social e nacional, pola que Galiza vai a reo de tantas confusións e desarranxos. A palabra feita canción é o vehículo mais axeitado con que Mini e Mero constrúen país. A presenza destes dous desaliñados ermitáns, percorreron cidades, vilas e aldeas, dunha maneira altruísta, tantas veces poñendo diñeiro do seu peto, admirábel!

Nese amplo e cordial desafío, este dúo, xuntamente con todo o conxunto de “A Quenlla”, permítennos afondar en todo aquilo que encarna a nosa cultura musical, depredada por intereses insidiosos que gobernan o noso país. Mero e Mini sempre estiveron no centro da explosión, connotando e desafiando agravios. O eco da palabra e do son restitúen ese delicioso sabor a pobo verdadeiro, que estes dous fabuladores saben ordenar os dicires en acordes. Eles saben moi ben que a música popular é un revolucionado motor que axuda a dinamizar a sociedade en súa cantiga certa e liberadora.

Desde aquel encontro no Faro, a nosa amizade foi crecendo como un manancial de augas claras e caudalosas. Sempre me vin asistido en moitos eventos e presentacións dos meus libros, dun xeito moi puntual e xeneroso sen poñerlle prezo a súas dádivas. O 2 de xullo de 2005, co gallo da inauguración do Parc Castelao en Sant Andreu de la Barca (Barcelona), no que se instalaron doce monólitos con debuxos do autor rianxeiro, “A Quenlla” deu un famoso concerto na Plaça de la Font, con asistencia masiva do pobo, este conxunto soubo engaiolar as persoas nesa transmisión da canción galega. Alá estaban os vellos galeguistas, Avelino Pousa Antelo e Isaac Díaz Pardo, coas autoridades locais, co alcalde de Rianxo e unha representación do concello de Compostela. O final daquel concerto foi apoteótico, cando cantaron unha canción en catalán, de Raimon ou de Lluís Llac, non lembro ben.

Outro dos encontros emocionantes que vivín con Mini e Mero, foi en febreiro de 2008, na Feira Internacional do Libro da Habana, que estaba dedicada a Galiza. Alá foi unha numerosa comisión de escritores galegos a cubrir os eventos. Mero estaba preocupado na fila do checking, en Barajas, dado que eu non chegaba, cando me viu respirou e os ollos puxéronselle lelos. Durante 10 días de instancia visitamos certos lugares da cidade e de extra radio. Era a primeira viaxe que Mini e Mero facían a Cuba, para min era a sétima, por tanto, tiña certa experiencia do que son os ambientes habaneiros. Unha instancia apertada de actividades. Eles tiveron numerosos actos, cantando e falando sobre a música galega. Na Cabaña de San Carlos, no pavillón do libro da Galiza, foi un estreo apoteótico para eles os dous.

Mero e Mini 2Ao seguinte día, no Centro Internacional Europeo, Marta da Costa e servidor demos un recital poético e Mero e Mini deron o recital musical. O sorprendente do tema foi que os fillos e netos de galegos emigrantes en Cuba, comezaron a chorar dunha maneira irreprimíbel, apertáronse a eles, pedíanlles letras e partituras. Algo impresionante, coido que aquel xentío expresou o primeiro acto de canonización destes dous iluminados cantantes.

Outro recital de importancia e de enorme convocatoria, foi o do Centro Rosalía de Castro da Habana, con danzarinas e estudantes de música. Mini e Mero falaron dos valores da música galega, do contributo popular que a nosa música aportou. Neste Centro, pregunteille a unha señora de limpeza, ante un cadro de Rosalía, quen era esa señora. Ela respondeu con apelativo cariñoso: “Es la viejesita de Galicia”. Mini conmoveuse, baixou a testa e meditou, con careto de circunstancias. Pola noite fomos a unha cea onde estaban varios intelectuais cubanos, tamén Mero e Mini, falando co ministro de cultura, Abel Prieto. Cando entrou certo suxeito galego, o ministro dirixíndose a Miguel Barnet e apuntando co dedo ao galego, espetoulle: “Por fin llegaste, machito del cementerio”. Mini e Mero confundidos, mentres os cubanos rían. O ministro aclarou que ao empírico suxeito atribuíanlle certas habilidades de gran copulador, na tapa dunha tumba dun burgués no Cemiterio Colón da Habana, despachando en menos dunha hora a un harén de nove mulatas. O esperpento e a risada asistiu a aquela festiva velada nocturna.

Fomos á fermosísima provincia de Pinar del Río, as covas de Viñales, onde as barcas navegan polo interior, naqueles refuxios de estalactitas os turistas preguntaron a procedencia destes dous, servidor informou que eran cantantes, o publico pediulles unha canción e eles sonorizaron aquela inmensa cova. Algo inaudito, afirmaban os funcionarios. Pola tarde fomos ouvir a dous repentistas que cantaban nunha das paisaxes mais fermosas de Pinar del Río, cunha choiva mansiña que aloumiñaba aquelas longas follas das palmeiras. Na Habana, hospedáronse no Hotel Ambos Mundos, o famoso hotel onde viviu Ernest Hemingway, na calle Obispo. Cando saían cos seus instrumentos musicais, policías e milicianos preguntábanlles que levaban dentro da funda, eles ficaban parados, eu lles respondía: “Llevan un 30-30”, o subfusil de asalto do Che Guevara. E todo remataba en risos e non en sospeitas.

En 2010, ano da miña xubilación, Mini e Mero viñeron á festa parroquial de Merlán, con toda “A Quenlla”, cantaron a misa oficiada por Xesús Mato, e pola noite deron un recital de cancións do grupo e outras populares, creando unha animación moi especial na que colaborou o público co seu sentimento emocionado. A festa de San Ciprián, coa súa compoñente da feira das cabras, levou a Mero e a Mini a deixarse atraer por esta popular e clamorosa festa e feira de Merlán.

Estes dous trota mundos déixanse perder asiduamente pola Ribeira Sacra chantadesa, en especial por adegas Amedo, onde o Gaio (Pepiño Gai) prepara un suculento e animado xantar na adega vella do Castro de Asma, nos rentes dos ríos Miño e Asma, con moitos amigos, vindos de acá e de acolá, onde os dous proclaman cancioneiro popular. Nestas estadías polas terras de Chantada, amenizando festa e convivio, non faltaron naquelas primeiras reivindicacións que a partir de 2011 realizáronse no mosteiro románico de Pesqueiras onde, en clave de son, Mini e Mero participaron neses eventos deixaron a súa pegada, reivindicando os valores e as expresións artísticas que nos identifican como elas, para reconstruír país.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras