Ribadavia, en dívida con Ángeles Gulín - 27/09/2018
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

Vale a pena ir ás terras do Ribeiro, a esas que o Avia e o Miño bañan e ver as gratas paisaxes e sentir os seus microclimas nos poros. Ver a diversidade da arquitectura e símbolos do románico e, sobre todo, observar a simple arquitectura labrega-viñateira, con ese perfume lustroso que nos angeles gulínanima a facer e respectar país, no herdo e na gracia dos nosos devanceiros. Mais que diremos desa Ribadavia plenipotenciaria en tantas precisións históricas, no desasosego dos nosos xudeus expulsados deste sacro eido, e de seus nefastos perseguidores, a ralea asasina de conxurados inquisidores. Ribadavia é iso, memoria viva para reconstruíla e endexamais deixar que se altere, mutile ou se perda. Adoro Ribadavia e as terras que a guarnecen. Paseo por ela, con demasiado silencio, pero talvez sexa o mellor para que esas pedras antigas continúen rezando unha salmodia sapiencial.

Gusto de pasear polo barrio xudeu, a carón da Porta Nova, a Praza da Madalena e observar a beleza do río Avia e seu cantar con sons sefardís. Entrar do bar A Papuxa, onde unha trapa nos leva a aos subsolos, aos escondites do gueto xudaico, mais adiante entramos na Tafona da Herminia, esta boa señora indúcenos a probar os seus doces, que particularizan a presencia dos perseguidos e expulsados xudeus que fixeron país e cultura galega. Estas andainas pola cidade do Avia resultan impagábeis, cando un leva de guía a unha persoa que coñece moi ben a historia e os seus recantos nativos, como é José Luis Chao. Diante mesmo da Tafona da Herminia, Chao móstrame unha casiña humilde, con indicios de derrube, e constátame que nela naceu en 1939 Ángeles Gulín, a mítica e famosa cantante de ópera que actuou nos mellores teatros operísticos, e tantas veces no Festival de Ópera no Teatro Colón da Coruña, sirva este dato como referencia de boa querenza filial que tiña con Galiza. Eu non daba crédito á sorpresa, de que nese simple casarello nacera unha enorme soprano que tanta vida e esplendor expresivo deu á obra operística de Verdi. Mais non só espremeu o mellor da obra verdiana, senón tamén cando puxo en valor creativo de ser unha das grandes voces da ópera cando interpretou “A frauta máxica” de Mozart.

Pensando no gran valor creativo que tiña Ángeles Gulín, propiciou un cabreo de revolta do pouco que se coida nesta Galiza marxinada a valores que foron ovacionados por todo o mundo. E nós non temos o suficiente ímpeto para mostrar ao mundo que dunha familia de escasos recursos e nunha casiña humilde e abandonada -iso parece- non hai a menor testemuña de recoñecemento, algo insólito. Como se o goberno municipal de Ribadavia e mesmo a oposición non teñan alertado sobre a conveniencia de converter este pequeno espazo en algo que retribúa en esclarecer a esta excelsa figura local e darlle unha utilidade a esta casa que responda á profesión desta grande diva? O fago en son de pregunta, nada inocentemente nin inxenua. Só coa sorpresa que tiven de que os señores do consistorio do Común deixen derrubar algo tan simple e tan emocionante como é un casa onde naceu unha artista, que quizais para moitos veciños de Ribadavia Ángeles Gulín non deixa de ser un portento referencial. Unha casa que protexeu a unha familia que por razóns económicas e políticas tivo que deixala e emigrar a Uruguay. O seu pai foi director da banda de música de Ribadavia. En Montevideo fixo estudos no Conservatorio, debutando nesta cidade cando tiña dezanove anos e abrindo así un futuro operístico de cumprido recoñecemento. Sen dúbida, para un pobo como o de Ribadavia non deixa de ser un privilexio, sobre todo, cando se lle conserve unha casa memorial, desta ilustre ribadaviense, falecida en Madrid o dez de outubro de 2002.

canle ribeira sacra logo 270

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras