A peculiar Feira do Viño de Vilachá 05/06/2018
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

A cultura do viño e a promoción do mesmo ten en Vilachá de A Pobra do Brollón, un dos espazos mais especiais onde se celebran estes certames da Ribeira Sacra. Neste lugar ribeirao, non lonxe dos canóns do Sil, celebrouse o pasado 5 e 6 de maio a XXVII Feira do Viño, converténdose nun dos activos mais interesantes que conta con diversas frecuencias de interese e entusiasmo, no que incumbe á promoción dos viños de Brollón e, tamén, degustalos. A interesante oferta que se fai nesta feira, con unha connotación cultural de elevado nivel, pola expresión de festa grande musical, que este vino de vilachaano converteuse en feliz acontecemento pola transmisión en directo da tvg, nun escenario moi propicio, agrandando todo o que se desenvolve na presentación e oferta da produción vinícola, que os nosos viñateiros, ou colleiteiros, elaboran con fervor e, sobre todo, revivindo a tradición desa cultura milenaria que practicaron e espallaron beneditinos e cistercienses e que aínda persiste o albor da tradición que amaron os nosos devanceiros. O deles, un traballo arduo, moi sufrido e misterioso, que semella mais a un rito sapiencial que a un traballo ben pago e compracido. Ao final é velo honrado nesta feira, o mítico líquido de Baco, que aporta encantamento a quen fai festa báquica, neste fermoso lugar.

Mais o peculiar desta demostración a fai distinta a tantas feiras do viño que se fan na Ribeira Sacra no mosaico urbano, con casetas ou mostradores artificiais que non propician unha atracción natural como a que se respira en Vilachá. Nesta delicada chaira aglomérase un conxunto de adegas, ben sombrizas e ben ventiladas, por eses áticos carballos e arqueadas rúas onde se ergue unha delicada arquitectura labrega, harmónica e ben tecida, composta por lascas de xisto e con teitume de lousado, onde o brión luce seus resplandores. Estas son as adegas que conforman un espazo funcional e lúdico. O viño está en cada unha das adegas, mesmo nas cubas e pipos, fresquiño e ben acomodado para servir sen o remover e trasfegar. O viño estas adegas de Vilachá é único e pletórico. Os atraídos visitantes transitan por estas estreiras rúas, ao lado dun silencioso regatiño que decora e circunda as adegas, lonxe da poboación. Cada unha desas adegas é un especie de santuario dionisíaco onde o viño, elevado a ritual, da benvidas aos peregrinos que entran e saen destes pequenos templos, fancendo amizade nos bebes e comes. Esta feira harmoniza mercadoría e a festa late co rigor dos tempos nosos de antano que non esmorecen, para que o prodixio da terra labrada e farturenta dos froitos das videiras, continúen vivas no respiro e no eloxio festivo de Vilachá.

A feira do viño de Vilachá débese ao esforzo dos produtores vinícolas, é verdade. Mais sen a coordinación tan puntual e tan ordenada que parte do goberno municipal de A Pobra do Brollón, e que ten conciencia de país e da cultura que respira este concello, en moi diversas temáticas tradicionais que emerxeron grazas a un proxecto sólido que recobra importancia en varias festas con impacto, como é a do Oso de Salcedo. O consistorio municipal sabe moi ben que recobrar a memoria dos nosos devanceiros, ademais de un deber e unha maneira de anular o silencio que tanto impera en certas institucións tan ávidas en destruír a nosa identidade para impoñer a foránea. A Pobra do Brollón está recobrando interesantes tradicións materiais e inmateriais. A sensibilidade recobra a importancia que merecen esas adegas de Vilachá e outros espazos que engrandecen a este municipio de nutridas paisaxes bañadas por fermosos e suculentos ríos.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras