A paisaxe reivindicada na pintura de Esperanza Lema 24/09/2018
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

Na pintura de Esperanza Lema Bouzas concrétase unha expresión, un destino naturalista e un indicativo que transcende en varias direccións, e unha esperanza lema bouzas 1destas imprime o valor diverso das paisaxes que fornecen a unha Galiza transcendente, na que Esperanza Lema está instalada para darlle destaque narrativo á metafísica paisaxística, que ten para os galegos un valor didáctico-pedagóxico para auto definirnos no misterio que nos induce a contemplarnos a través da paisaxe na que estamos instalados, tantas veces ignorándoa: ignorándonos. D. Ramón Otero Pedrayo, dicía o seguinte: “A paisaxe componse de procesos e formas. Soio o análisis pódeos distinguire, i é precisión de métoos, e de vivencia das cousas”. En todo este formato de transparencia mutábel, Lema Bouzas percibe os ritmos, a vitalidade e a decadencia que as estacións determinan sobre a paisaxe e, nesta transcendencia cósmica está instalada a nosa pintora, para esculcar e evocar as particularidades de diversas expresións naturais que produce o noso microcosmos. Velaquí como erixe eses horizontes abertos de Oseira, do Miño e do Sil, da Ribeira Sacra, dos Ancares, de Carboeiro, de Ximonde, do Pico Sagro, do Belesar ribeirao, dos íntimos e esquemáticos espazos do río Ulla, onde Dozar outea e rexoubase, expresando a decadencia das cores de outono e a vitalidade inicial que se mostra na primavera, unha serie de secuencias dinámicas que operan na natureza que rescata Esperanza Lema. En todas estas relacións dinámicas das paisaxes íntimas e abertas, procésase un iniciático camiño polo que transcende a pintora de Dozar.

Quixera destacar un cadro, titulado: “O pai Miño”, moi interesante sobre unha particularidade paisaxística de excepción como é o espazo xeográfico que demarca este río, en súa longa e ampla viravolta que coñecemos co nome do Cabo do Mundo, na parroquia chantadesa de Nogueira de Miño, e que só podemos visualizar ese encanto sublime da Ribeira Sacra desde as parroquias da Cova e Fión (Saviñao). Neste cadro saliéntase a capacidade de síntese da autora, de fornecer con trazos simples para caracterizar a este espazo; unha precisión estética, na que se imprime un amplo sentimento que podemos ter ante esta determinada paisaxe que Esperanza nos ofrece neses efectos cambiantes e transcendentes, que podemos visualizar desa enorme mole telúrica. Esa densidade de montañas que definen o labirinto de viravoltas do patriarca Miño. O estilo deses trazos, implorados nese tecido orgánico que manifesta o Cabo do Mundo, lévanos a pensar que Esperanza Lema ten un dominio da simplicidade, na que formula insinuacións da arrogancia dese rousar fluvial que deseña ese cabo xeográfico, sen divulgar unha serie de temas que se sosteñen nese entorno natural. Por tanto, temos que imaxinalo nesa brevidade de trazos tan cheos de abreviada sinxeleza, que nos lembra a plenitude dos pintores xaponeses tan nutridos na cultura Zen, que nos presentan dunha maneira breve o monte sacro de mais de tres mil metros de altura, como é o monte Fuji o mais alto do Xapón. O nivel das pinceladas breves que emprega Esperanza Lema transcende neste promontorio da sacra ribeira de Nogueira de Miño, un escenario propicio para coidar dese perfil con diversas cores, aínda que neste cadro non aparecen, en realidade non están. É unha maneira de atraer ao esculcador para definir co seu pensamento e non para recrear soamente o sentido óptico.

esperanza lema bouzas 2Outra das atraíntes particularidades da pintura de Lema Bouza está nos bodegóns, nos que articula as flores de toxo, dalias, crisantemos, mimosas, hortensias e papoulas dunha maneira maxistral e capaz de meternos en cada cor, trazo, espazo e punto de fuga, para respirar todo esa elocuencia poética que nos posiciona en calquera dos desafíos de conseguir unha grata intelección, como observantes do que debemos observar neses elementos sensíbeis que nos producen harmonía como é no caso dos bodegóns que a pintora nos presenta. Tense dito moitas veces, con certa apatía, que a exhibición pictórica dos bodegóns é un tema moi particular das mulleres pintoras, ou que é unha temática moi reducionista nos pintores españois. Iso non é así: os grandes pintores da arte da península Ibérica desde o século XVII, existe un enorme florilexio de bodegóns que se cultivaron por excelsos pintores do sinalado século, como: “Juan de Espinosa, Francisco Barrera, Tomás de Yepes, Juan de Arellano, Zurbarán, Velazquez, pasando por Goya ate Picasso. Este xénero cromático foi potenciado no século XVIII, por unha das súas amantes, a raíña Isabel de Farnesio, esposa do primeiro Borbón español, Felipe V, que trouxo de Italia a Giacomo Nani, un pintor que privilexiou e expansionou a temática dos bodegóns que Isabel de Farnesio coleccionou. Pode que por este feito se pensou que os bodegóns era unha especie de arte menor por ser tan admirada e protexida por esta cortesán e por algunhas pintoras que floreceron no barroco.

Neste temario dos bodegóns, no que Esperanza Lema ten manifestado as súas credenciais de verdadeira artesán, hai tres cadros de referencia que están mais no temario da natureza morta iluminada e que debemos encadrar nesa diferencia de matices e de expresividade con respecto aos bodegóns, como son os titulados: “A patela dos ourizos”, “O sorriso das castañas” e “Ourizos”. Trátase de tres formatos distintos que emiten fascinantes mensaxes moi individualizados mais non dispersos entre si. A delicadeza con que foron asumidos e expresados, transmiten e confiren ver ese agasallo que nos ofrenda a outonada. Para os que nacemos na Ribeira Sacra, tan nutrida de soutos e dadora da cultura da castaña, tan representada no mes de outubro, tempo da súa recolección, que o denominamos como o mes da castiñeira. Por tanto os que nos nutrimos da presencia desas imaxes recompostas polo encanto que esta pintora venera a un dos alimentos da nosa dieta que conmemora os tempos idos onde a castaña foi soberana, que aparecen nestes tres cadros e nos que se rescata e conmemora o memorando intemporal, que fica fixado nestes tres documentos cromáticos. E iso é porque Esperanza Lema coñece a Ribeira Sacra que tripou en múltiples ocasións, e o fascíneo por ver as castañas protexidas polo ourizo a levaron a conseguir e sa iluminada aventura feliz. Por tanto, as paisaxes matriciais de Lema Bouzas inspiran retomar o tempo e o espazo que reten a súa pintura, para valorar o que non seríamos sen esta Galiza florecente: anima activa do que expresamos e do que xa expresou Rosalía, sobre a paisaxe nos vales do Ulla, onde Esperanza é receptiva coa magnánima oferta que lle brindan eses formatos naturais, como a nosa cantora nacional dixo: “Prados, ríos, arboredas, / pinares que move o vento, / paxariños piadores, / casiña do meu contento. / Muiño dos castañares, / campaniñas timbradoiras / da igresiña do lugar”. Velaquí a autenticidade do universo galego, en súa mais íntima infinidade da poesía e da pintura que nos nutre de sensibilidade para recoñecernos na palabra poética e na imaxe cromática, codificando a nosa pertenza e presenza.

canle ribeira sacra logo 270

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras