A resistencia palestina de Ahed Tamimi - 02 AGOSTO 2018

Ahed Tamimi é unha moza de 17 anos que encarna a unha nova xeración de adolescentes palestinos que resisten e combaten a perniciosa e xenocida política do primeiro ministro israelita,Benjamín Netanyahu, de seus militares e dun excitado grupo de rabinos que conforman o acedo séquito con que se conforma a política racista, opresora e belicista que somete ao pobo partillado de Palestina. No longo conflito palestino-israelí, desde a fundación do Estado de Israel (1948), as tropelías do cal foron consentidas e alentadas polos gobernos colonialistas e polo imperialismo norteamericano. Nestes setenta anos de confrontación desigual, cada unha das xeracións palestinas foron alimentadas polo fervor cívico e patriótico de centos de miles de mozas e mozos que consolidaron ese bastión de dignidade pola liberación de Palestino. Cada xeración de adolescentes tivo o seu abnegado símbolo que, fronte a mísiles e a represións masivas,loitaron con simples pedras.

Ahed Tamimi e esa moza coraxe que remata de ser liberada do cárcere israelita; a adolescente de cabelos roibos e longos que increpa os soldados de ocupación da patria palestina. Tamimi representa ese enorme legado de dignidade dun pobo oprimido e símbolo das liberdades que as mulleres palestinas souberon erguer ese luminoso facho que encarna a loita xenuína, que cada unha das xeracións femininas souberon erguer en conquista patriótica. Hai testemuñas desa loita desigual en conquista como a da loitadora e dirixente, Mariam Abu Daqq que na “Guerra dos Seis Días” (1967), dicía: “Non vivirei abandonada nin atada. Teño un mañá e por ese mañá marcharei de maneira revolucionaria e rebelde. Non teño medo dos tornados que ocupan o horizonte. Provocarei un seísmo en todo o mundo e marcharei cun exército unido”. Nesa loita emancipadora das consagradas mulleres pola liberación de Palestina, encontramos a Khadiya Assalman, a vella loitadora que representou a unha xeración dos anos cincuenta e sesenta; Amal Hamed, dirixente da Unión Xeral de Mulleres Palestinas; Fátima Barnawi, a dilixente guerrilleira de Fatah. Mulleres palestinas de lembranza inmemorial, na loita e na conquista do seu pobo, que dignifican os  diversos procesos xeracionais, como Intimaa Alsdudi, Mariam Shakhshir, Doris KhuriRasmiya OdehHaneen Zoabi,Mafleen Kullab e innumerábeis mulleres palestinas, protagonistas da liberdade.

Actualmente, pecha este longo ciclo de resistencia feminista de Palestina Ahed Tamimi. A moza que irradia liberdade, aniquilando os seus medos e enfrontándose a esa soldadesca que está ao servicio dos sátrapas israelitas. Esa vergoña do exército invasor continúa provocando destrucións de diversa índole, que tantos organismos internacionais condenan, como a ONU. Amnistía Internacional insiste constantemente en dar noticias sobre os sobresaltos polos que está pasando o pobo palestino de Gaza e Cisxordania. Centos de nenos encadeados nos cárceres de Israel confirman o drama desa catástrofe de inxerencia política que prevalece desde hai setenta anos. Amnistía Internacional implora, dunha maneira continuada, e demanda a posta en liberdade destes menores, encadeados dunha maneira arbitraria e ignorando as percepcións humanitarias que demandan organismos e institucións gobernamentais, mentres Israel continúa utilizando varios métodos de tortura contra os indefensos nenos palestinos.

A acción indomeábel de Ahed Tamimi, marca un acto relevante no proceso de liberación e manifesta que a actual xeración de mozas e mozos desta Palestina asoballada, imprime respecto e contaxio solidario por unha causa, incuestionablemente, xusta e poderosamente licita e merecente de ser apoiada, denunciando a barbarie que o exército hebreo multiplica tantas agresións cunha multitude indefensa. AhedTamimi é un símbolo, do herdo e da permanencia feminista de Palestina en loita, que materializa a desobediencia contra as agresións que mutilan o diálogo pacífico. Tamimi é o esplendor desa estirpe de mulleres que están arrestadas nas cadeas de Israel sen xuízo, que Israel infrinxe a normativa de dereitos humanos da Convención de Xenebra. E, por suposto, o DIH (Dereito Internacional Humanitario) que trata de limitar o sufrimento humano en período de conflitos. Israel non respecta, non restrinxe e non regula o estipulado nos convenios humanitarios de Xenebra de 1949 e seus protocolos, actualmente en vixencia. Neste ámbito está a loita contestataria de AhedTamimi, esta moza que dignifica unha xeración que aspira a ser libre, desde Palestina para o mundo oprimido, que precisa de manifestar a súa autoestima que dignifica a voz en rebeldía.

Xosé Lois García é membro de Amnistía Internacional.