Homenaxe a Raúl Río Díaz - 07/04/2018
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

Raúl Río Díaz, dos Vilares de Guitiriz, é un deses seres tan infinitos e silenciosos que, por onde el pasa, acomoda coa súa entusiasta acción unha serie de cousas tan sinxelas pero tan nobres e eficaces que a ninguén deixan indiferente. En definitiva, Raúl pertence a esa vella estirpe labrega da Terra Cha, que aínda respira nel os vencellos mais puros da nosa cultura, e por ela loita e a divulga, neses seus silenciosos ecos que, para os que o temos na nosa presencia cotián, son harmónicos respiros de liberdade cara unha terra (a nosa) que precisa de voces como a de Raúl. De accións como a de Raúl! Sempre activo onde o pobo exerce as súas virtudes e sabedorías, de permanecer no xuntoiro da lealdade que ergue patria solidaria. E o xuntoiro chámase Pardiñas onde Raúl fai reportaxes fotográficos de sol a sol, unha maneira e fixar a memoria na imaxe viva que precisa a nosa nación, para que sexa presencia do futuro. En Pena de Rodas, en homenaxe ao noso saudoso Manuel María, e na navalla de Manuel, no campo de Santa Isabel de Outeiro de Rei. Facendo atinos ao redor do seu veciño, Xosé María Díaz Castro. O enorme poeta dos Vilares que conta cun monumento na estrada non lonxe da casa de Raúl. A casa do poeta no afán de Raúl, de Alfonso Blanco Torrado e de tantos outros, deseña unha das enormes esperanzas en recuperar o fogar nativo dun poeta que nos centra nos mellores porvires do enaltecemento da nosa Galiza inmorredoira, como foi Díaz Castro.

Raúl emigrou a Euskal Herria cando tiña 19 anos, unha idade para esquecer certas cousas e admitir outras fora da súa propia naturalidade galega, como fixeron moitos emigrantes, mais non foi así. Aquel mozo dos Vilares soubo loitar e convivir en todo o que actualizaba presenza. Mais sen esquecer a esa Galiza que desafiaba as tebras dunha ditadura de corte fascista. Raúl estivo aí, con firme coraxe en defensa de tantas actividades que hoxe están normalizadas. Mais a loita continúa para este home, en diversas referencias de rescate do que non admitimos perder. E nesta vontade estivo Raúl e continúa estando, dunha maneira sobria e rigorosamente decente, o mellor activo nun país onde tantas carencias ten a decencia en certos mesteres. Raúl recibe un enorme premio vindo dunha asociación cultural, con socios de a pé, deses que tripan país, e que distinguen a seu conterráneo co Premio Trapeiro de Honra. Como dicía José Martí: “Honrar, honra”.
Compartir

canle ribeira sacra logo 270

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras