Isidro Novo, in memoriam - 02/02/2018
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

isidro novoA voz entrecortada de Baldomero Iglesias, Mero, que soou no meu teléfono, xa ben entrada a noite, presaxiaba algunha noticia de sobresalto. O Mero fíxome sabedor do pasamento de Isidro Novo. O silencio dos dous afondou nas emocións cando un amigo, tan necesario e vital, da calidade de Isidro perdemos. Unha perdida que mobiliza a tódolos seres que o coñecemos e tivemos relacións cunha grata persoa, poderosamente humana, que transcende alén do que é unha amizade necesaria.

Son tantas e incalculábeis as virtudes de Isidro no ámbito humano e, sen dúbida, no compromiso co noso país, como militante cívico e laico, en defensa da nosa lingua, no que respecta a reivindicala, falala e escribila. Velaí os seus numerosos libros que teñen unha incidencia moi firme e destinguida sobre as diversas problemáticas que ten Galiza. De firme convención defensiva e de estar presente en tódalas alertas que o noso país precisa no debate e na expansión da verdade que os poderes da ocultación silenciosamente negan.

Neste peso de sombras, o pasamento de Isidro Novo redúcenos a un inventario de lembranzas, e benquerenzas que conforman ese memorando de convivios que cada un dos seus amigos temos gardado no noso maxín sentimental. Isidro era un home de lealdade que emancipaba, que contribuía a facer cousas nobres e apartarse de calquera belixerancia que enturbase a dignidade das persoas e de Galiza. A súa obra literaria é a mellor testemuña de seriedade e decoro coa que podemos ver a grandeza dun escritor, nese nítido espello no que nel resplandece.

Benquerido Isidro, xa estás no celme e no prodixio da terra que amaches e que te encariña.Cando vaia a Lugo sentireime orfo e saudoso daqueles paseos que dábamos dentro do cerco da muralla, ollando librarías, visitando o Museo e falar con Antonio Reigosa e facer parada obrigatoria na Praza do Campo, e nun daqueles bares tomar uns viños da Ribeira Sacra e ir aos poucos a buscar a Loli, a túa dona, á rúa da Raíña, para ir a xantar a extramuros e conversar de tantas cousas que convén escoitar de persoas tan prodixiosas coma ti. No noso Lugo nativo, repetirei ese itinerario tan personalizado no que ti representas na nosa cultura, e irei ao teu reencontro en tódalas saudades posíbeis que fornecen ás persoas que nunca perdemos nas súbitas esixencias da morte. Caro Isidro, continuas nas nosas benquerenzas sempre e sempre lembrado porque a túa bondade e xenerosidade o esixe.

canle ribeira sacra logo 270

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras