Unha medalla laica para Xesús Mato Mato 27/06/2018
Opinión - logo gd 2


Xosé Lois García

O crego Xesús Mato, de solvente sabedoría, pedagoxía e lealdade a Galiza, recibirá o próximo día 28 de xuño (aniversario do plebiscito estatutario matogalego de 1936) a medalla Castelao, polos distinguidos concertos, visiblemente galegos, que a súa vida de entrega, vocación e compromiso cristián, e desde unha dimensión e entrega humanista, que frecuentemente notamos a faltar en non poucos cregos limitados á oficiosa ritualidade mais que a un proceder evanxélico. Mato sérvenos de exemplo en variadas emerxencias cívicas que manifesta súa vida de convivencia e presenza de estar en precisos lugares onde se manifesta a vida das persoas vulneradas, por tantas miserias que aportan os opresores deste mundo. Xesús Mato anda entre cacharros rotos e descompostos da vida, procurando a Deus. Como dicía Santa Teresa de Jesús: “También entre los pucheros anda el Señor”. A presenza da mensaxe evanxélica, corroborada polo comportamento cívico-relixioso de Xesús Mato, lévanos ao misterio da plenitude da vida vital que temos que edificar desde diferentes espazos existenciais, con sensibilidade emotiva e emocional que nos transmite este crego a imitar. O sei. Falo do amigo, por iso confirmo actitudes humanas que teñen un ámbito espiritual engrandecedor que transmite dignidade. Alén de calquera motivación persoal está a dignidade e esta é a aureola que circunda a este ser, miúdo de corpo e grande de esforzo, que coñecemos como Xesús Mato Mato.

Este xentil crego, non de profesión e si de vocación, que viviu intensamente a vida do rural de posguerra na súa Paradela natal, nunca perdeu o apego a ela e ás xentes mais humildes, aportando o seu achegamento rompedor en favor dos que desexaban ter voz naquel silencio tenebroso, en que certas xerarquías da Igrexa colaboraron con intensidade co oprobio. Mais o Mato, xuntamente con outros cregos, estivo dispoñíbel para facer que a reforma conciliar fora un puntal de posta ao día da Igrexa galega. De aquí vemos varias accións nas que el se moveu creando coros e grupos musicais como “Fuxan os Ventos” e, mais tarde, “A Quenlla”. Emisoras de radio, tan populares como lembradas, desde Lalín e desde outras latitudes. Mato é un home de pastoral vangardista e de estímulos solidarios cos que soportan a xugueira da aflición. Así enténdese o recoñecemento que seus fregueses lle profesan na capital do Deza, en Lugo e naquel conxunto de parroquias que levou no Cebreiro e no Courel. Un crego que nunca optou pola traxedia da soidade e da incomunicación que tantos cregos practicaron e como lle acontece a moitos. Non me cadra que Xesús Mato sexa un varudo pastor de violento caxato e de voz estrepitosa para amedrentar ao rabaño. Coido que el é unha mansa ovella mais, desas que recomenda o papa Francisco aos pastores: “Con olor de ovella” e non “con cara de vinagre”. Engade Francisco: “Nada que ver con eses que olen a perfume caro e óllante de lonxe e desde arriba”. Este parámetro é inhabitual na conducta do crego Mato.

Unha medalla laica é o trofeo benquerido que apreixará o día 28 Xesús Mato, co nome de Castelao. O noso guieiro, que amou e defendeu a Galiza nas turbulencias mais desfavorábeis na primeira metade do século XX. Unha condecoración que honra o nome da mesma e a quen se lle dá. Con esta dotación ao crego Mato, corrésese unha impostura moi usual de dar a Medalla Castelao a persoas que teñen moi pouco que ver coa defensa do idioma, da cultura e de manter unha oposición contra os agravios que se cometen co noso pobo. Xesús Mato Mato é un home de pobo, asentado na súa lingua, que a defende sen reservas, na cultura que protexe a nosa identidade. Ser cristián non limita ser galego e exercer en tódalas prioridades que demanda a defensa da galeguidade, como conducta evanxélica. Así o manifesta Mato como no seu día o manifestou a voz ecuménica doutro premiado coa Medalla Castelao (1988), o bispo de Mondoñedo, Miguel Anxo Arauxo Iglesias, ao ser investido membro da Real Academia Galega: “A Igrexa terá que estar atenta en cada intre histórico á evolución da cultura e tamén á historia deste noso pobo galego. Para elo é necesario o diálogo, o contacto, as relacións de amistade entre os que podemos chamar homes de Igrexa e os homes que mais norman e desenrolan a cultura”. Neste contexto, invariablemente, está o nosos Xesús Mato. Parabéns, amigo.

canle ribeira sacra logo 270

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras