Arte e espazo medioambiental na capela de Guadalupe (Saviñao) - 31 xaneiro 2019
Opinión: nos diario 45x25

Xosé Lois García

Desde hai un considerábel tempo a capela da Nosa Señora de Guadalupe, na parroquia de S. Vitorio de Ribas de Miño (Saviñao) vén sendo noticia por diversas circunstancias. A primeira delas é debido ao espolio que sufriron relevantes particularidades do seu patrimonio artístico e o seu abandono polos que verdadeiramente tiñan que protexela. Desde hai uns dous meses as noticias correron en diferentes direccións, sobre este conxunto artístico e o seu espazo natural. O 30 de novembro de 2018, no pleno municipal do Saviñao, o Bloque Nacionalista Galego pediu ao goberno municipal do PP que instase a Consellaría de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia a realización dun estudo sobre o estado de conservación da capela de Guadalupe; parece ser que o goberno municipal non está polo labor ou polo menos descarga o tema na Xunta, aínda que votase en favor da proposta do Bloque. 

A declaración do BIC para a Ribeira Sacra aparece no decreto do 31 de decembro de 2018, que se publicou no DOG nº 248, con mención a esta capela nas páxinas 54801, 54848, 54911 e 54920. En todas elas poucas concrecións podemos admirar a respecto do seu deterioro e seu envolvente medioambiental que son dos elementos inseparábeis que prioriza unha solución inmediata. Por suposto, a paisaxe e a arte son a totalidade deste espazo situado na cimeira miñota do lugar do Val. Onde a paisaxe é soberana neses micro espazos ribeiraos, desde onde podemos observar á súa fronte o Castro Candad, as terras de Chantada e Taboada, tendo a seu frontis a estimulante serra do Faro, e ao seu pé as augas encoradas do Miño, que serpentean en inauditas abreviacións por estas insólitas paraxes. E isto é un activo que hai salvar, guarnecer e promocionar, desde a Xunta, a Deputación de Lugo e, prioritariamente pola corporación municipal do Saviñao, da cor que sexa. Coido que a capela de Guadalupe está exenta de toda preocupación orgánica que programe unha promoción seria na divulgación dun dos mais arrogantes núcleos paisaxísticos que, polo seu especial entorno xeográfico, podemos pór en valor a eficacia dun sendeirismo que actualmente non goza dunha estrutura funcional, e isto é un labor básico do concello.

A paisaxe e a arte son a totalidade deste espazo situado na cimeira miñota do lugar do Val

Hai poucos días que a activa deputada do Bloque, no Parlamento de Galiza, Olalla Rodil pediu unha diagnose estrutural sobre a conservación do monumento. Unha cuestión en que, pola súa gravidade, resulta moi importante bater o badalo e sonorizar que o legado artístico e natural está nun estado perigosamente excepcional: en desfeita. Nese enorme radio envolvente de Guadalupe hai unha interrelación entre o patrimonio material e inmaterial que ten aquí un indiscutíbel apousento que temos que salvar e promocionar, sen indulxencias. A declaración de zona BIC deste microcosmos carece de puntualizacións ao non manifestar a igualdade de conxunto destes dous temas inseparábeis. Por tanto os matices da deputada Olalla Rodil son correctos para ampliar un debate que o BNG debe lexitimar e, con iso, verificar outras incorreccións concretas do BIC Ribeira Sacra.

O meu sentimento concorre en defender este espazo, dado que a miña mai era natural desta terra. Claro que a miña xénese está, tamén, deste lado do Miño e do antigo Sardinarius (río Sardiñeira). Hai uns dous anos que o meu vello amigo Xosé Ramón Rodríguez, de San Vitorio, pediu as chaves da capela e levoume a ver o seu interior. A sorpresa foi a dúas bandas. Unha, ao ver eses tres fascinantes retablos barrocos con anunciados do neoclásico e con elementos figurativos e policromía de inspiración azteca. Configurados naquela expresión de arte sacra que se deu nas colonias españolas de América, que foron exportadas nos séculos XVII e XVIII. Fiquei mesmo impresionado e con expresiva rabia de constatar que o máis valioso do noso patrimonio artístico está polo chan e desacreditando o seu prodixioso valor creativo. A segunda sorpresa foi a marca que deixou o roubo perpetrado no taboado da teitume, con decorados similares aos mencionados retablos. E ninguén denunciou esta valiosa perda. A indiferenza do Patrimonio eclesiástico, da Xunta e da misión que debe ter o Concello do Saviñao de velar e coidar do patrimonio que pertence ao municipio —a eficacia destas institucións sobre o tema— fica en entredito. Por tanto, non podemos deixar de reivindicar esta riqueza artística e natural que se concretan no espazo de S. Vitorio de Ribas de Miño.

A segunda sorpresa foi a marca que deixou o roubo perpetrado no taboado da teitume, con decorados similares aos mencionados retablos

A cuadrangular capela de Guadalupe, con seu fermoso frontis, con corredor para predicadores, trátase dun enorme santuario fundado polo abade de S. Vitorio, Pedro Losada Prado de Soutomaior, en tempos do bispo de Lugo, o catalán Francesc Armanyà i Font. Comezou a construírse o 12 de xullo de 1775. Un edificio que manifesta moi pouco o barroco galego. Tendo en conta que o barroco de Casas e Novoa, arquitecto da fachada do Obradoiro, identificouse con certas manifestacións e tendencias decorativas que chegaron dos templos construídos no México colonial. Nada ten a ver este conxunto arquitectónico con esa tendencia, pero si a decoración interior e a estrutura dos retablos están tipificados na ornamentación dos retablos e na policromía  matizada nos formatos dos santuarios mexicanos do século XVIII, que aparecen en varios lugares da Península. 

É curioso que a Virxe de Guadalupe, a que no medievo lle apareceu ao pastor Gil Cordero, xunto ao río Guadalupe en Cáceres, tivo connotación colonial ao ser reinventada, noutra aparición en México, polo seu bispo, o  franciscano e erasmista, Frei Juan de Zumárraga, natural de Durango, que exerceu como prelado de México de 1528 a 1548, el foi o que marcou unha liña de evanxelización cara á integración dos indios ao catolicismo, poñéndoos baixo o padroádego da Virxe de Guadalupe, que se lle apareceu ao indio cristianizado, Juan Diego no cerro de Tepeiac, o nove de decembro de 1531. O tan famoso Juan Dieguito, o das aparicións, fecundou unha historia relixiosa moi atractiva para os indios, modelada e potenciada  por Juan de Zumárraga. Sen este prelado, non sería posíbel tan entrañábel e exótica aparición.

O barroco de Casas e Novoa, arquitecto da fachada do Obradoiro, identificouse con certas manifestacións e tendencias decorativas que chegaron dos templos construídos no México colonial

Esa suposta aparición da Virxe en México foi tan eficaz que se repetiron en moitos lugares da metrópole. Erguéndose santuarios coa advocación da Virxe de Guadalupe. Quizais en S. Vitorio de Ribas de Miño aparecéuselle a algún pastor de ovellas, a un viñateiro errante e bébedo, ou a un fatigado labrador do lugar do Val. Quen o tiña que saber era o párroco, Pedro Losada Prado de Soutomaior, interesado fundador, mais finou co segredo de non descubrir o agraciado. A este santuario peregrinou unha solícita multitude desde as veciñas terras de Chantada que cruzaban o Miño na barca de Porto, subían a escarpada ribeira e chegaban ao santuario. Repetindo andaina milagreira o 25 de marzo de cada ano. Unha festa de grande devocionario que axuntaba miles de peregrinos de labregancia.