O poemario 'Follatos' de Filomena Dato Muruais - 04/26/2018
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

Honra á corporación municipal de Bergondo a súa sensibilidade por dar luz a un interesante libro poético, que vén a restituír a memoria e eliminar o filomena dato muruaissilencio que había entorno dunha excelente poeta como foi Filomena Dato Muruais (Ourense, 1856-Moruxo Bergondo, 1926). En todas as súas biografías hai un dato falso que di que finou na Coruña. Vistas as partidas de defunción, civil e eclesiástica, sinalan que o seu pasamento e enterro foi na parroquia de Moruxo, municipio de Bergondo, a isto temos que engadir o de extremaunción asignado polo párroco de Moruxo. O poemario en cuestión, titúlase: “Follatos”, única obra poética de Filomena Dato, publicado en Ourense en 1891, que agora o Concello de Bergondo publica en edición facsímile. Unha publicación moi suxerinte que vén a restituír a unha grande poeta de finais do século XIX, dado que a súa poesía non deixa de ser de actualidade en variados parámetros dos que fai destaque.

Filomena Dato Muruais, pertence a aquel fermento intelectual ourensán que iniciou Valentín Lamas Carvajal, fundador e director do xornal: “El Heraldo Gallego”, no que a escritora participou con sobranceiros artigos e poemas. Lamas Carvajal non deixa de ser un puntual talento do Rexurdimento literario galego, aínda que non figure na nómina de Rosalía, Curros Enríquez e Pondal, xunto aos precursores dese renacemento literario. Lamas merece estar nese podio, como confirmaba e reivindicaba Eduardo Blanco Amor. Nestas influencias e confluencias xurdidas en Ourense, medrou o talento de Filomena Dato, que mais tarde deu o salto a intelectualidade coruñesa, na que tivo respecto e influencia. O pazo de Moruxo foi o centro onde ela viviu cunha irmá e sobriñas, onde desenrolou unha acción moi importante no concerto da intelectualidade asentada na cidade herculina. Por tanto, Bergondo foi un espazo moi importante que ela adoptou como propio. Moitas veces un escolle o lugar de adopción e non no que nace, sen rexeitar a este. Bergondo é o caso de Filomena, tantas veces eloxiado nos seus escritos, onde se sentía moi cómoda e agarimosamente integrada, onde fixo boa amizade co escritor, Alejandro Pérez Luguín, moi adherido a este concello, polas tempadas de verao que pasaba e, delas, xurdiu grata e longa irmandade con Filomena Dato.

Pérez Luguín, no seu libro de narrativa-crónicas: “La corredoira y la rúa”, no que as paisaxes e os lugares das Mariñas coruñesas están en variados destaque, na crónica titulada: “La poetisa de las Mariñas”, asignado na Coruña en febreiro de 1912, particulariza un encontro na casa de Filomena Dato Muruais que tiña en Moruxo e que ela mesma cantou a eses entornos bucólicos e panteístas:

“-Teño unha casiña branca
n’a Mariña antre loureiros.
Teño Paz e teño amor.
Estou vivindo n’ o ceo”.

follatos filomena dato muruaisNesta crónica de Luguín recóllese unha lacerada queixa de Filomena Dato, que transcribo: “Yo tenía preparada una nueva edición de mis Follatos y otro libro de versos inéditos. Cantos de las Mariñas, u otro título que no he decidido; pero mi último reciente libro, Fe, me ha enseñado a aborrecer la vanidad de la letra de molde ¡qué batallas para que los libreros lo pusiesen en el escaparate! Qué disilusión con el silencio de los escritores católicos. Yo sabía que a estas alturas de descreimiento e indiferencia, un libro de poesías místicas es un libro absurdo, y esperaba por ello los palos y las burlas de quienes por su desgracia no conservan viva la fe de sus primeros años. (...) ¡Qué poco sabemos en estos rincones de los inverosímiles laberintos madrileños! Unicamente los de mi comunión, los periódicos católicos de la Corte y de otras partes, han guardado silencio. Ni una palabra; ni siquiera un cortés acuse de recibo. ¿Cree usted que vale la pena de escribir para que “los de uno” le traten así”. Luguín remata o relato: “Filomena Dato Muruais es una alma buena, ingenua y noble, incapaz de abofetear a nadie con una frase dura”.

Certamente, entre a inxenuidade e a fe da submisión pode que descorrese a súa vida, mais parece que a docilidade foi vencida pola insubmisión e pola crítica que fai aos do seu tempo, como manifesta en acertados poemas de “Follatos”, revelando os conflitos da súa época, que van alén de conceptos relixiosos que ela practicaba, tal como manifesta no seu libro, mais con certo descontento coa dilixencia católica.

Este libro aproxímanos ao pensamento da autora en temas moi avanzados e estritamente sensíbeis, como é a defensa que fai da muller. Un tema co que inicia o primeiro poema deste libro, titulado: “Defensa d’as mulleres” con oito longos apartados onde entra nun escenario de problemas que tiña a muller do seu tempo e, a mais, posibilítanos entender as súas particulares reivindicacións sobre o desafío que tiñan por diante as mulleres para desprenderse de tráxicos comportamentos de submisión. Hai versos neste poema que solemnizan liberdade:

“Homes qu’ â muller culpades
d’ os crimes que cometedes
e decís que d’ as disgracias
sempre son culpa das mulleres”.

(...)

“Os que negan â muller
intelixencia e talento,
a millor contestaceon
cicais que fose o desprecio.
¿D’ ónde sacaron qu’ as almas
teñen con’ os corpos seuso?
Porqu’ as probes d’ as mulleres
nunca tiveron enseño
como os homes, qu’ eran tontas,
os homes tontas dixeron”.

Filomena Dato incidiu na problemática da muller fronte ao ensino que se lle negou, dado que un enorme porcentaxe de mulleres non eran escolarizadas. A proposta ten un ávido reflexo de cambiar o rol da muller, para desaparecer tópicos que a cercaban e vencer a propagación do tabú de que á muller non a asistía a intelixencia. A poeta, incide:

“O entendemento d’ os homes
con coidado se cultiva
e cuasque todos reciben
d’ a instrución a luz diviña,
e cicais de cada mil
un tan soilo s’ ilumina:
namentres que d’ as mulleres
son moi poucas istruidas
y-as que reciben a luz
coma craros soles brilan”.

A Filomena Dato defensiva, en prol da muller, tivo unha referencia nas reivindicacións de Rosalía que fai no prólogo de “Follas Novas”, a incidencia extrema do sufrimento das mulleres, esas “viuvas de vivos e mortos”, foron textos sublimes para endereitar o longo camiño pola liberación feminina. Filomena tiña conciencia de retomar o tema das mulleres que Rosalía plasmou na súa escrita de verso e prosa, isto por unha banda. Pola outra, o movemento sufraguista chega dunha maneira moderada e minoritaria a Galiza. Mais na Coruña, certas mulleres de clase liberal e burguesa deron un paso adiante, como podemos ver no perfil reivindicativo das novelas de Emilia Pardo Bazán, e nos escritos de Sofía Casanova e doutras. Sen dúbida, Filomena Dato estaba no circuíto intelectual coruñés e tiña relación de amizade coas mencionadas escritores. Ademais é moi significativo que inicie “Follatos” cun poema no que puntualiza desafiantes denuncias contra unha serie de problemas que asfixiaban ás mulleres no contesto de liberdade e emancipación de xénero.

Non hai dúbida da presenza de Rosalía de Castro nos versos de Filomena Dato. Esta publicou o seu poemario en 1891, data en que son trasladados os restos de Rosalía, do cemiterio de Adina ao mausoleo de San Domingos de Bonaval, un notorio acontecemento de tributar enxalzamento á nosa poeta nacional. Filomena non é allea a esta conmoción popular que se lle rendeu a Rosalía, ademais sentía admiración por ela como poeta e muller. En “Follatos” hai versos que fan alusión á autora de “Cantares Gallegos”, mais o poema de homenaxe, titulado: “Á Rosalía de Castro”, con destacada firmeza elexíaca, preséntanos a unha Rosalía de clara luz perenne, para durar na patria galega. Así proclama a Rosalía no inicio do poema:

“Non é lostrego hermoso
é luz perenne e clara
a luz con qu’ alumeas
¡ouh sol da miña pátrea!
É luz que sempre brila
y-o tempo non apaga.
Tí alomeach’ a aurora
d’ eterna relembranza
en qu’ espertou Galicia
erguéndos’ alentada”.

 

Filomena Dato, remata este poema de honra e homenaxe:

“¡Goza, muller subrime,
en ver cuas’ acabada
a obra xenerosa
d’ erguer â nosa patrea,
por teu amor inmenso
con pelras cimentada!”

 

En “Follatos” aparece reiteradamente a palabra “patrea”, unha constante do laio que manifesta pola Galiza marxinada e maltratada, a dos trabucos e opresións, vindos dos gobernos centralistas de Madrid, que o seu mestre, Valentín Lamas Carvajal, tiña denunciado no seu “Catecismo do labrego” e nas páxinas do “Heraldo Gallego”, que el dirixiu. Filomena Dato Muruais era partícipe do pragmatismo do ideario galeguista que se respiraba nas publicacións ourensáns. Tamén estaba influenciada polo rexionalismo reivindicativo, mentres escribiu este poemario e, dous anos antes da súa edición, publicábanse en 1889 en Barcelona, “El Regionalismo de Alfredo Brañas e, no mesmo ano, na Habana, “El Regionalismo” de Manuel Murguía. E xa, desde as Mariñas, en concreto desde Moruxo, ten contactos coa “Cova Celta” coruñesa. Todos estes incentivos patrióticos son elementos moi puntuais que se manifestan en “Follatos”. O poema: “Á Galicia”, dunha longa composición de dez apartados, manifesta nos versos iniciais:

“Nobre Galicia, singular matroa
d’ espiñas e loureiros coroada:
quixérate cantar, nai dourada,
¡e non te sei cantar...! ¡Patrea perdoa!
Perdoa s`a anción apasionada
qu’ arrinc’ â pobre lira
n-é dina d’ o esprendor d’ a tua coröa”.
(...)
“Teus doces trovadores,
que cantan as túas grorias
son paxaros cantores
que gaban d’ ese sol os resplandores”.

A nosa poeta, metida no xénero elexíaco para loar as grandezas da patria, reborda a autenticidade do seu sentimento e da súa sensibilidade dunha maneira existencial, na pertenza do herdo e da tradición, que confirma estar allea ao romanticismo tardío do século XIX. Este intenso poema “Á Galicia”, ten outros respiros neste libro de Filomena e que ela asocia coa paisaxe, na cal se entroniza e percorre as diversas xeografías galegas, que alentan patria segura e verdadeira. Relixión, patria e paisaxe, son os tres grandes bloques temarios no destaque de “Follatos”. Se a natureza e a defensa das paisaxes que manifesta Rosalía, “En las orillas del Sar”, con esa fondura metafísica, o poema de Filomena Dato non desmerece apelar e unxir nación galega, con esa diversidade vexetal que conforman as diversas paisaxes de Galiza. Dato Muruais non é unha poeta bucólica, con certeza que é unha poeta emancipada nas paisaxes, das que tivo unha relación intensa; un diálogo que non cesa con cada un dos espazos nas que respiran os seus versos. Non hai dúbida de que era unha amante apaixonada das Mariñas e do se Bergondo adoptivo, así o manifesta no segundo apartado do poema referido:

“Ledas Mariñas, onde seica estivo
o pradiso qu’ Adán perdeu pecando:
¿Quén vos viu unha vez que non sospire
vosas doces bellezas relembrando?
¿Quén trepou unha vez ese chan verde,
que d’ inver’ e de vran está frorido,
que non cobice sempre estar dormido,
pra poder sempre estar vs sonando?”

A “Revista Nuñez” de Betanzos de 1926, fíxose eco do enterro de Filomena Dato Muruais en Moruxo, cun artigo de Antón Vilar Ponte no que evoca a relevante figura da poeta ourensá-mariñán, que tivo presenza na actualidade social que lle tocou vivir coa intelectualidade coruñesa, da que formou parte. Nesta dirección, o título do artigo de Vilar Ponte é moi significativo polo que reivindica: “Filomena Dato Muruais. Sus restos requieren el debido mausoleo”. E Engade: “Desde entonces el cementerio de Moruxo no es un cementerio vulgar. Adquirió prestancia relevente. Mereció el honor de que su nombre se adscriba al capítulo de toda guía sentimental de Galicia que en lo futuro se haga evocando los campos santos de nuestra tierra donde reposan los restos de gallegos excelsos”. E remata o fundador das Irmandades da Fala: “Filomena fué un brote lozano, una vella flor de nuestro renacimiento literario que tuvo a la divina Rosalía por cabeza. Una excelsa Precursora, en una palabra”.

O reivindicado mausoleo non se realizou, e parece que nunha reforma do cemiterio de Moruxo as cinzas de Filomena pararon nun lugar descoñecido do recinto mortuorio. Mais aí están para ir ao mesmo e renderlle unha reflexión de gratitude. Coa reedición facsímile de “Follatos”, polo Concello de Bergondo que preside a alcaldesa, Alejandra Pérez Máquez, é un xesto de notábel dignidade que honra a esa corporación municipal. Devolver algo tan sensíbel como é un libro notorio para os galegos, demasiado tempo silenciado, dunha autora que ergueu a voz en defensa das mulleres, contra os que asoballaban patria irredenta e de loa e respecto polas nosas paisaxes que naturalizan a nosa identidade.

 

canle ribeira sacra logo 270

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras