Os memoriais inmerecidos - 30 AGOSTO 2018

Incumbe á sociedade civil rematar coa presenza de oitenta anos, partillados en corenta anos de ditadura —onde o silencio das vítimas do fascismo foi levado dunha maneira omnímoda polos sátrapas vencedores— e outros corenta anos de suposta democracia, nos que se consentiu que a memoria oficial do réxime permanecera incólume, arengando en prazas e outros espazos públicos os seus monumentos aos seus caídos. Moitos deses soldados foron levados á forza ás frontes de guerra. Moitos deles morreron sen saber con certeza o que defendían.  Mais eses mortos tiveron durante corenta anos os seus nomes en monumentos que a Igrexa colaboracionista Nacional Católica patentou en enormes cruces nos muros das súas igrexas. En moitas delas perdura o introito: “Caídos por Dios y por España”. A propagación de ascender ao podio dos vencedores non tivo límite. Durante eses corenta anos de suculentas carnicerías que conforma o vitimario que produciu o franquismo estivo reducido ás cunetas e ao mais tráxico silencio persecutorio contra as familias que desexaban dignificar os seus mortos. Simplemente buscalos e colocalos na tumba familiar que lles foi negada. Así, pois, o privilexio dos vencedores, contrasta co vilipendio dos vencidos que aínda continúan silenciados en foxas comúns.

Os outros corenta anos que levamos no escurantismo da chamada democracia, conséntese e poténciase o anonimato dun dos xenocidios mais infames que soportou a sociedade civil española. Os políticos non se preocuparon polo reparo que se lle debe ás vítimas da Guerra Civil e ao espolio que se fixo coas familias de fusilados e perseguidos. Consentiuse que o franquismo, nestes corenta anos, trocase de roupa pero non de cor, e isto desdí a unha verdadeira democracia que procede de pactos e non de rupturas coa ditadura. Houbo tempo suficiente nos 14 anos de goberno de Felipe González de endereitar torceduras e subministrar unha dose de cordura para superar o que unha verdadeira democracia pode facer por normalizar a unha sociedade completamente alterada e silenciada polos corenta anos que engaden a guerra e a posguerra. E neste silencio administrativo non podemos negar a acción non pasiva de José Luis Rodríguez Zapatero, de facer xustiza e integrar a todos aqueles que a ditadura asasinou tratándoos de maledicentes. Realmente foi tardía mais abriu canles para que a chamada Memoria Histórica teña un amplo espazo para recompor ese noso memorando de vítimas que deron a vida pola liberdade. O problema de fondo, nos primeiros anos de democracia, foi consentir a insidia e a arrogancia militante daqueles primeiros corenta anos de ditadura que proseguiron nos mais de corenta anos que levamos sen Franco. 

O PROBLEMA DE FONDO, NOS PRIMEIROS ANOS DE DEMOCRACIA, FOI CONSENTIR A INSIDIA E A ARROGANCIA MIILTANTE DAQUELES PRIMEIROS CORENTA ANOS DE DITADURA

A ditadura dos actuais neofranquistas prosegue dunha maneira vergoñenta. “A nadie le interesa el pasado”, reiteraba constantemente Mariano Rajoy. Ese tipo de analfabetismo divulgado como clave e coartada de converternos en indiferentes, sobre temas tan agravantes que suscita incorporar ese pasado sombrizo a todos os presentes e futuros, con que se constrúe a memoria dos pobos que aspiran á liberdade e a esperanza. A lección da historia é un antídoto contra o escurantismo e a alienación dos que intentan esquecer os seus crimes e malfeitorías. A Memoria Histórica é necesaria para contemplar ese renacer que se lles negou ás vítimas e normalizar a verdade, ante os que a terxiversaron e negaron. Como dicía Antonio Gramsci: “A verdade é sempre revolucionaria”.

Un país en liberdade, ou que aspira a unha verdadeira liberdade en democracia, non pode conceder honores a un sátrapa ditador que non concedeu o menor indicio de benevolencia a súas vítimas, considerando vítimas a todo o Estado español. Reitero, a Memoria Histórica chega tarde, mais aínda dentro dun marco en que se pode rescatar ese memorial dos simples, e desaloxar a Franco do seu portento fúnebre, que construíu con  presos políticos cativos da guerra civil. Unha verdadeira orxía sanguenta, inadmisíbel nunha sociedade moderna. Unha excelente opción que Pedro Sánchez ten para converter o Valle de los Caídos noutra cousa, noutra idea liberadora para non sentirnos reos daquel ditador. Claro que Franco ten que ser exhumado e levado a onde os seus dispoñan, mais con respecto e cortesía, que el non concedeu ás súas vítimas. 

UNHA EXCELENTE OPCIÓN QUE PEDRO SÁNCHEZ TEN PARA CONVERTER O VALLE DE LOS CAÍDOS NOUTRA COUSA

Aberto este proceso de instalarnos na Memoria Histórica, convén saber que dirección toma a restitución de certas posesións incautadas por Franco, como o Pazo de Meirás, as esculturas de Abraham e Isaac, do Pórtico da Gloria da catedral de Santiago, que se apropiou delas e doutros valores móbeis e inmóbeis que pertencen ao patrimonio galego. Non vale, neste asunto, brincar á galiña cega e escudarse na Memoria Historia e que todo remata coa saída da momia de Franco do seu feudo funerario. Non! Con este desaloxo ten que comezar o principio de restaurar ese amplo crebacabezas que el descompuxo e estragou: a dignidade, a liberdade e a esperanza de todo un pobo.
Xosé Lois García