Xoán Neira Abrindo Gaiolas - 15/08/2018
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

Os diversos contidos da escolma poética infantil, “Gaiola aberta”, da autoría do escritor e poeta Xoán Neira, resúltanos un libro admirablemente xoan neira abrindoimprescindíbel que dimensiona ao lector para quen vai dirixido á idade infantil e para quen contempla a infancia. Un distinguido agasallo que rememora os vinte anos da aparición do seu primeiro libro infantil: “Recreos” (1997). Desde este punto de partida até chegar ao último: “Chafarís” (2017), están os seguintes: “Xiz de cor” (2004), “Farrapos de Nube (2007), “No cubil da Lúa” (2009) e “Un niño no xardín” (2012). Estes son os seis libros que conforman a escolma de “Gaiola aberta”, publicado por Baía Edicións (2018). Unha escolma ben pensada e seleccionada, por un dos nosos excelentes críticos literarios, como é Armando Requeixo, que diversifica a crítica literaria en varios e notábeis xornais galegos e non só. Requeixo, nesta súa escolma, expón a poesía infantil de Xoán Neira en seus primorosos vinte anos, nun oportuno e necesario decálogo en uso, que nos serve para entrar en varios planos da obra de quen é agora un clásico na literatura infantil galega. E, tamén, un decálogo de portas abertas para entender e diversificar os códigos que rexen a actual literatura infantil galega.

Non sempre se conmemoran vinte anos de creación absoluta con media ducia de libros, como é o caso, ben nutrido e cercado, que nos ofrece Xoán Neira en “Gaiola aberta”. Un título xenérico e acertado -talvez metafórico-, que garda relación con “Os soños na gaiola” de Manuel María, e que Neira dedica ao poeta de Outeiro de Rei, no cincuentenario da publicación deses soños pechados na gaiola de tantos silencios e cohibicións que soportou o noso país. Neste título, tan oportuno, Neira abre as gaiolas dos soños e de toda a paxarada errante e apresada nunha gaiola. E preciso abrir conciencias ante gaiolas pechadas con seres vivos dentro, por moito que esa gaiola sexa de santificada veneración, como a que tiña Pío XII cun xílgaro dentro, na década de 1950, e que recibiu oportunas críticas por castrar os soños de liberdade dun ser enreixado, na gaiola do papa. O título deste libro non deixa de ser un convite para abrir gaiolas, aínda das que levamos e non somos conscientes de que nos aferrollan. Os versos desta escolma esclarecen tantas cousas do noso imaxinario, con referencias ao noso país, onde os nenos teñen a oportunidade de beber nese manancial de augas cantareiras e transparentes que esclarecen ambientes da nosa cultura, moitos deles silenciados e que o noso poeta fai que o lector infante retome as esencias culturais do noso país.

gaiolasPor tanto, facer literatura para nenos e adolescentes nas circunstanciais actuais polas que atravesa a fala e a cultura galega, non deixa de ser un acto de esencial releve por recobrar o que se silencia e, sobre todo, formar e incorporar un potencial de lectores infantís. Investir nesta literatura inicial para nenos, desde as escolas e outros medios docentes, non deixa de ser algo sublime para quen potencia este tipo de literatura. No caso de Xoán Neira, é obvio que un pedagogo como el foi, durante moitos anos, teña conciencia da materia que el modela e da conciencia que comparte co mais necesario e rudimentario da formación intelectual dos anos prematuros en que un neno pode medrar no herdo e na tradición da lingua e nos brinquedos que se oferta en “Gaiola aberta”.Meter no imaxinario dos nenos esas incontinencias prodixiosas, de tantas cousas que conforman ese enorme ventallo de emocións, que nos transfire a poesía infantil de Xoán Neira. O pasado recobrando vitalidade pedagóxica nesas polifacéticas instancias compositivas que agrandan un universo pregado de albores que acordan os soños en gaiola aberta.

O oficio de artesán lírico, con que modela Xoán Neira cada un dos poemas desta escolma, desdí esa vulgaridade de que moitos coidan que a literatura infantil é un xénero menor, ou literatura da inxenuidade. Sen pensar que os nenos son os mellores críticos en censurar o que non lles agrada de certas lecturas. Non andan con rodeos, o si e o non do seu gusto ou desagrado é contundente, en detestar aquilo que non entra no parámetro de súas emotividades. Mentres que os adultos somos mais mesiricordes coa lectura que nos desagrada. Sobre este aspecto, lembro unha conversa que tiven ceando na casa do escritor angolano Pepetela, en Luanda, falando do seu libro infantil: “As aventuras de Ngunga”, advertía que é moito mais difícil facer literatura para nenos que para adultos, dado que infinitas veces non entramos no universo do pensamento infantil e non estimamos moitas das formulacións que eles fan e que deixan de ser simples formulismos ou inxenuidades. Por iso é que temos que modificar condutas simplistas ante a contundencia do si ou do non, con que un infante determina esquecer certa literatura con destino a súa curta idade, estimando certos valores intelectuais que eles manifestan. “Gaiola aberta”, parte dun concepto pedagóxico considerábel, dado que Xoán Neira coñece a mentalidade dos nenos. Nesta dirección, a súa obra resúltanos necesaria para abordar unha nova maneira de esclarecer a boa literatura infantil no panorama actual galego. Estamos pois, ante unha edición moi elaborada por Xoán Neira e ben temperada por Armando Requeixo que ben merecen un longo e continuado eloxio.